off
Eleccións Europeas, Política — 14 Marzo, 2014 at 6:24 p.m.

Que vén o lobo! Prohibido pensar, trampa para parvos

by

A voceira do PPdeG, Paula Prado, vén de afirmar  que “coa súa decisión de aliarse con Bildu, o BNG está pedindo aos galegos lexitimar 50 anos de terrorismo en España” e dí “entender” as dificultades do Bloque para condenar o terrorismo. Esta señora  irá lonxe: ou é parva ou sabe moi ben o que dí. Deste xeito,  por voz da deputada Prado, o PP teima en convertirse en policía do pensamento, sen rubor en agochar a súa impotencia, sen dubidar ao formular o temible mantra: terrorismo. Paula Prado non dubida, efectivamente; non debeu dubidar cando  afirmou «Los regalos que hace Vendex tú ya los sabes. Sin hacer nada hace un regalo de la hostia»; non debeu dubidar cando agradecida lle dixo ao responsable de Aquagest en Santiago “que el tema ese ya está arreglado, y que muchas gracias”.Non debeu dubidar, mais debeu facelo, parécenos.

Mentres o presidente da Xunta lexitima unha resposta represiva aos mariñeiros do cerco, a súa portavoz criminaliza o que é incómodo para o seu goberno. No caso de Prado,  para amosar  tamén iniciativa persoal fronte “as pequenas historias  da Pokémon”. Acontece que fronte a volatilidade informativa e a falta de máis información, a imprensa hexemónica – tan pouco dada a retractarse- acaba por ter  as mesmas posicións do poder- das que non refugará, e menos de cara ás eleccións europeas- cando é sabido que é falso agás a tinta de lula. Que doado sería contaminarnos da paifocada e espetarlle á xente que votando PP lexitima 60 de franquismo. A banalización non ten cancelas. Porén, abonda nomear o ADN basco para que todo se torne sospeitoso. Pouco ou nada importan os tribunais nen as razóns cando  se trata de  eliminar o matíz e o límite. Compórtanse como telepredicadores fundamentalistas. Daí a dilixencia coa que recorren á “lexitimación do terrorismo” xustificado polo perfil ideolóxico, noutras palabras, criminalizando o pensamento.

O presidente da Xunta afirmou hai pouco que iso de ir con Bildu non vai con él, mas o seu PP teima na aldraxe ás víctimas do 36 e non dubida en utilizar o tema do terrorismo para enlear a política galega, tan necesitada de compromiso co país e non coa austeridade que non funciona nen pode funcionar

Quen así se dirixe dende responsabilidades institucionais  adoita tirar do populismo como argumento perante a incapacidade para argumentar con razóns políticas todo aquilo que o incomoda.Por tanto,mais alá das sensibilidades políticas,non se pode obviar que o partido legal Bildu ainda onte impulsaba dende as Xuntas Xerais de Guipúscoa o reconecemento de dúas vítimas da ETA, dende o respeito e a claridade e sen peneiras. O  xiro a esquerda e ao soberanismo  cuestiona o institucionalismo xenófobo, centralista e neoliberal que representa o PP baixo o mito da emprendedoría como única substancia do homo aeconomicus  e o intransixente dereito natural de Rouco como todo alvo moral. O que se traduce e se mostra  na práctica, á vista do entramado clientelar e dos casos de corrupción dos dous partidos hexemónicos, como leira para facer ricos aos meus amigos e desviar o diñeiro público para comprar  sete xogos de louza de Lladró e  pagar as vacacións de mi señora nas illas Mauricio.

Quen así se dirixe dende responsabilidades institucionais  adoita tirar do populismo como argumento perante a incapacidade para argumentar con razóns políticas todo aquilo que o incomoda

Ao PP interésalle a indiferencia da cidadanía. Para pagar corruptos. Por iso fomenta a mixtificación onde todos os gatos son pardos, sen límites nen tañeiras. E gardádevos de insultar a bandeira española ou a monarquía, para iso están os tribunais e o máis inconstitucional de todos, o Tribunal Constitucional. Ideoloxía do “que hay de lo mio” e do ” ti vai facendo” fomentadores do individualismo que vai tornando os medios en fins. Trátase de cronificar a desconfianza e o medo. Mas van ficando sen desculpas: a xente está sen traballo,con salários mínimos ou en plena precariedade.

INDIGNIDADE. Dende que o PP recuperou no 11-M o discurso da socialización do medo, agora utiliza a Bildu do mesmo xeito que  se compromete  cunha boa morea de causas inmundas, o que debería dar que pensar, mesmo a un filósofo. O presidente da Xunta afirmou hai pouco que iso de ir con Bildu non vai con él, mas o seu PP teima na aldraxe ás víctimas do 36, na política migratoria que acabamos de ver en Ceuta, e non dubida en utilizar o tema do terrorismo para enlear a política galega, tan necesitada de compromiso co país e non coa austeridade que non funciona nen pode funcionar. Para reducir as desigualdades,millorar a relación entre a xente,ampliar os servizos públicos…e non aproveitarse dunha boa crise para facernos recuar, perdendo competencias de noso e destruir os nosos sectores productivos condeando a varias xeracións ao de sempre, a ser sacrificada. Si, non mo lembredes, todos son iguais, o BNG ten cornos e máis rabo e bota xofre pola boca. Mas iso xa o sabiamos. O descaro acontece de todos o xeitos. O terrorismo tórnase a miúdo a palabra guindada á intelixencia cando se quere fostregar ao adversario sen evidencias. O fascismo resposta a esa lóxica. E que podemos facer nós, convidar a pensar e a debatir sen medo. Ainda que sexa o que dura un artigo do Ollaparo.

[youtube]https://www.youtube.com/watch?v=cXvsgjXuPwk[/youtube]

One Comment

  1. Como diría Rouco: “Polos seus actos os ides coñecer”… ós uns e máis ós outros.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off