off
Cultura, Literatura — 5 Xullo, 2014 at 4:54 p.m.

Filgueira Valverde(1906-1996), o candidato da Xunta para o ano das Letras

by

Filgueira Valverde foi alcalde de Pontevedra durante o franquismo, conselleiro de Cultura no goberno de Albor e presidente do Consello da Cultura. Un producto da ditadura franquista que permitirá debullar o presente da cultura galega ao concederlle a RAG a un intelectual franquista o ano das Letras 2015


 

Ollaparo_Filgueira

 O político franquista

Foi alcalde nunha cidade na que morou Castelao cuxa obra  e dereitos de autor acabaron no  Museo que dirixía de xeito personalísimo. Tamén foi amigo de Bóveda, o nacionalista  que só optivo silenzo do homenaxeado cando aquel máis o precisaba. Porén, o primeiro Filgueira, o anterior a 1936.  animou  a fundación do Seminario de Estudos Galegos e outras iniciativas culturais. No seu mandado de Alcalde a fábrica de Celulosas pasou a facer parte da paisaxe de Pontevedra. Filgueira Valverde acabou presidindo o Consello da Cultura Galega  e como membro da Xunta de Fernández Albor foi conselleiro de Cultura. Non sería bó que esta decisión albiscara un ano de pleitesía dos académicos ao oficialismo e á cultura institucional  mália o maltrato á RAG da Xunta de Alberto Núñez Feijoó que a máis das políticas desleigadas, abertamente ofensivas contra a normalización do idioma e cultura galegas, vén de facer unhas declaracións verbo da obra de Castelao para pasaren a unha escolma universal do cinismo e da infamia.

A alta cultura  e, en concreto, os estudos literarios, fan parte das culturas normalizadas, ese non é o problema, nin tampouco que “non o van ler os taxistas”, como afirmou Alonso Montero; nun país onde non se lé, tanto ten, as causas están noutra parte.  Para alén do elitismo e academicismo (da inconfesable vontade da Xunta e de como funciona o campo literario galego (sucursal do español e infinitamente máis xeneroso) sería  interesante que os académicos da RAG nos informasen que méritos intrínsecos valorou da obra e investigación de Valverde, ao xeito dun Heidegger  galaico, para que esta supere as eivas do Valverde home, o seu franquismo. Mas a diferencia do aínda polémico e provisional “eximente” do filósofo alemán, o caso de Valverde non foi a do ’académico políticamente inxenuo” xa que ostentou cargos de responsabilidade políticaPorque precisamente agora, cando os dados da lingua galega no ensino son agónicos por mor dos continuos incumprimentos en materia de dereitos lingüísiticos por quen deberían ser os seus principais valedores oficiais, a Xunta e o propio Estado. Ao cabo, ábrese unha oportunidade para debullar se a súa obra de polígrafo é de seu tan importante para obviarmos o seu inequívoco colaboracionismo como alcalde de Pontevedra (1959-1968) xa que se situa en Burgos nos actos conmemorativos do XXV aniversario da exaltación de Franco á xefatura do Estado, como  procurador en Cortes polo terzo de representación familiar, como presidente do Tribunal Provincial Tutelar de Menores e  como membro do Consello Económico Sindical Provincial de Pontevedra.

Obra

Como polígrafo o seu interese vai da literatura medieval, o patrimonio cultural de Santiago e Pontevedra e o estudo de Fontán, o mestre Mateo, o conde de Gondomar até o P. Sarmiento, o P. Feijoo, Sarmiento de Gamboa, Álvaro de Mendaña, Méndez Núñez, Rosalía, Camoens e  Góngora . Na narrativa,destaca Quintana Viva (1971)  e na poesía as cancións neotrobadorescas  que serán a facetas máis doadas de festexar no ámbito escolar dun corpus fundamentalmente académico que non ten o caracter popular e comprometido da poética do chairego Manuel María, un dos outros candidatos.

Sería  interesante que a RAG  nos informase que valorou na extensa obra de investigación Valverde para que esta supere o seu franquismo (nunca dimitiu dos cargos) e nos permita centrarnos só nela e non nos mitos e evasivas que constituen os fundamentos da súa reputación posterior.

Oficialismo

A RAG que preside Alonso Montero conmemora a oficialidade da lingua na normativa que Filgueira impulsou de xeito decisivo, o que deixa en evidencia que un dous outros candidatos era Carvalho Calero, unha figura clave do reintegracionismo. De verdade non houbo relación coa política  e coa súa traxectoria en cargos durante o franquismo coa opción linguïstica adoptada polo oficialismo?  Mais unha oportunidade perdida para fornecer pontes co non oficialismo. Desta volta impúxose o candidato da cultura oficialista, patriarcal e conservadora, feito do que dá conta que a outra candidata, a poeta Xela Arias, referente da linguaxe poética galega de final de século, tamén non fose a escolleita.

Agardemos que, feita a escolla, a RAG  non se autoexima de toda responsabilidade.  Que o ano das Letras adicado a Filgueira Valverde  non sirva ao encobrimento como  reducto contra os muros no que os partidarios da súa candidatura se batan para evitar calquera fenda na actual política lingüística da Xunta, senón como oportunidade para afondar na obra e no home, en que circunstancias consentiu e aceptou exercer de político do réxime franquista e que relación tén esa faceta coa súa obra de polígrafo e valedor da actual normativa oficial do idioma galego.

One Comment

  1. Antom Labranha

    Se fose posible a neutralidade socio-cultural, Filgueira Valverde podería ser un meritorio candidato para un día das Letras Galegas que ten, aínda, función de dignificación dunha cultura oprimida. Iso se non falamos dos que teñen, polo menos tantos méritos, acadados estes desde posiconamentos comprometidos co país.

    Pero ser un colaborador destacado dun réxime que ten inmensa responsabilidade na dita opresión vai contribuír para que o Día das Letras Galegas perda carácter de seu e se convirta nunha carallada que, máis unha vez, dálles aos políticos de turno uns minutos de telexornal.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off