off
Eleccións Europeas, Movementos sociais — 24 Maio, 2014 at 7:49 a.m.

Europeas

by

Fin de semana próprio de maio, inestabilidade, ceo anuviado e chuvascos; ventos frouxos de compoñente oeste pola mañá, virando a norte pola tarde. As eleccións ao Parlamento Europeo reviviron  o magro debate sobre o futuro da UE e o que nelas nos xogamos os galegos. Un debate insuficiente moi do gosto das forzas hexemónicas do bipartidismo español, que nisto non se diferencian. Previsibel como o tempo de maio. En tanto Cañete e Valenciano se enguedellaban dicindo barbaridades nun debate ben pobre e sen referencia ningunha aos temas que interesan a Galiza, Feijoó teimaba en focalizar a súa campaña contra o BNG e non nas grandes disparidades entre individuos e territorios. Ao presidente da Xunta non se lle coñece crítica ningunha ás políticas da troika e de Madrid. Ningunha referencia ou conexión entre as políticas de austeridade e recortes, aplicadas con entusiasmo polo PP,  co que poda pasar en Europa, malia formaren parte dos grupos que alí gobernan. Porque vailles ben  instalarse na campaña electoral do medo, que é a  naturalmente súa, a do autoritarismo. Limitadas as campañas ao ámbito televisivo, argallaron chimpar fora dos medios públicos a única forza alternativa galega con presenza na anterior lexislatura europea. Apuren os minutos, procuren os programas inexistentes na cociñada grella televisiva. Internet é xeneroso en formatos e contidos. Decidan logo se votar a favor dos bancos e das oligarquías coñecidas ou favor dos pobos e dos cidadáns.  Asociemos o voto á honestidade e a coherencia. Porque na actual Europa do que votemos os galegos depende o futuro dos…galegos. 


 

 A candidata ao Parlamento Europeo polo BNG  pechou a campaña nun multitudinario acto político  en Vigo defendendo a súa opción  como a “voz directa de Galiza en Europa”. No mitin tamén participaron o portavoz nacional Xavier Vence, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso ademais de representantes de colectivos afectados directamente polas políticas da troika como traballadores do naval, persoas que padecen a estafa das preferentes ou das hipotecas. 

 “se o Bloque está, Galiza está”, afirmou Ana Miranda

“A solución non virá de fóra, non virá das forzas estatais de obediencia madrileña, que sempre deixan tirada Galiza”, defendeu Ana Miranda nun discurso no que non dubidou en equiparar os candidatos do PP e do PSOE xa que, ao seu ver, “na defensa dos intereses galegos tanto monta, monta tanto Arias Cañete coma José Blanco”. Fronte ese relegar os intereses galegos do que chamou o “bipartidismo harmónico españolista”, contrapuxo un BNG para quen  “Galiza é primeiro, como demostramos en Europa todos estes anos”.

Mitin do BNG en Vigo
Mitin do BNG en Vigo

AGE fechou a campaña na Coruña. A candidata de AGEnúmero 5 na listaxe que encabeza Willy Meyer (IU)- apelou ao exemplo de Syriza para afirmar que si é posíbel “rebelarnos e acadar a vitoria na loita pola dignidade”. Atacou duramente a política anti-social de Bruxelas e voltou a alertar, foi un dos seus temas favoritos en campaña, sobre a negociación dun tratado de libre comercio entre os EUA e a UE, un acordo que, advertiu, envolverá consecuencias sociais “gravísimas”, entre as que citou a destrución do campesiñado, alén de “atinxir a cidadanía en xeral” polo espallamento dos “produtos transxénicos”.

Tags

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off