off
Política local — 6 Xuño, 2014 at 2:19 p.m.

O Concello de Cedeira camiño de se convertir nunha axencia inmobiliaria

by

O BNG de Cedeira pregunta si o goberno popular pretende converter o Concello nunha axencia inmobiliaria


Ollaparo_Floreal_4A imprensa  comarcal vén de publicar un comunicado do  goberno municipal de Cedeira que expresa a intención de  darlle impulso a un plan de vivendas tuteladas para maiores de 60 anos (que ademáis han de cumprir o requisito de teren “plena autonomía para limpar”) a partires dunha promoción inmobiliaria de capital privado que logo de estourar o sector, non sabe como colocar 25 pisos ubicados no Floreal. Noutras palabras, o alcalde Luis Rubido estalle a dicir á cidadanía que a administración pública quere facerse cargo  dos pisos invendidos dunha inmobiliaria da que non se molesta nin en dar o nome. Eís os principios éticos e a exemplaridade do goberno do PP. A sociedade cedeirense devala, sobre todo a xuventude que está a padecer especialmente unha siutación ruinosa nunha atmosfera laboral envilecida e clientelar, mentres a ‘dolce farniente’ do goberno local se adica a privatizar servizos públicos ou publicitar inciativas privados. O Concello vai camiño de convertirse en Promocións Santos-Rubidos.

Converter o Concello nunha axencia inmobiliaria

A portavoz do BNG Maria Xosé Rodriguez  preguntábase se “o que están a anunciar en realidade nesta ocasión dende o Concello é que “os 25 pisos dunha promoción inmobiliaria privada ubicada na zona do Floreal poderían converterse nas primeiras vivendas tuteladas do Concello”. Unha é que poderán optar a elas persoas non dependentes, que serán estas ás que se encarguen da limpeza das vivendas e espazos comúns e que contarán con servizo de comedor e lavandería…

“Insistimos, que están a anunciar?, que, como unha inmobiliaria privada non dá vendido pisos, o goberno municipal popular intenta botarlle unha man baixo o disfraz de que se quere prestar un servizo a maiores de 60 anos que estean en “boas condicións físicas e psíquicas (isto tamén o recolle o publicado)”?.

Para o BNG de Cedeira é realmente escandaloso e grave que o goberno municipal do PP  se atreva a publicar algo así, e esiximos que se expliquen varios puntos importantes porque tal e como se recolle a noticia no publicado poderían estar dando un trato de favor a unha promotora non identificada. Por iso consideramos urxente, que o goberno municipal aclare que papel xogan eles nisto, actúan de intermediarios entre a promotora e os arrendatarios? De que maneira? Quen é a promotora dos pisos?

1812 vivendas baleiras

 A inercia coa que traballou o sector da construcción e promoción provocou que dende o pinchazo da burbulla inmobiliaria, entre 2006 e 2007, até hoxe continuen a sair ao mercado máis pisos dos que se venden. O Concello de Cedeira é o segundo de Galiza en vivenda en estado deficiente ou ruinoso e  cun cuarto do seu parque de vivenda desocupado. A queda dos prezos, sen contar a inflación ten sido de até o 20% e non voltarán aos altos prezos anteriores á crise. A baixa cantidade de vivenda de protección oficial (VPO) que hai en Cedeira – suposto competidor da vivenda privada- é unha mostra da voracidade de moitos dos promotores que agora non saben que facer con tanta vivenda de nova construcción baleira. Na demarcación de  Cedeira hai 874 vivendas secundarias (vivenda familiar que é utilizada só parte do ano, de forma estacional, periódica ou esporádica, durante as vacacións ou fins de semana) a máis das 1812 vivendas baleiras ( aquela vivenda que permanecendo sen ser ocupada, está dispoñible para a venda ou aluguer ou mesmo abandonada). A cobiza non é amiga da innovación:  velaí a grande cantidade de vivenda en estado ruinoso- que fai de Cedeira o segundo de Galiza- que, poidendo ter sido un motor do sector se tiver optado pola rehabilitación, fulcral para engadir valor, optou pola cantidade e baixa calidade da oferta.

Resistencias

A inexistencia de asociacións de veciños contribuiu decisivamente a non vixilar a enxurrada inmobiliaria e o Concello, no canto de incidir na cohesión social, territorial e econòmica das zonas urbanas e rurais, oscilou sempre entre o “deixar facer” e unha só lexislatura (a do PSOE na alcaldía)  na que o personalismo se reflectiu no celo  “normativista” (cousa que ten moito que ver coas dificultades para comprenderen que o contido das políticas innovadoras no urbanístico serán se o son tamén no social)  que impediu intervir no esencial:  poñer as bases para mudar a cultura inmobiliaria, acadar un consenso amplo arredor da visión e orientación dunha intervención que debería alicerzarse tanto no pedagóxico como no correctivo. Á vista está que mentras as Regas, o Floreal e Piñeiro ian mundado a sua fisonomía a base de “paredóns” de vivenda baleira por atopar saída, a vila vella sofría o mesmo baleirado por abandono, envellecimento, emigración e perda da valor. Agora o Concello sae ao resgate como se todos estes anos as sucesivas corporacións conducidas polo conservador Lepoldo Rubido non fose parte do problema. Nen antes houbo planificación nin agora se albisca ou detecta unha viraxe, unha política de inflexión que procure a rehabilitación deseñada de xeito integral de cara a producir rexeneración urbana, ocupación, centralidade, cohesión social e  mistura. A única marca para o futuro que deixaron os gobernos da dereita son a destes pisos baleiros que agora queren encher a calquera prezo. En trinta anos de democracia o rural acabou sendo engolido por este xeito de facer as cousas, o que se detecta sobretodo na falta de servizos básicos e nas tipoloxías constructivas. A presenza ao longo de todos estes anos de concelleiros nos grupos de goberno con intereses no sector é sintomático, tanto como as dificultades para acadar que a organización municipal, os veciños e as entidades que os representan entendan e recoñezan que este modelo  é insustentabel porque ademáis de estragar o valor do territorio está a propiciar a desigualdade (servizos e calidade de vida) e acelerar a descohesión social e rotura de relacions comunitarias.

Privatizando

Cómpre encadrar as cuestións – que diría George Lakoff. Cos populares controlando décadas os distintos níveis da administración  para  gorentar e abusar da avantaxe que lles viña dada. Eles crearon o marco das políticas que nos levaron á situación presente,  ofreceron sen tañeiras o territorio a avantaxistas inmobiliarios ou particulares que pensaron ter atopado a chave das noces do seu lucro persoal. Quen agora se laian na intimidade da falta de saída de tanta vivenda baleira, teiman en seguir tirando da administración para que lles arranxe os seus problemiñas de balde. Madía leva!  Esa visión estructural segue a manterse- non aprenden-, agora baixo a aparente máscara da empatían guindan á prensa a oferta de servizos para maiores de 60 anos dunha promoción inmobiliaria privada. Se as diferentes corporacións de dereitas tiveran interese real en asumir a responsabilidade de coidar dos maiores da tribu non terían alentado o monstro urbanístico que medrou sen regulación ningunha até facer de Piñeiro-Floreal un labirinto de paredóns e rúas sen beirarúas. Terían propiciado a obra pública, creación de infraestructuras e servizos sociais públicos.

Do mesmo xeito que desmantelaron o centro de maiores trasladándoo dun espazo público do Concello a un baixo privado ou pretenden meter 75.000 euros de capital público para privatizar un centro de dia, agora tamén queren  impulsar un plan de vivendas tuteladas para maiores de 60 anos  con servizo de comedor e lavandaría…( persoas que ademáis han de cumprir o requisito de teren “plena autonomía para limpar”)  que non é outra cousa que unha “residencia privada para maiores de 60 anos sen dependencia física nen económica” . De que falan cando  falan de “vivenda tutelada”?  Cómpre andar á espreita cos eufemismos: cando falan de “externalizacións” están a falar e a privatizar; detúrpase a linguaxe para que esta perda o seu sentido.

A que perfil de cidadán se dirixe esta oferta privada alentada polo Concello como se fose cousa súa? A un usuario local ou foráneo de renda alta? Ademáis, nada se dí de quen asumirá o investimento e mantenimento do servizo de comedor e lavandaría porque nada se sabe da  promoción inmobiliaria que acollerá ese servizo, ou sí se sabe e non se dí porque todos sabemos quen é?. Para qué pagamos impostos? Para pagarlle as súas débedas aos promotores?

Ao mellor tamén che interesa:

75.000 euros de capital público para un centro de dia “externalizado”

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off