off
Entrevistas, Literatura, Poesía — 17 Maio, 2014 at 12:23 p.m.

Vixencia de Rosalía de Castro

by
Ollaparo_pacorodrigeuz2014-04-17 19.38.14
Robredo presentando a Francisco Rodriguez

O xoves 17 de abril, celebrouse unha charla-conferencia na biblioteca do Auditorio de Cedeira, sobre Rosalía de Castro, tan popular no imaxinario das xentes do país e tan descoñecida. A idea saiu, como quen non quere a cousa, falando informalmente nun bar da vila, celebrando que se constituise unha nova asociacion en Cedeira, sabedores de canta mais xente se organice na vila mellor é para todos. Falamos da AA.VV.da Parroquia de Piñeiro, nova ainda pero con moita gaña de facer cousas, coa ilusión que da encetar un proxeto novo, reparamos en que en Cedeira non se fixese acto algún de homenaxe a nosa escritora nacional.

Chegados ata aquí, é de xustiza recoñecer e darlle as grazas o socio desa asociacion, Manuel Rodríguez, sen el, non se tería feito, a Mari T. que nos fixo uns cartaces do mellor, sen queixarse pola presa que lle metimos, nen polo gasto dos toners, e por suposto a Francisco Rodriguez, unha das máximas autoridades na autora que temos na nosa terra. Abondou unha chamada de tf para porse o noso dispor. Do autor podemos dicir que é home polifacetico, politico, mestre de ensino medio, colaborador en xornais, etc, etc. Hoxe a nos interesanos salientar, que foi o primeiro en presentar a súa tese de doutoramento na Universidade Galega sobre a escritora no ano 1987, obtendo a máxima cualificación do Tribunal presidido por outro Galego ilustre o profesor D. Ricardo Carvalho Calero que recomendou a súa urxente publicacion. Publicada un ano mais tarde pola AS-PG (1988) obtivo o premio da Critica Galega o ano seguinte.

O que ben a continuación é un extracto da conversa que tivemos con el antes da palestra para poder, se callar, achegar un pouco máis á xente do común a Rosalia mais auténtica.Tanto a tese de doutoramento como o libro que nos ocupa “Rosalía de Castro, extranxeira na súa patria”(a persoa e a obra de onte a hoxe) pódese atopar no web da Asociación SocioPedagóxica Galega.

Cal é a súa visión de Rosalia e a vixencia que pode ter hoxe

Casa da Matanza, restaurada no ano 1971 pola Fundación Rosalía de Castro
Casa da Matanza

Creo que nós estamos ainda nun ciclo histórico que podíamos cualificar como rosaliano, si ben, posiblemente noutros aspectos na súa fase final, porque digo isto, por varios motivos. Uns que atinxen a súa personalidade e outros que atinxen ó contido da súa obra. En relación os primeiros, está moi en contacto co mundo actual porque ela perteneceu a unha xeración de xente culta, que pensou que o triunfo, o ascenso social dentro do que era a súa aspiración de ser una grande escritora, o vivir do seu traballo, ser una muller independente, iso había que procúralo en certa maneira fora de Galiza. Era polo tanto unha rapaza disposta a pasar privacións para conseguilo, era una bohemia que se podía dicir, pero unha bohemia que non era unha renegada porque tiña unha formación da infancia e da adolescencia en contacto co país moi forte e polo tanto nun momento que ela reaxe considerando que se pode ser escritor, pero que hai que intentar recuperar a literatura orixinal da cultura galega e ademais facer de Galiza a súa patria e a patria para os seus fillos, polo tanto hai, como se dixeramos, o proceso de ida e de regreso e ela foi quen o fixo de toda a súa xeneración de bohemios e de xente que quería triunfar no xornalismo, na política, na literatura e na arte de maneira mais radical. Ben, iso está moi en consonancia co que pasa hoxe que moita xente se ve obrigada a saír fora pero ademais considera que unha parte do triunfo profesional está tamén fora. A capacidade de rectificar neste momento en relación co que fixo Rosalía é moitísimo menor e en segundo lugar hai outra característica que a vincula o mundo actual de maneira mais complexa, é que ela adquire una conciencia nacional e patriótica moi fonda ata o extremo de ser o único escritor do XIX que considera que a única patria que ela ten é Galiza e vincúlao ao proceso de mudanza social porque o protagonismo, a clase nacional por excelencia terían que ser os labregos. Todo eso indica que ela de algunha maneira tiña una posición anticapitalista polo menos en contra do que era o ascenso do capitalismo naquel momento, a rectificación do modelo económico-social vinculado a cuestión nacional. En terceiro lugar hai outro elemento que o pode vincular o mundo de hoxe, desde o punto de vista da súa personalidade e que é das persoas que considera que se pode facer grande literatura, literatura filosófica, empregando unha lingua que non está recoñecida oficialmente e que polo tanto non é un instrumento que a xente considere adecuado para medrar socialmente, iso en canto a súa personalidade.

 “…estaba visible pero velada, como todos os que tiñan algo de conciencia do País.”

En canto a súa obra digamos que hai una dualidade, a dualidade que responde a persoa que quere ser profesional da escrita, gañar diñeiro e poder vivir do que escrebe e polo tanto no mercado editorial español, como novelista as mulleres lían moitísimas novelas. O problema está que os poemas rosalianos están a anos luz da conciencia social hexemónica daquel momento e por iso non foron novelas triunfantes no mundo. O segundo aspecto é a creación da literatura nacional, comezando primeiro o combate contra os estereotipos. O primeiro estereotipo é que o pobo galego é un pobo salvaxe incivilizado que a lingua galega era una lingua capaz de cultura e que o proceso de centralización do estado español, e de creación do mercado burgués capitalista, é primeira fase da globalización, hai que combatelo porque iso é o contrario a existencia do pobo galego como tal, iso é “Cantares Gallegos”, e a segunda é facer una literatura filosófica en lingua galega que conteña en xerme todos os xermes literarios, que ainda que non sexa poesía, isto é “Follas Novas”, e hai un terceiro elemento que é vixentísimo despois de estes dous grandes libros e en particular de Follas Novas que todo él valería por toda unha literatura e así o consideraron os poucos que se ocuparon del no momento histórico, é a angustia rosaliana cando ela ve que a súa batalla é una batalla derrotada é a angustia polo feito de albiscar que Galiza poda desaparecer como país. A angustia rosaliana sigue estando vixente por todos os que temos unha certa consideración, unha certa conciencia nacional.

Podemos falar dunha Rosalía protofeminista ou feminista

Ollaparo_PacoRodriguez2014-04-17 19.40.06

Ui!, pero vamos verdes, desde o punto de vista histórico das circunstancias que ela viviu, iso, a palabra é un anacronismo, esa palabra non existía, pero desde o punto de vista da conciencia dos dereitos das mulleres é a mais radical de todas, moito mais que a Pardo Bazán ou Concepción Arenal. Iso se demostra non soamente co contido da súa literatura que son auténticos alegatos polo papel protagonista da muller a súa conciencia da igualdade cos homes e ademais una cousa moi importante sen facer distinción de clase, pero facéndoa para explicar que o feminismo non podía ser igual si era referido as mulleres burguesas, fidalgas ou as labregas ou proletarias.

Esa conciencia non a tiña tan feminina sobre todo cas clases dirixentes. Concepción Arenal tíñaa, pero sobre todo limitada a una certa ponderación de matrimonio como centro de situar as mulleres.

Entón Rosalía é a primeira que discute mesmo o problema da identidade de xénero, isto logo ten repercusión que na súa propia vida demostrou, primeiro porque non tiña herdanza, non tiña diñeiro, polo tanto non é igual a capacidade de independizarse a muller nesas condicións e a Pardo estaba chea de cartos con protección familiar do pai ata o final ou unha Concepción Arenal que a parte de ter una condición social tamén importante e o seu marido ser un home perfectamente integrado, non era un bohemio como Murguía, contou co apoio de todo o que era a burguesía progresista do momento, a maiores ela chegou a facer fronte a una familia monoparental, no momento en que ela non só viviu soa si non que ademais na etapa final da súa vida, no 77, encargouse de sacar adiente os fillos, á familia, todo, prácticamente era un matrimonio intelectual, pero que non había convivencia, dentro da etapa da matanza, creo que iso demostra moitas cousas,porque ela non vivía no centro neurálxico da corte, nin nada deso, polo tanto era una muller que tamén a súa conciencia patriotíca lle pasou moitas facturas. Digamos de non visibilidade, estaba visible pero velada, como todos os que tiñan algo de conciencia do País. Entón non é un caso de protagonismo público como tivo Concepción Arenal, ainda que non fora unha muller famosa no seu momento histórico, nada mais que para minorías, agora dona Emilia si o era a maior escala porque era una muller que vivía do ocio e dos pingües beneficios que tiña como grande terratenente e ademais vinculada a todo o peor da igrexa católica, ó catolicismo mais intransixente, de feito ela está soterrada nunha igrexa madrileña en un lugar que había que ter unha concesión papal, que xa é dicir. Iso se oculta, normalmente se pensa que esta muller está enterrada en San Amaro.

Que podemos comentar máis, porque Rosalia tivo unha vida moi atormentada…

Era una muller con moito coraxe, moita valentía e moita alegría o que pasa é que no seu historial hai dúas fases moi distintas.

rosaliaHai una fase que vai ata o ano 78 que ela intenta por tódolos medios traballar dela e vivir do seu traballo. Todos os desgustos que ten veñen dados por una obsesión autorial nada mais. De feito controla os fillos, desde que ten o primeiro, así daquela maneira, e controla a procreación, ata o ano 68, 10 anos, contrólao pero accede a maternidade xusto nos primeiros anos en que hai unha certa estabilidade no matrimonio desde o punto de vista que hai uns ingresos, pero tamén como paliativo para unha digamos aceptación, de que a literatura en lingua española non lle vai dar de comer. Non logra a independencia económica e empeza a ter un certo recoñecemento na emigración como autora de Cantares Gallegos. É ahí onde Rosalía vai encherse de fillos dende o 68 ata o 77.

O último ciclo é onde ven una etapa negra para ela que ademais significa a ruptura do matrimonio e a falta de ingresos outra vez estábeis, a morte dun seu fillo mais a morte do penúltimo nun accidente familiar na cociña. A partires de aí é unha morta en vida, pero unha morta en vida primeiro porque comproba o fracaso dela como escritora, o fracaso do seu programa de restauración cultural lingüística e ideolóxica do País, o non funcionamento xa do matrimonio, a non ser como axuda mutua de carácter intelectual e sobre todo que o proxecto no que ela creera, entra nunha fase de falta de esperanza e aí comenza a construír e estruturar un libro como “Las Orillas del Sar”, que é o seu testamento, xa non ten prologo, non ten nada e lese como una autobiografía. Quen queira saber cales eran as arelas dela están ahí.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off