off
Europa, Opinião, Politica espanhola, Traballo — 31 Xaneiro, 2014 at 5:28 p.m.

Desemprego e precariedade made in UE

by

 

Montaxe do Guindastre de Astano (Ferrol)
Montaxe do guindastre de Astano (Ferrol)

A Unión Europea chamou ao Goberno español a encetar a “segunda etapa” da reforma laboral. Por boca do seu Vicepresidente, Olli Rehn, a Comisión Europea instou ao executivo de Rajoy a profundar na desregulación laboral e na precarización das condicións salarais e de traballo. Non con estas palabras, claro. Con todo o cinismo o apelo botaba man como coartada da elevadísima taxa de desemprego xuvenil no Estado español. A receita é moi vella. De certo, a práctica totalidade das reformas laborais emprendidas nos últimos trinta anos, quer por PSOE quer por PP, respondían aos mesmos criterios: “flexibilizar” o mercado do traballo simplificando as fórmulas contractuais facilitando a temporalidade, abaratamento do despedimento e outorgar cada vez máis poder unilateral ao patronato para poder fixar as condicións de traballo nas empresas, e as modificar a libre disposición.

 

Con todo, e só botando man dos datos, non parece que unha nova reforma laboral vaia corrixir o que as dúas últimas, coa beizón da Troika, agravaron. Así o translocen as estatísticas. Se en 2007 en Galiza o número de persoas no desemprego situábase por baixo das 100.000 (96.500 no IV trimestre), seis anos despois e dúas reformas laborais mediante o paro atinxe a case o triplo, 277 mil segundo a última EPA.

 

Para alén do máis, se comparamos os períodos inmediatamente posteriores á entrada en vigor das dúas últimas reformas (2009 e 2012) veremos que estas non só non frearon o aumento do desemprego, senón que o levaron a máximos históricos. 2010 remataba con 35.000 galegos e galegas máis no desemprego, e en 2013 o paro volvía superar lixeiramente o record de 2012. Outro tanto reflicten os datos de afiliación á seguridade social. Case 22.000 postos de traballo menos en Galiza no 2010, logo da reforma laboral de Zapatero. Outros 31.000 destruíanse tras a de Rajoy, colocando, por vez primeira en moitos anos, o número de persoas afiliadas no noso país por baixo do millón.

 

O que si lograron engordar as dúas últimas reformas laborais foi a taxa de temporalidade e singularmente o desemprego xuvenil. Se en 2009 os e as mozas menores de 34 anos sen emprego rondaban as 90.000. En 2013 o número elevábase até máis de 120.000. Un aumento acumulado por volta do 34%, en progresión ascendente cada ano, malia -ou máis ben a pesar- das reformas que presuntamente quería favorecer a contratación xuvenil, e á que habería que engadir os e as máis de 77.000 mozas forzosamente expulsas do país nunha nova enxurrada migratoria e aqueloutras que non figuran na estatística por estaren estudando ou traballando de maneira ocasional un número ridículo de horas. Por non falar tamén do empobrecemento salarial, do aumento real do tempo e intensidade do traballo, da economía somerxida e do alza no infratraballo, con xente empregada con contratos dunhas horas (xa nin días) ou baixo fórmulas ultraprecarias como as prácticas non remuneradas.

 

Con esta rápida retrospectiva só cabe concluír que o que nos receita Europa é outra ronda de precariedade laboral, que como vemos non suporá en ningún caso o aumento no número de postos de traballo. E, ao contrario, dificultará a recuperación económica ao contraer -inda máis-, a demanda interna. E inda hai quen pide máis Europa! Con certeza, a saída -favorábel aos intereses das clases populares galegas- está precisamente na dirección contraria, no camiño da ruptura cunha UE que hoxe actúa como o mazo do Capital, da grande banca e do empresariado, para nos quitar ao seu favor o pouco que nos queda.

 

Xabier P. Igrexas. Vigo (1984). Activista social e polí­tico. Comunista e nacionalista galego. Foi secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes, membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e Secretario da Federación Veciñal de Vigo. Na actualidade, entre outros, fai parte da Dirección Comarcal da CIG en Vigo e é o Responsbel de Acción Social na Executiva Local do BNG de Vigo. Autor do blogue www.contradiscurso.net  En twitter: @contradiscurso

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off