off
Meio ambiente, Política local — 14 Febreiro, 2014 at 12:53 p.m.

Política de titulares de prensa do goberno popular de Cedeira

by

Dende que comezou este ano, 2014, o goberno municipal do PP de Cedeira ten intensificado unha nova maneira de acción gubernamental. Estamos a referirnos á propaganda a base de titulares de prensa, é verdade non é nada novo para o partido popular dar titulares á prensa e tratar de enganar e confundir á cidadanía mediante a manipulación de datos, interpretación sesgada da realidade e demais, pero aquí no noso Concello si nos resulta novedoso que no pouco que levamos de ano practicamente todas as semanas o goberno municipal se faga “autobombo” en distintos titulares.

Sen ir máis lonxe hai unhas semanas puidemos ler De que centro de día?, menos mal que no último pleno celebrado no Concello o pasado 29 de xaneiro, o alcalde aclarounos que a noticia referíase á vontade do goberno municipal, non á realidade. Pero en fin, isto só é un exemplo do que dicíamos ao principio e pode que ou ben intenten disfrazar a súa inacción publicando titulares varios, ou que o novo alcalde popular necesite que o público o valore e non estableza comparacións co anterior. En todo caso ao BNG parécenos moi ben que o Concello fale coa prensa e expliquen o que queiran, faltaría mais!, pero agradeceríamos que cando somos alguén da oposición os que facemos preguntas, se nos contestara con claridade e se nos facilitara toda a información que solicitamos.

Sobre o tema da praia sen ir máis lonxe, tema do que o BNG leva instando ao goberno municipal a actuar dende o principio da lexislatura, no pleno do 29 de xaneiro, díxosenos primeiro que estaban esperando por unha “resposta inminente sobre unha proposta que Costas fixera a Madrid” e despois engadiuse que “xa estaba en Internet, un proxecto de avaliación medioambiental.” Ben o referido proxecto é en realidade unha memoria de actuacións na morfolóxía da praia da Madalena, da demarcación de Costas de Galicia, asinada con data de novembro de 2013 pero na que os datos que aparecen en distintos recadros son nalgúns casos relativos ao 2003, non son datos actualizados polo que en realidade temos moitas dúbidas de cando ou de que maneira foi feita a mentada memoria.

A día de hoxe e, despois do publicado na prensa (13/02/14) “O Concello avala a proposta de Costas para a praia de Cedeira”, o BNG vémonos na obriga de denunciar que a nós non se nos remitiu tal proposta. Tivemos acceso á mesma buscándoa en Internet e na mesma as actuacións que se propoñen dun xeito resumido son as seguintes:

Construción encauzamento na marxe esquerda do río.
Recheo inicial de area con material procedente do baixo da desembocadura.
Recuperación do sistema dunar no dominio público.

Como que non é necesario un estudo de impacto ambiental para acometer as actuacións indicadas?

Por que o goberno municipal do partido popular non explicou esta proposta no último pleno? Non é un tema o suficientemente importante para debate e para ter en conta á oposición municipal e a todo o pobo de Cedeira?

Con respecto a esta mesma noticia publicada o pasado xoves, 13 de febreiro do 2014, sinalar que o último párrafo da mesma non ten desperdicio, quen cre a estas alturas que este noso pobo é un modelo urbanístico e que ademais non se lle quitou espazo dunar á praia?, todo grazas claro está aos sucesivos gobernos do partido popular. Como se poden facer este tipo de afirmacións, cando na propia memoria da Demarcación de Costas de Galicia se sinala como unha das causas fundamentais do deterioro da praia “as actuacións urbanísticas desenvolvidas no pobo na 2ª metade do século XX, edificacións como a Praza Roxa e o colexio público que se asentaron sobre antigos espazos dunares” pensan que non temos memoria?, que non temos visto fotos antigas?, que non sabemos onde está o paseo marítimo?, que non está á vista de todo o mundo a fonda pegada en materia urbanística dos sucesivos gobernos populares?.

O desenvolvemento urbanístico propiciado polo partido popular en Cedeira supuxo por unha parte a eliminación de todo canto vestixio patrimonial poderiamos ter e por outra no que a novas actuacións se refire, co que contamos é cun trazado de rúas imposible, unhas edificacións a pé de praia propias de Benidorm (modelo urbanístico por excelencia), sen olvidarnos do espazo comido ao sistema dunar impedindo a rexeneración natural da praia e abocando á mesma á grave situación na que agora se atopa.

A praia necesita solución urxente.O  BNG entende e apoia a campaña de SomosCedeira e Adega: calquera solución ten que pasar por un estudo previo de impacto ambiental porque non se poden emprender actuacións na mesma sen saber as repercusións medioambientais que van a ter. Non podemos arriscarnos a quedar sen praia por non facer as cousas ben.

María Xosé Rodríguez Pérez, é portavoz municipal do BNG de Cedeira


Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off