off
Arquitectura, Meio ambiente, Urbanismo — 2 Maio, 2014 at 7:34 p.m.

Cedeira máis que “billa, barandilla”

by

Con preguiza ollapara, colosal e maiúscula, cunha nugalla infinita e descomunal paso a comentar un artigo que vén de  enviarme un amigo.Un deses amigos que non teñen a sorte de contar cun partido pret-a-porter, un estado, un grupo mediático e un exército, mas conta coa confianza e a solvencia que dá a liberdade e o coñecemento. E un gusto pola provocación e o envite: o amigo engadía ao artigo unha foto actual de Arriba da Ponte coas novísimas reixas e as galerías ao fondo, onde nacín e criei. Teño, por suposto, algunhas intuicións ao respecto,  algunhas ideas. Algunhas delas xa foron saindo no Ollaparo. Algunha alerxia, tamén. Porén, ningunha seguridade.

A primeira cousa que compre facer é tomar certa distancia fronte a presión do “políticamente correcto”. Perdonen os lectores a debilidade, sei que un artigo non se debe comezar así: o problema de Cedeira (e de Galiza!) non é o que podendo facerse non se fixo senón a infinita confianza depositada no PP malia sabermos o que fixo. E desa responsabilidade, meu amigo, todos temos a nosa parte.

O ano 1997 Luís Rubido, alcalde de Cedeira dende hai uns meses, asinaba na revista “A Javiota”  un artigo que intitulaba  “Las flores del mal. Hablemos de turismo” -nunha infeliz e pouca acaída referencia a  Les Fleurs du Mal de Baudelaire. O texto saía aparentemente a atallar as críticas da oposición á política de cementación e ornamento do seu irmán e eterno alcalde conservador de Cedeira, Leopoldo Rubido.  O texto ía acompañado de dúas fotos. A primeira, amosaba os restos das conserveiras co pé de foto “quien te ha visto”; a segunda,  ia acompañada do rodapé “y quien te ve”,  recreándose na explanada resultante fronte a Revolta. Coa comparanza fotográfica, o articulista esforzábase en amosar con incondicionalidade caricaturesta, o paso da prehistoria á modernidade nunha lexislatura!. Claro é que para alicerzar semellante aceleración galáctica, que nos levou nun lance da salgazón á pos-modernidade, o autor tiña que abrir a billa das paixóns e facelo a costa de aqueles “que están sumergidos en una ignorancia preocupante de lo que es la gestión pública”,  para os que non aforraba apelativos á altura de quen se gababa ao tempo de ter viaxado, ter lido e ter visto (sic.). Ainda percibimos nos ollos un brillo metálico a altura de Moriarty. Velaquí o combustibel de tal aceleración: “aquellos que proponen [a política] del “encefalograma plano”, “el cutrerío estático y el atraso”, “aquellos que desde la oposición disponen de toda la cultura de la propaganda”(no orixinal, suliñado)….e así polo miúdo até facer un patchwork  máis defensivo do que propositivo. Hai que pasar anos do lado do poder local, provincial, autonómico  e estatal para impartir cátedra, anos de aprendizaxe do cinismo político.

O  problema de fondo, como ben sabe o lector, non é  se máis ou  menos froriñas e maceteiros, ao cabo, intervencións reversibles. Mas a agresiva e acumulativa política do como-si que se foi reflectindo precisamente no deixar-facer constructivo e nunha suntuosa e banal serie de intervencións de ornamentación.

Un cadro final no que o feismo constructivo que se tenta disimular, acaba por mostrar ainda máis  toda a súa esencia falsa e envelenada. A rede tecida de intereses persoais, desleixo e inflacción de obxectos decorativos en cuxa visión parece esgotarse para acabar afogando o espazo e mesmo desnaturalizar a sobria xeometría das galerías cunha sobrecarga innecesaria que aumenta os costos sen achegar  valor estético e escasa funcionalidade (entre outros, o arrase e posterior pastiche da Praza da Rectoral ou do Parque-Pista Floreal). Unha ornamentación que nada ten que ver connosco, sen pasado e sen futuro. Apenas unha proliferación patolóxica e recursos malgastados que dificilmente poderá maquillar o desarraigo urbano e a falta de perspectiva porque cortan o horizonte edificios excesivos e rótulos publicitarios, por fealdade e por amoreamento. Do mesmo xeito que se poñen xardíns nos tellados das fábricas ou rodeando chemineas, Rubido pretendía convencernos que chegamos a este inventario de desfeitas por aburrimento. Vaiche ser o progreso. Cedeira más que villa, maravilla, dicíase

Hai un vello retrouso sociolóxico que dí que cando acreditamos que algo é certo, co noso comportamento contribuimos a  que acabe sendo. Qué se descubre observando atentamente as cousas? Que, dende sempre, o que é verdadeiro se confunde co que é útil. De feito, o que é útil muda. Pura reiteración cementista que nos acaba por convencer que é millor unha explanada baleira e ben cementada que unha fachada rehabilitada dunha fábrica conserveira, algun resto de arqueloxía industrial arrodeado de area e cecais tamén dalgunha árbore con sorte; millor unha praza rectoral deturpada e desnaturalizada dende os cimentos (logo de non seren quen de aproveitar o derribo do mamotreto do vello mercado “desarrollista” que tapaba a fachada do antigo edificio López Cortón) que  a súa recuperación xenunina á altura das novas necesidades e usos, devolvéndolle a praza ás persoas. Poño este exemplo, porque  aquí non se defende a fosilización baseada no “enxebrismo” nen a tentación de caer en solucións doadas cando do que se trata é dun proceso contínuo que precisa da participación de todos os axentes implicados, da cidadanía receptora e tamén da interpelación do tipo de  turista a quen nos diriximos.

Tinglado_PrazadaRectoral
Antiga Praza da Rectoral vista  dende a Igrexa

Agora ben, unha cousa é a persuasión  e unha certa dose de empatía e outra cousa é  o distanciamento insalvabel da realidade ou directamente atrapallar con medias verdades. Por iso, ollar polo retrovisor das hemerotecas permite debullar e poñer en perspetiva non poucas cousas: a incoherencia entre falado e o feito, a falta de humildade e de autocrítica, o encirramento nunha idea excluinte e monolítica (artigo escrito en castelán con intención evidente de desfigurar as críticas realizadas dende a ironía e sorna que o galego permite), pouco permeable aos valores de fondo da modernidade e da democracia, que non son outros que empezar por respectar a intelixencia da xente e a minoría que non goberna e disinte. Hai quen está tan convencido  de poder modelar os discursos informativos dos medios  de comunicación amigos e abenzoados que óbvia e mesmo despreza a posibilidade de avaliar e de aprender para mellor gobernar. Infelizmente, o que perdura é a arte do relato de ficción que tan ben dominan; a camuflaxe aplicada aos concepOllaparo_ArribadaPonte_reixas_beiraruatos: “turismo limpo e ecolóxico”, “infraestructuras funcionais”, “desenvolvimento urbanístico”, “modelo socialmente rendibel”(sic). Un catálogo de valores arbitrario, unha crenza “como-si” que reflicte moi ben a mentalidade de quen levou a voz cantante dende os anos setenta. A proliferación de  “barandillas”, como billas de tránsito, é a metáfora que millor define esta visión  e mentalidade. A ampliación “á carta” da beirarúa e a colocación de varandas   fronte o Cristo da Ponte é un claro exemplo da discrecionalidade da mal chamada “humanización”.

Ollaparo_Rectoral
Baixo a Praza da Rectoral, un mercado soterrado e disfuncional

Hai etapas personais ou colectivas que semellan marcadas pola lentitude e a monotonía. Outras, por un ritmo frenético. Porén, na altura, eran anos que vivíamos emotivamente e nos que o actual rexedor,  daquela irmán do eterno alcalde, se adicaba a poñer denuncias contra o honor ao primeiro sindicalista que lle saira ao paso se  ousaba contradicir ao santo. Tempos nos que os conservadores albiscaban a esperanza de que a calidade chegaría coa cantidade. Foi tal a menstruación que nunha década prodixiosa houbo de todo:  un polígono industrial clandestino que arrasou as aceas, un mercado sen mercado, un emisario submariño a flote, un palco da música onde non cabían músicos, unha estación de autobuses sen autobuses, un auditorio de medio pelo,  unha piscina climatizada de 18 metros e un paseo marítimo sen mar, é dicir, derriba da praia. E grades  e reixas a esgalla ( Cedeira é unha vila cuadriculada, cada  cano ten a súa billa, mesmo hai máis billas, chaves de paso e torneiras cá canos). Porén, o autor tamén se atrevía con Miño e Valdoviño, que si a vista non me engana conservaron a súa zona dunar bastante millor do que Cedeira.

O noso territorio e a nosa paisaxe están fondamente influenciados pola acción humana ao longo de toda a historia. Porén, cando é que fixemos da paisaxe urbana e do patrimonio inmoble e a súa contorna herdada  unha oportunidade para aprendermos e millorar? Hai décadas que Cedeira e as súas terras  perderon a posibilidade de seren unha imaxe idílica; a súa fosilización e fealdade urbana consquistada sobre o areal, contraria e paradoxalmente ao que aconteceu nas xeografías nas que se tendeu á museificación, veu porque prevaleceu unha concepción tradicional do modelo de turismo fordista que levou  ao medre por xeminación e ao amoreamento de persoas e, portanto, a un alto consumo de recursos naturais e a unha saturación de carga para a sociedade receptora. O INE e o Instituto Galego de Estatística púxolleron número hai pouco Ollaparo_hortadedonrodrigo ao que xa estaba á vista: co 40%  Cedeira  convírtíase no segundo concello de Galicia con maior porcentaxe de vivenda baleira, a  zona urbana de nova creación non incorporaba espazos verdes  que non houbera xa hai sesenta anos e que serviran para drenar e oxixenar a inxente acumulación de paredóns en altura e volumetrías excesivas favorecendo o tránsito, as horas de luz e a calidade de vida dos veciños. É dicer, o turismo sustentabel non é unha mercadoría turística máis nen un certo tipo de turismo “ecolóxico”  mas unha revisión da planificación e a xestión dos destinos e das empresas privadas que participan do sector cara o seu desenvolvemento sustentable. Segundo a definición da OMT: Os principios da sustentabilidade fundaméntanse no equilibrio entre os tres alicerces da sustentabiliade ambiental, socio-cultural e económica, para poder garantir a súa sustentabiliadde a longo prazo.Coa perspectiva que dan o anos, referíase Luís Rubido a iso cando falaba de “turismo limpo e ecolóxico” e dun “modelo socialmente rendibel”?

Os investimentos públicos realizados en todo este tempo foron errados dende a base e a un alto prezo xa que se viron afectados e comprometidos non só os cartos públicos e fondos europeos senón o patrimonio e a paisaxe e o seu potencial valor como activo de desenvolvemento. Sabíase que nacían eivados porque nunca houbo transparencia nen a base conceptual sólida que alicerzara unha planificación estratéxica baseada no coñecemento do medio, das necesidades sociais reais, do patrimonio e da historia; mas tampouco houbo debate público, nen iniciativas audaces inspiradas na innovación e na sustentabilidade, nen vontade de consenso arredor de proxectos de pobo nun exercizo comunitario de pensamento. Desbaldado e hipotecado o esencial, só quedaba o como-si pequeno-burgués, o andazo do novo-rico  que saquea,  o decorar e o ornamentar. Ás veces non facer é a mellor xeito de facer.

Estámolo a ver na xestión da chamada “rexeneración” da praia da Madalena . U-lo, o respecto ao medio ambiente?(mais unha vez, haberá que lembrar onde é que estaba o vertedoiro do lixo? Si, na Candieira). Axudou  a cementación da contorna dunar, nomeadamente a praza roxa , a escola e  fronte a Revolta, a preservar o patrimonio natural, a diversidade biolóxica e o patrimonio inmaterial?O respeto pola autenticidade sociocultural da vila de Cedeira, u-la?  O medre incontrolado dos bens inmobles foi garantia da viabilidade econòmica a longo prazo do destino turístico “Cedeira”? Achegou beneficios socioeconómicos equitativamente distribuidos na comunidade cedeirense?.

Cal é o elemento diferenciador que  achega valor á proposta? Todo o que sobreviviu , todo o que tivo a sorte de non ser tocado coa fórmula leopoldiana made in ti vai facendo.

O investimento en equipamentos e infraestructura sempre tiveron a apariencia de responderen máis ao capricho e ao curtopracismo electoral que á planificación a medio e longo prazo.  Á vista da pulsión incontrolabel en poñer a eito varandas e maceteiros nun espazo urbano ateigado de beirarúas onde dificilmente cabe unha persoa  e sen accesos funcionais aos espazos e equipamentos públicos,  dá  medida do que pode significar que prevaleza o ornamentismo como valor . O cambio de ubicación do Centro de Maiores dun equipamento público a outro privado dá conta da baixa rendabilidade social e económica dos investimentos públicos realizados ao longo destes anos pois ese traslado está a ser agora promovido por quen investiran cartos públicos hai pouco máis dunha década nunha instalación para ese fin  (e para outras que nunca se  desenvolveron) e agora seica teñen tantas razóns inevitables como daquela para faceren todo o contrario.

Hogano, en plena festa da austeridade promovida polos populares, de recortes en competencias nacionais e locais, lembrarase o novo alcalde de cando se laiaba na “Javiota” da precaridade que supón  que os concellos non conten con máis autonomía orzamentaria e maior soberanía (sic.)?

O  turismo sustentabel non é unha opción, mas unha necesidade urxente. Forma parte do modelo dunha sociedade máis responsabel das súas accións sobre o medio e a sociedade e cunha visión a longo prazo, para non esgotar todos os recursos (o espazo urbano está asfixiado e con el a contorna) e asegurar a  continuidade para as xeracións futuras.

 


 Ao mellor tamén che interesa:

1812 vivendas baleiras. Cedeira, terra do tixolo

De reis, peóns e sumidoiros

Cedeira,segunda no ranquing do INE de poboacións con vivendas en deficiente estado ou ruinoso

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off