off
Estado, Saúde — 3 Agosto, 2014 at 10:11

O regreso dos patexos

por Maria Montserrat Garcia

patexopatexoMiña nai era unha pequerrecha que ía ó muíño do Baturro cando lle aprenderon a ter medo dos tolos. Non vos paredes no camiño que vos pode saír o tolo ó paso… A nena, que non sabía que cousa era aquilo de ser tolo, pasaba por diante da casa onde seica moraba o infeliz arrimándose ben ao ribón, camiñando de través, ao xeito dos patexos, para non perder nunca de vista o perigo que podía botarse pola porta fóra. A crianza entendía o que aquel retrouso informaba: a ameaza de todo o que é estraño e espanta. Un perigo feito da pel e dos ósos dun home que nunca mal fixera e que malia iso estaba condenado a vivir fechado no cuarto e atado por un pé ó cabezal da cama.

Anos despois miña nai aproveitou que tiña unha filla psiquiatra para esculcar  que os tolos, os doentes mentais, as persoas con patexopatexotrastornos emocionais graves, non teñen máis risco de ser agresivos do que calquera outra persoa, aínda que si máis risco de seren vítimas da violencia dos outros. Decatouse que tiña que coñecer, sen sospeitalo, a máis dun esquizofrénico, xa que a doenza afecta a unha de cada 100 persoas. Déuselle por pensar que moitos dos seus coñecidos (políticos, albaneis, mestres, labregos…) debían ser bipolares, psicóticos ou obsesivos, aínda que o tiñan agochado, non fora ser que os miraran de esguello (vai ser iso o que dan en chamar estigma). Entendeu qué pobreza era para todos nós prescindir dunha parte tan importante da nosa comunidade e que miserabel era unha sociedade que negaba os seus dereitos fundamentais a un grupo de persoas en base a medos, prexuizos e necesidade de control.

O novo código penal equiparará máis unha vez doenza mental e perigo social, opoñéndose a toda evidencia científica e estatística

Todo aquilo que miña nai aprendeu, que aprendemos todos con ela dende os inicios da reforma psiquiátrica na segunda metade dos anos 70, vese agora posto en risco polo proxecto de reforma do Código Penal que impulsa o goberno central. Este proxecto, que vulnera os dereitos civís e as liberdades da poboación en moitos aspectos, é especialmente agresivo cos colectivos máis vulnerábeis da nosa sociedade, entre doutros cos emigrantes e coas persoas con diagnóstico psiquiátrico.

O novo código penal equiparará máis unha vez doenza mental e perigosidade social, opoñéndose a toda evidencia científica e estatística. Permitirá que un cidadá poida ser privado de liberdade non por un delito que xa cometera, senón pola previsión dos que poida (ou non) cometer no futuro en virtude do diagnóstico que recibira.

Na lexislación actual, cando unha persoa comete un delito que se considera en relación directa coa súa doenza mental, e polo tanto o xuíz determina que é inimputable, pódeselle impoñer unha pena de seguridade, con ou sen internamento hospitalario, que hai que revisar periodicamente e que en ningún caso pode ser superior á pena de privación de liberdade que tería sufrido en caso de ser imputable. Se se aproba este novo código, poderá ser retido nun centro psiquiátrico de por vida, independentemente da gravidade do delito cometido, nunha condena a perpetuidade.

Outra das medidas restritivas da liberdade, e contrarias a leis como a de autonomía do paciente que nos afectan a todos nós, é a do Tratamento Médico Forzoso, que privará ós cidadáns con un diagnóstico psiquiátrico do dereito a negarse a recibir un tratamento dado, mesmo cando non se atopen descompensados senón en plenas facultades e co xuízo de realidade conservado.

Os ingresos psiquiátricos involuntarios, que na actualidade se realizan unicamente a criterio médico e con condicións moi estritas nas que o xuíz e o forense vixían porque non se vulneren os dereitos do paciente, pasarán a ser decididos por criterios xudiciais máis en relación coa alarma ou a incomodidade social que cos beneficios dunha intervención sanitaria. Ademais, a persoa será obrigada a facer un seguimento estrito e cumprimento do tratamento despois da alta, baixo a ameaza dun novo ingreso en caso de negarse.

Os ingresos psiquiátricos involuntarios, que na actualidade se realizan unicamente a criterio médico e con condicións moi estritas nas que o xuíz e o forense vixían porque non se vulneren os dereitos do paciente, pasarán a ser decididos por criterios xudiciais

Trátase por tanto dun proxecto de lei prexuizoso, baseado en estereotipos discriminatorios e na vontade de exacerbar o control social e limitar as liberdades dunha parte importante da poboación (pénsese que, segundo a OMS, unha de cada catro persoas recibirá un diagnóstico psiquiátrico ó longo da súa vida e que as novas clasificacións psiquiátricas van no camiño de patoloxizar cada vez máis aspectos do devir humano, como por exemplo os procesos de loito). É ademais un novo chanzo na perda de dereitos sociais e liberdades que, coa escusa da crise económica, se está a desenvolver nos últimos anos (as sucesivas reformas laborais, as limitacións no acceso á saúde, os progresivos retrocesos no modelo educativo, os recortes nas axudas a autonomía das persoas dependentes…).

Claro está que sempre podemos pensar que iso non nos afecta a nós e aprender a andar do aveso como os patexos, ocupándonos tan só de levar a fariña ó noso muíño… mais igual haberá que lembrar de novo os coñecidos versos atribuidos a  Brecht…

Primeiro viñeron polos negros,
pero eu non dixen nada porque non era negro.
Despois viñeron polos xudeus,
pero eu non dixen nada porque tampouco era xudeu.
Despois viñeron polos sacerdotes,
pero como eu non son relixioso, tampouco dixen nada.
Despois viñeron polos comunistas,
pero como eu non son comunista, non me importou.
Agora veñen por min, e xa é demasiado tarde

Maria Montserrat García é psiquiatra, licenciada en Medicina pola USC

1 Comentario

  • As xeracións futuras estudiarán algún día o que está a acontecer hoxe e verán que non fumos capaces de evitar que a historia se repita… que se as bruxas, os xudeus,etc. Parecía que despois do apartheid, e do exterminio nazi aprenderíamos a lección. Pero non, seguimos a perseguer aos máis flebes ou menos desfavorecidos. Veume ao pensamento a peli da Angelina Jolie, “Changelling” (O sustituto), na que a protagonista é fechada nun centro psiquiátrico porque molestaba…e medo me da que a reforma poida permitir isto!!

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: