off
Comunidades Galegas, Pensamento — 2 Marzo, 2014 at 17:58

A muller galega nos refráns e na vida

por

Ollaparo_ampacadoras_mloureiroÉ raro o día en que nos xornais non aparece unha nota ou un suceso tratando un asasinato, unha violación, un homicidio, unha malleira, abusos, en fin, violencia de xénero exercida contra a muller. Desgraciadamente o asunto da violencia machista semella ser unha cadea sen fin. Pola trascendencia que ten o tema, non quero pasar de largo nin esquiva-lo tratamento que da muller fan os refráns, pois gustaríame facer unha pequena reflexión sobre o asunto. Os ditos son (moitas veces) fonte de sabiduría e pautas de conducta, mais noutras ocasións axudarannos a entender algúns extremos sobre o tema que imos desenvolver. A muller galega foi fonte de inspiración lírica, pero non sempre a louvaron de xeito positivo, senón que a reduciron a algo insignificante, a simple obxecto, quedando baixo a dependencia do home e mesmo dos fillos porque Galicia e outras zonas foron durante séculos sociedades machistas e veron á muller como unha cousa útil, aínda hoxe pervive nalgúns este primitivo sentimento. Historicamente viuse subordinada ó home e isto reflíctese nos ditos e refráns. Signos de machismo foron a preferencia dos pais polos varóns: mandaban ós fillos á escola e as fillas quedaban na casa, as mulleres sentábanse á hora do xantar, afastadas dos homes, (ou comían de pé), e para elas era a peor parte da pitanza, ata 1975 non poideron ter unha conta nun banco se non era co placet do home; non foron quen de obte-lo carné de conducir, nin tiñan a patria potestade sobre os fillos; se casaban cun estranxeiro perdían a nacionalidade de seu; actualmente o salario da muller en España está un vintetantos por cento por debaixo do do home, etc. Na India se lle preguntas a un padre de familia cantos fillos ten, se son tres fillas e dous varóns, respostarache que ten dous, obviando citar ás mulleres.

Todos estes extremos amparados polos gobernos de quenda. Non se trata de facer unha relación de refráns que teñan que ver coa muller, pois para iso xa existen refraneiros temáticos. Nos refraneiros galegos, portugueses, castelás e outros hai moita misoxinia e antifeminismo que se reflicte en paremias como as que seguen:

A muller que non ten home no regazo come.
A muller e a vaca con día para a casa.
A filla dala a quen a pida, o fillo hase mirar a quen se ha de dar.
A muller e a galiña, co sol recollida.
A muller e a sartén na cociña están ben.
Á muller e ó can, o pau nunha man e noutra o pan.
As verdades son dos homes e as mentiras das mulleres.

Polo san André o que non ten porco mata a muller.
Un home é un home aínda que lle pegue á muller.
Arriba, putas, que aí veñen as San Lucas!
Un fillo tonto é mellor que unha filla habilidosa (Chino).
A sabiduría da muler esbandalla a casa (Ruso).
La mujer en casa y con la pata quebrada. (Castelá).
Al asno y a la mujer, a palos se han de vencer. (Castelá e eslavo))
Nin bois á noite nin muller á luz da candea.
Mozas tolas e por casar é mal gando de gardar.

 

Fixémonos nestas coplas:

 

Catro cousas hai no mundo
que son as máis testarudas:
as cabuxas e as ovellas,
as mulleres e as mulas.
Maruxiña, Maruxiña,
a do refaixo amarelo;
se te atopo no camiño
non che ha de valer non quero.
Cando te pille no prado,
cando te pille máis veces,
heiche de meter no corpo
herba para nove meses.
Para cuñas, pau de toxo,
para fungheiros, carballo.
Para contentar as mozas,
o cabezón do carallo.
As nenas de esta aldea
poucas son, poucas serán;
quen mas dera empipadas
nunha pipa de alcatrán.
Costureiras non as quero,
se mas dan, cághome nelas;
canto can e ghato hai,
durme na cama con elas

 

Deitan misoxinia a máis non poder, e coma estas hainas a centos nas diversas culturas e idiomas.

Muller tiñas que ser!!
Mulleres, pra fodelas!!

Son unhas expresións, uns “sambenitos”, de descrédito hacia as mulleres,que oímos moitas veces e quedamos impasibles diante de quen as pronuncia. Deberíamos facer denuncia deste tipo de manifestacións cando as oigamos.

Biblia foi sempre interpretada dende un punto de vista androcéntrico e antifeminista. Toda esta degradación e aversión ou zuna hacia á muller ven
recollida nunha longa traxectoria histórica, dende a antigüidade ata os nosos días e en tódalas culturas; institucións, filósofos, matemáticos, santos, etc. Cara ó teu marido irá a túa apetencia e el dominarate (Xénese, 3,16).

A pesar de que a doctrina de Xesús promulga a non discriminación por razón de sexos e razas: Xa non hai xudeo nin grego, esclavo nin libre, home ou muller senón que todos somos un en Cristo”. (Gálatas III, XXVIII). San Paulo, cae en contradicción na Epístola a Timoteo: Non permito a ningunha muller que ensine ou teña autoridade sobre o home. A patrística cristiána entendeu que a muller era un ser inferior por natureza, en contra do exemplo que deu Xesús; san Agustín, santo Tomás de Aquino, san Xerónimo, san Ambrosio, todos trataron de xustifica-la exclusión da muller da esfera da igualdade. Para mostra do que digo velaquí uns cantos exemplos:

Como pode ser limpo o que foi nado de muller? (Xob, 25,4). San Agustín di: A muller é un ser inferior e non está feita a imaxe e semellanza de Deus. Toda muller debería sentirse avergonzada ó pensar que é unha muller (San Clemente de Alexandría, O Titor).

Os xudeos ortodoxos exclaman nesta oración:
Loado sexas, Ti, Señor, noso Deus, Rei do Universo, porque non nacín muller!

Nun parágrafo do Corán podemos ler: Os homes están por riba das mulleres porque Deus favoreceu a uns respecto dos outros (…) As mulleres
son submisas ás disposicións de Deus (…) A aquelas de quen temades a desobedencia, reprendédeas, confinádeas nas súas habitacións e golpealas.

Vexamos o que di Aristóteles na “Política”, no século IV a de XC:

O varón é por natureza superior e a femia inferor. Un dirixe e a outra é dirixida. Os da clase baixa son por natureza escravos e, é mellor para eles,
como para tódolos inferiores, estar baixo o mandato dun amo.Así se manifesta Pitágoras: Hai un principio bo, que creou a orde a luz e o home, e un principio malo, que creou o caos, as tebras e a muller.
Nietzche en “Así falou Zaratrusta”: O home debe ser educado para a guerra, e a muller para a recreación do guerreiro; todo o demais son parvadas.
Do mesmo ou de semellante xeito se manifestan Platón, Confucio, Lutero, Darwin, Rousseau, Freud…Existen escritos nos que se identifica o corpo da muller coa contaminación
e o pecado. Os gremios, ata hai poucas décadas, restrinxiron a entrada nos mesmos ás mulleres.O lugar da muller era o fogar; móstrasenos como sumisa; sen embargo a
muller galega tivo un papel salientable na educación dos fillos, na ciencia, na literatura, na arte, en fin, en todas as facetas da vida.

No século XIV sobresae nos movementos de protesta María Castaña, no XVI a gran María Pita defende a costa galega fronte ós piratas. Moitas foron acusadas de bruxaría e queimadas nas lapas, María Soliño, Lucía de Castro, Ana Fidalgo, etc. O padre Feijoo e Martiño Sarmiento defenden á muller e os seus dereitos.Máis tarde Juana de Vega, Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Sofía Casanova, Maruja Mallo, etc, etc, serían faros que alumearon a outras e outros para anchear o coñecemento ad maiorem gloriam de Galicia e o mundo.

Xa para rematar vexamos estes pensamentos e coplas como contrastan co precedente.

Morte e nai, soio unha hai.
Contra da nai non hai razón.Amor coma o da nai non o hai.
O amor dunha nai non contempla o imposible.A boa muller, a casa sábea encher.
Todo o que son débollo a miña nai.

George Washington

 

 

A muller que é caladiña
e non di mal de ninguén,
canto máis baixiño mira
tantos máis amores ten.
Miña nai como é tan pobre,
cando non ten que me dar,
éncheme a cara de bicos
e despois rompe a chorar.
Costureira melindrosa,
onde che van os melindros?
Téñoos ha hucha gardados
para poñer os domingos.
Miña nai, miña naiciña,
como miña nai ningunha,
que me quentou a cariña
coa caloriña da súa.

 

Demostran e poñen de manifesto unha gran carga semántica de inxenuidade e ternura que di moito da alma da muller galega.

3 Comentarios

  • Obrigado, Antón, por esta escolma tan ilustrativa.
    Nada máis engadir que as sociedades europeas estamos, polo xeral, no camiño de superar eses prexuízos. Porén, aínda queda moito que facer na nosa, tan deixada a ser sometida por unha igrexa católica que segue a impedir á muller acceder ao sacerdocio, obispado… papado.

  • Grazas, tocaio.
    Agardo que o novo papa Francisco vaia poñendo as cousas no seu sitio. Saúdos a Margot e á pianista, e para ti unha forte aperta.

    X. Antón Suárez Aneiros

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: