off
Contos — 28 Xullo, 2014 at 9:39 a.m.

De amores

by

Anticipábase. Parecía ter o don da anticipación. Convídote a unha copa, dixo antes que eu collese folgos dabondo para convidala a ela.

Chocamos os vasos no alto e as nosas miradas entrelazáronse debuxando espirais de desexo. No fulgor dourado daquel ron agarimoso insinuábanse beixos e cancións. Tomámolo paseniño, a pequenos sorbos, entre risos de complicidade e requintadas mentiras que aboiaban no mar da sedución.

Agora convidas ti?, preguntou irónica xusto antes que eu me ofrecese. Pedín, logo, outros. Levantamos lixeiramente os vasos, desta vez sen despegar os cóbados da mesa. Sobre deles, as santiñas dos seus ollos teceron nos meus un adival de silencio. Apuramos a copa aos grolos.

Dixo que se ía cando eu estaba a piques de dicirlle que quedase.

E non fixeches nada?
Intentei retela. Pouseille a man no ombreiro interrompéndolle o movemento de se erguer. Entón fitoume melancólica e acenou estendendo o furabolos da man esquerda como se fose meterme un tiro. De súpeto soou un disparo. Non me decatei de que tiña unha arma ata que o chumbo me ardeu o peito. Acertoume no corazón.

Daquela… estarás morto, non si?
Quen sabe!, se cadra anticipeime e xa estaba morto cando sorbía o primeiro ron.

 

Segundo premio do “ Moncho Díaz” de microrrelato

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off