off
Ciencia, Historia — 13 Marzo, 2014 at 11:54 p.m.

Como se iniciou a investigación pesqueira. A actividade pioneira da Empresa de Pesca de Galicia (1788-1789)

by

No mesmo ano 1788 en que o liustrado José Cornide publicaba o Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de las costas de Galicia, arreglado al sistema del caballero Linneo, Gerónimo Hijosa Rodríguez e Juan Sáñez Reguart creaban a “Empresa de Pesca de Galicia”. Unha entidade que armou as primeiras embarcacións dedicadas de xeito exclusivo á investigación pesqueira en Galicia, e mesmo en España, razón pola que debe ocupar un lugar sobranceiro na historia.

A “Empresa” contaba co apoio de José Moñino y Redondo, conde de Floridablanca, responsable desde 1777 ata 1792 da Secretaría de Estado (equivalente, en certa medida, ao actual cargo de Presidente de Goberno). Gerónimo Hijosa era natural de Medina de Rioseco (Valladolid), onde naceu en 1723. En 1752 estableceuse en A Coruña, onde obtivo un notable éxito como comerciante e fomentador (armador) pesqueiro. Antonio Sáñez Reguart era un experto en asuntos pesqueiros e persoa de confianza do Conde de Floridablanca. Hijosa simboliza o auxe da cidade herculina a consecuencia do progreso marítimo e comercial debido ao establecimento dos Correos Marítimos (1764) e do libre comercio coas Antillas (1765). Desde 1770 era un dos comerciantes máis importantes de Galicia. Tiña múltiples negocios, participou no corso e realizaba transaccións con América, desde Filadelfia ata Chile.

En outono de 1787 Hijosa e Sáñez coñécense en Madrid e deciden colaborar, redactan unha Memoria-Proxecto (“Extracto de ideas relativas a la restauración y fomento de Pesquerías de las provincias marítimas del Septentrión”). Recapitulan as súas experiencias máis notables e expoñen, en abril de 1788, un plan inmediatamente operativo para fundar o que hoxe concibiriamos como unha empresa mixta de pesca en Galicia, capital privado pero aprobado e financiado pola Coroa (Facenda), que sería coñecida coma “Empresa de Pesca en Galicia”. No documento comentan diversos extremos sobre a situación da pesca e salientan a necesidade de descubrir caladoiros de altura (segundo os parámetros da época). Floridablanca apoiou axiña a iniciativa e o 19 de xuño o rei Carlos III libra 300.000 reais de vellón a través da administración de Correos marítimos para ese obxecto.

A actividade de El Descubridor e de El Explorador

Ollaparo_WldescubridorPara a localización dos novos caladoiros pensouse en dotar á empresa de seis embarcacións, pero ao final foron dúas as que estiveron en funcionamento, establecendo a súa base en A Coruña. Despois de varias xestións Hijosa ordeou a un dos seus pilotos, Bernardo Asteazuinzarra, que mercase en Donosti-San Sebastián, o día 10 de setembro de 1788, a “vasca” chamada “San Martín”, de trinta toneladas de porte, por 13.000 reais de vellón. Equipouse o barco, que pasou a chámarse “El Descubridor”. Asteazuinzarra contratou en Saint Jean de Luz a catro lañadores-salgadores franceses e iniciou a viaxe cara A Coruña, que rematou o 9 de decembro. Arbex, 2005 coida que a embarcación era un “trincado”, se ben hai anotacións coa denominación “cachemarín” e, o ano seguinte, “bergantín”, que suxiren posibeis cambios. En abril de 1789, e repetindo o mesmo esquema, mercaríase de novo en Donosti-San Sebastián, un bergantín de cincuenta toneladas de porte, que vai ser a segunda embarcación destinada ao descubrimento de caladoiros. Chamarase “El Explorador”, sendo o seu capitán Juan Bautista de Sarría, que estaba asistido por unha tripulación mixta hispano-francesa.

Os promotores da empresa redactaron un documento que serviu de referencia a Asteazuinzarra e o resto das persoas implicadas sobre os diversos aspectos a ter en conta: Introducción sucinta provisional, que deberán observar las embarcaciones destinadas al descubrimiento de nuevos comederos, placeres, o bancos de pesca de altura en los mares de los dominios del rey (Sáñez Reguart & Hijosa, 1788). O texto foi difundido nunha edición do Consello da Cultura Galega e o Museo de Mar de Galicia (2005)1.

Na páxina 3 da edición facsímile aparece o obxectivo das embarcacións: “Para descubrir si a lo largo de las costas de Galicia se hallan algunos bancos o comederos, en que con seguridad y suficiente abundancia puedan establecerse formalmente pesquerías de Abadejo, Merluza, Congrio, Mero y otros muchos peces de escama: Lija, Clavo, Gata, Sollo, Tollo, Mielga y otros de cuero, juntamente con la pesca de Besugo, y la de Atún, Bonito, y otros de esta clase, aprovechando las costeras de las estaciones oportunas…”. Subliñando, máis adiante, o “único objeto”: “buscando los bancos de pesca”, “en donde jamás se tendió red, ni caló anzuelo” (páxina 10). Para ese labor compría levar a cabo “ensayos”, percorridos de exploración “a altura de 20, 30, y si conviene 40 [leguas]”, ou sexa ata algo máis dos douscentos kilómetros da costa. As rutas serían: de Coruña ”al rumbo del Nor Nordeste”; “desde Corme al del N.”; “desde Camariñas al del N. NO.”; “desde dicho Camariñas otro al NO” e “desde Corcubión al del NO. O.” “Y en la misma conformidad los rumbos desde los demás puertos que convenga, hasta Bayona inclusive”.

Ollaparo_instrucionsucintaA  “Instrucción” inclúe numerosas e detalladas instruccións e unhas “Reglas que deben observarse para buscar los bancos de la pesca”. Indica a saída desde o porto de Coruña a principios de maio para iniciar os “ensayos” comentados. Os dous barcos deberían ir xuntos, distanciados, como máximo, unha a dúas leguas. Sondearían en cada legua e caso de localizar un banco de peixes sería obrigado tomar nota de numerosos datos. Tamén advirte que se debe evitar pescar nas inmediacións de portos e costa para evitar competencia cos pescadores matriculados e “quitarles el grano de su parva” (en 1748 crearase a “matrícula do mar”, unha obrigada inscrición para que os pescadores pódense faenar).

Os resultados práticos obtidos foron escasos. Na súa primeira campaña “El Descubridor” localizou un importante caladoiro de pescada a unha distancia de, aproximadamente, dez leguas ao oeste de cabo Corrubedo, hoxe coñecido como “O Canto”. A partir do mes de agosto de 1789 o seu capitán sería Thomas Arrarte y Sertucha. A vida da “Empresa de Pesca en Galicia” rematou a fins de 1789. Segundo os datos económicos sospeitase que unha das razón para a súa creación foi a obtención de recursos económicos públicos para proxectos privados de Hijosa. Unha entidade paralela propiedade tamén do fomentador, “Especulación Premeditada de Pesca”, sería a destinataria de cartos utilizados para reflotar a explotación de Porto do Son.

En decembro de 1789 os buques da “Empresa de Pesca en Galicia” foron taxados en Vigo por peritos e pasan a formar parte do patrimonio doutra relevante empresa, a “Real Compañía Marítima”, creada nese momento e continuadora, dalgún xeito, da entidade galega. Nese sentido, a “Empresa de Pesca en Galicia” acada tamén especial relevancia, como embrión da institución estatal. Por certo, Hijosa continuaría relacionado coa nova institución como Director da Compañía en Galicia.

Ilustracións e nota:

  1. Representación de “El Descubridor” como un trincado segundo Juan Carlos Arbex (2005).
  2. Portada da “Introducción sucinta provisional, que deberán observar las embarcaciones destinadas al descubrimiento de nuevos comederos, placeres, o bancos de pesca de altura en los mares de los dominios del rey “(1788).

1 SÁÑEZ REGUART, A. & HIJOSA, G. (1788): “Introducción sucinta provisional, que deberán observar las embarcaciones destinadas al descubrimiento de nuevos comederos, placeres, o bancos de pesca de altura en los mares de los dominios del rey”, edición de 2005 do facsímile, comentada por J. López Linage e J. C. Arbex, Madrid: Consello da Cultura Galega y el Museo do Mar de Galicia.

 

Xosé A. Fraga  é Director do Álbum da Ciencia (Consello da Cultura Galega) e académico correspondente da RAG

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off