off
Cedeira, Historia — 7 Abril, 2014 at 6:52 a.m.

O Concello mercará o Campo das Croas para escavalo

by
Ollapaor_castrodascroas
Fonte: Google Maps

A meirande parte de propostas que últimamente nos chaman a atención  e nos producen gañas de aplaudir,  adoitan iren acompañadas de certo sabor a innovación social.  Que responsables do Concello deran un paso adiante contactando cunha asociación de productores de madeira é un bo comenzo,  longamente adiado, para encetar o proceso de recuperación para a cidadanía do Castro das Croas.  E debería ser un precedente,  non unha excepción.  Porque hai outros procesos críticos de conservación do patrimonio para o que non se está a seguir a mesma metodoloxía (p.e. o problema da praia).  Por iso, sería desexabel encetar o proceso de recuperación do Castro das Coas con todas as garantías que permitan aplicar un proxecto integral de recuperación da contorna, que vaia do arqueolóxico ao ambiental e paisaxístico, pasando por un proceso de difusión da investigación realizada e a protección legal deste xacemento (estudando a posibilidade dun Patronato de Arqueoloxía municipal ou supramunicipal) e unha actualización do  inventario  dos  xacementos que nunca foron excavados e a súa situación actual.

Que o patrimonio histórico/arqueolóxico pode ser un motor do turismo cultural  e do desenvolvemento rural son aspectos que  non precisan ser reiventados. O matiz está na súa posta en valor, no valor intrínseco dese proceso.  Ortegal tivo a sorte de contar cos traballos pioneiros de Maciñeira e Ramil, portanto, non estamos a falar de achados descubertos ao chou. O que viu despois foi abandono e irreflexión.  Esta revista vén teimando niso dende hai vintecinco anos.  Porén, como o Concello  chega tarde a percebir nos productos culturais un factor de desenvolvemento, será preciso que se promovan dende o comezo  boas prácticas para un turismo responsabel.  Unha oportunidade dende xa para reflexionarmos sobre a rendibilidade e xestión sustentabel  de programas para a dinamización do patrimonio arqueolóxico a partires do coñecemento científico e as prácticas realizadas noutros xacementos do país e do mundo.

cartografia_2
Lámina 2. Fonte: E. Ramil

“San Fiz de Esteiro.Aquí coñécense dous xacementos: As Croas de San Miguel e As Croas de Santallamar de Arriba. Na lámina 2 pódese ver  o debuxo da planta e sección de As Croas de San Miguel, como exemplo dun castro ben conservado. Ten tres recintos, o superior, amurallado, o segundo ou antecastro con parte dun parapeto, e o terceiro consistente nunha terrazas.”(E. Ramil. Culturas prehistóricas na vila e terra de Cedeira)

Non se pode obviar que o proceso de conversión do monte en explotacións de monocultivo de eucalipto e o boom inmobiliario tivo consecuencias negativas para a percepción de paisaxe e dos bens culturais como bens funxíbeis. Descoñecemento, falta de sensibilización e desleixo. En todos estes anos non se fixo ningunha excavación preventiva. Vai sendo hora.

“Hai que empezar por algo: é un lugar estratéxico e daría un atractivo turístico engadido a Cedeira”. Non Sr.Rubido,  non hai que empezar por algo.  Estallo a dicir o arqueólogo Emilio Ramil:”Estas talas hai que facelas sen tocar o subsolo nin retitar os tocóns… Poderíanse mover os muros”.  Noutras palabras,  o valor engadido virá da calidade científica da excavación realizada desde o primeiro momento  para reducir ao mínimo os efectos adversos, xa que a experiencia infórmanos do desleixo con que se teñen realizado as plantacións e extracións de madeira dende que o monocultivo de eucalipto foi colonizando todo o monte, incluidos os espazos que se sabía acubillaban mámoas e castros.  Portanto,  as talas deberán ser protocolizadas e baixo estricto seguimento. Que se fagan  sondexos ao subsolo para confirmar a presenza de fragmentos de cerámica local ou  importada (actividade comercial,etc),  a que profundidade se atopan e o grau de deteriorio e arrase producido por mor das plantacións e traballos agrícolas.  Tratándose de empezar por “algo”, se o cronista oficial  Rafael Usero afirma que teñen aparecido restos de cerámica e muiños, un proxecto paralelo á elaboración dun proxecto arqueolóxico sería o de iren  localizando oparadoiro e diagnosticando o estado deses achados.
 
 
 
 
Ao mellor tamén che interesa:
 

4 Comments

  1. X. A. Suárez Aneiros

    Tés toda a razón do mundo. Imaxinade que como non estaba de moda o románico derrubaran o Pórtico da Gloria para poñer de actualidade o gótico, asi se cometeron mil e unha barbaridades nesta nosa terra.

  2. Breogán do neboeiro

    Tarde, mal e arrastro. Do Castro das Croas queda pouco, a meirande parte da sua pedra foi empregada pra facer a estrada que vai a Ferrol. As pedras de muiño que se atoparon, foron esnaquizadas, machucadas e “aproveitadas” pra facer tamén o recheo da estrada. E com´as moas do muiño o resto. Non son testemuña disto, seino por meu pai. Supoño que haberá xente maior ainda que seipa disto tamén. E nalgunhas casas do lugar (supoño) terán “souvenirs” deste episodio.
    Os “alcolitros” e o abandono encargaronse do resto, “nihil novum sub sole” de Gallaecia.

  3. X. A. Suárez Aneiros

    De calquera xeito, vale máis tarde que nunca, ou dito doutro xeito: Ia sendo hora!

  4. Tamén hai que saber o proxecto económico e de que caixa vai sair todo isto.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off