off
Cedeira, Galiza, Mar e Pesca — 28 Xuño, 2014 at 9:47 a.m.

Eleccións nas 63 confrarías do país

by

Ollaparo_pleamar 70s_sen praiaDende as  10:00 horas as  63 confrarías do país participan por primeira vez nun proceso electoral único e simultáneo, no que preto de 13.000 empresarios e traballadores do mar (8.308 son mariñeiros e mariscadoras e o resto armadores-propietarios das embarcacións nun país inzado de pequenas lanchas de baixura)  poderán votar aos vogais que conformarán a xunta xeral e que os representarán os vindeiros catro anos. Tal e como se establece na orde do 29 de abril de 2014, os secretarios/as de cada confraría deberán levantar acta inmediatamente cos resultados das votacións e remitilas no prazo das 24 horas seguintes (sen ter en conta o domingo) ao día das eleccións.o obxectivo de centralizar os datos das eleccións a vogais e poder obter unha base conxunta que permita facilitar estatísticas e información unificada á cidadanía e á opinión pública, a Consellería pon a disposición das confrarías tres medios para adiantar copia das actas canto antes: un número de fax, un enderezo electrónico e o sistema de elaboración e comunicación electrónica ELECON.

Falta de modelo e transparencia,a profesionalización que non chega

A elección levaba tempo adiada  (antes, cada catro anos) entanto a Conselleria de Pesca arranxaba unha nova norma que os regulase e ‘unificase’. Neste proceso non se distinguen candidaturas, senón que se presentan as persoas de xeito individual e logo se constitúe a xunta xeral. De aí será elixido o patrón maior. Trala xornada de hoxe, a data límite para a constitución da xunta xeral e a elección provisional do patrón maior é o 14 de xullo. O 24 de xullo esta elección deberá ser definitiva e o 26 de xullo será a toma de posesión dos patróns maiores. Alén diso, hai unha falta de modelo de xestión agravada por unha endémica falta de  procesos electivos democráticos para os cabildos das confrarías que derivou nun estancamento visibilizado no debalo das condicións de traballo dos socios e socias, no clientelismo e na ambigua “protección” xurídica das reservas de interese pesqueiro, como é o caso de Cedeira.

O actual patrón maior, Agustín Fernández non puido presentarse por varias incompatibilidades. A necesaria anovación ao frente dos colectivos mariñeiros debería vir da mán de prácticas democráticas participativas que puxeran couto ás inercias adquiridas que acaban por arranxar xuntas nas que o lobby de  “armadores”  acaparan os órganos de representación dos mariñeiros que acabarían de feito sen representación de seu. Aliás, as confrarías deixarían de seren unha ferramenta social de financiamento de microproxectos e de asistencia social. Non sería un bo comezo para a nova xunta facelo a raíz dun recurso alicerzado no interese dos menos, e non como produto da decisión da maioría dos mariñeiros.


 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off