off
Eleccións Europeas — 25 Maio, 2014 at 8:38 p.m.

Máis do mesmo

by

Ainda que non o pareza. Máis do mesmo: é dicir, nin 5 de cada 10 persoas con dereito a votar o van exercer. Se ben é certo que as europeas sempre tiveron participación máis baixa cas estatais, locais e autonómicas, a abstención é un feito ben preocupante.

O PP gaña as eleccións en Galicia  con máis do 35% dos votos. O PSdeG obtén o 21,7% dos votos, AGE o 10,5%, Podemos o 8,31% e o BNG o 7,9%. A formación de Pablo Iglesias dá a sorpresa e sitúase como cuarta forza en Galicia. Esquerda Plural obtén 6 escanos e a coalición BNG-Bildu 1, polo que Lidia Senra (número cinco na lista estatal) e Ana Miranda (número 2)  serán eurodeputadas.

Ollaparo_dados_EU

Nada muda na lóxica e metafísica constitucionais, mália a entrada do 15M con Podemos. Os nosos politólogos patentados machacan a eito nos medios: devalo do bipartidismo. Si, xaora…Así cada quen disimula mellor a súa estratexia.

É serio: o xacobinismo centralizado  e o raposo libre no galiñeiro libre. Iso é o que significa máis PP e o medre de IU e UPyD, que se ben ameaza a hexemonía do PP-PSOE deixa intacta, mesmo afortalada, a súa pel de coello. Mália a corrupción, e o visto e ouvido na campaña, mália a violencia verbal e acción da Xunta Electoral,  o PP continua a manter o respeito do 35% dos votantes galegos.

A irrupción da candidatura do  politólogo Pablo Iglesias,  soerguido na fama que as tertulias televisivas fornecen, estaba decidida antes de que acontecera porque se insire e asimilia á disolución da problemática nacional na social, como se ambos e dous non estiveran uncidos do Santo Grial Constitucional. A máquina conceptual regurxita o reformismo como resposta ao suposto pinchazo do bipartidismo (400 mil votos menos). A lóxica estatal volve impoñerse en Galiza e en Ferrolterra ( na que se teima en vivir máis na España do que en Galiza, é dicir, votamos como en Madrid e padecemos como en Grecia): o  BNG pasa de terceira a quinta forza, sobrepasada agora tamén por Podemos. AGE perde 3,5 puntos, mentres que o BNG cae en algo máis de dous. Até PSdeG medra un chisco, ao pasar do 20,5% dos votos ao 21,73%.Sigue Rubalcaba á frente do Psoe? Sigue a gabarse o PP do seu resultado? E seguirán. Esa é a lóxica de Estado, a de cinco de cada dez. UPyD, Ciudadanos, Podemos,vasos comunicantes do container, nada máis. Está por ver como se substancia agora que o 15M estiver a favor do dereito a decidir.

A dilución do lazo ensaiado polo  Beiras  máis electoralista e patético, está a dar os seus froitos logo da celebración daquilo que divideu e fragmentou a esquerda nacionalista. Non confundamos o político que non rexeitou a canle mediática que escolleu  para transmitir algunhas das súas ideas con aquel que formatea o seu traballo para manter visibilidade e tirarlle partido. Infelizmente a proclama bottom-up («de abaixo acima») tornouse top-down («de arriba abaixo») nun simple lance mediático.   Como separar o grao da palla? As condicións do seu propio trunfo, u-las? Que foi o que se creou dinámicamente para a esquerda nacional alternativa?  Efectos nefastos para o autogoberno que a lóxica estatalista e a desafección e a austeridade acabaron de alimentar.  O boquete de Podemos pertence á mesma lóxica de diván psicoanalítico que, coa complicidade cotiá dos medios, debruza na metafísica constitucional. Eís o seu automatismo: a irrelevante  UPyD pasa a ter 3,47%, subindo dous puntos, e Cidadáns (1,60%), Pacma (1,07%) e Compromiso por Galicia (0,95%, logo da saída do BNG). A comunidade imposibel.  Xa dicía Deleuze que” non repetimos porque reprimamos, reprimimos porque repetimos”. 

No entanto o Sein Féin acada un resultado histórico en Irlanda  e Esquerra Republicana en Cataluña, vemos como o que aquí se foi impoñendo malia o relativo devalo do bipartismo, é o estatalismo: o que subiu son conceptos e visións completamente estatalistas. O preocupante dende unha perspectiva de espazo de decisión galego non é a perda de escanos do PP-PSOE, mas a máquina estatalista a xerar as súa propias condicións de reproducción  malia o ideal sublime proclamado por Pablo Iglesias: a liberdade dos cidadáns, a igualdade dos suxeitos, a franternidade dos homes, a xustiza social e a solidariedade e outra ficcións fabricadas pola metafísica constitucional para o seu propio uso. E ao primeiro que insulte a bandeira española ou reclame os mesmos dereitos lingüísticos o dereito o confirma: ao tribunal..

Se proxectamos o potencial utópico-emancipador do estatalismo cara atrás, ao tempo precedente, amóstrase a incapacidade da liña de pensamento para aturar a contradicción inherente ao propio proxecto estatalista: a liña melódica permanece e con ela a fantasía institucionalizada, a administración apolítica e esquerdistas desilusionados que, incapaces de facer o dó,  optan por manterse na vella política da institucionalización. Gaña a abstención  (6 de cada 10 non votan)  e o estatalismo europeista.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off