off
Política, Politica espanhola — 31 Xaneiro, 2014 at 11:54 a.m.

A FAES e o medo á liberdade

by

A FAES vén de publicar un documento que lle explica aos súbditos, nunha especie de argumentario opusiano con preguntas e respostas  intitulado 20 preguntas con respuesta sobre la secesión de Cataluña, porqué o secesionismo, a independencia, non debería facer parte do menú do día da omnívora turma. O opúsculo, ideado para atallar o proceso catalán -o PP sabe que non gobernará nunca en Cataluña-, tenta agochar dun xeito  trapalleiro as verdadeiras razóns que o alentan, cando o que supostamente non é bó para Cataluña non o é para ela senón para quen se empraza na posición do redactor do texto da FAES, a España eterna e centralista. Quen se tornaría “irrelevante” no plano internacional se o de Cataluña se extendera a Euscadi e Galiza?

O patético  intento de ridicular o debate do soberanismo deriva en si mesmo en  pérolas coma esta:

O proceso secesionista pode alegar intencións e coartadas, mais é un proceso sen razóns, se por razón se entende un tipo de argumento que responde  á realidade e  que se expresa mediante fórmulas comúnmente aceptadas na comunidade política á que se dirixe. Ante Europa, ante Occidente, ante o  mundo, o secesionismo carece de razóns.”

 

Segundo a FAES , seica a libre vontade das persoas expresada democráticamente non son razóns de abondo, non responden á “realidade” as persoas  que deciden pasar de súbditos a cidadáns, porqué así o queiran  e expresen – ainda que ese acto só lles forneza o digno conforto moral de quen se sinte e quere libre-.Para a FAES non son persoas suficientemente ‘reais’. Porque o a priori do que parte o think tank conservador é que só responde á realidade da súa España o que se acae co seu padrón de xerarquías e non quen ten pensamento,  vontade propria ou expresa unha  leitura diferente do texto constitucional.  Por outra parte, tirar de Europa e do cosmos sideral  para desautorizar o secesionismo é un disolvente ben malo. Ao cabo o dereito internacional nada dí sobre as nacións: baséase nos feitos consumados. Non queren que unha parte da cidadanía europea lle explique ao mundo como interpreta hoxe  a Constitución española, e punto.

Algúns lembraran cando Rajoy encetou a campaña de recollida de sinaturas contra o Estatut por pedir un referendum (unha posibel estratexia contra Zapatero empregando Cataluña como víctima propiciatoria na carreira á Moncloa e que agora se lle revolta).A catalanofobia nalgúns medios españois e galegos é vergoñenta, se cadra máis nos medios galegos que semellan vivir máis para o altiplano que para Galiza cando a vella nación galega estalle a pagar a Madrid unha festa que non é a súa.

Doutro xeito, o que pretende a FAES  é que a sociedade se adapte á “política” e non que esta lle sirva á sociedade para dar resposta ás arelas e necesidades dunha realidade cambiante na que conviven e colisionan diferentes soberanías e procesos emancipadores. A realidade é poliédrica, si.  Acontece que o estado das autonomías español só é sustentabel se o Estado expolia algúns dos seus territorios. Coa a crise esa drenaxe e asalto estase a ver con nídia claridade en Galiza: non decidimos nada sobre o modelo de función pública, sobre o sector enerxético, a producción  naval ou sobre a perda das caixas públicas, por citar só algúns casos de recente actualidade.

O idioma merece caso a parte. Paga a pena reparar nun caso acontecido onte e do que vén de informar El Punt.  Como pode ser que un policia  nacional deteña unha muller nunha oficina do DNI de Barcelona por falar en catalán por teléfono nunha conversa privada e logo, tras repreendela, lle fale en galego?. «Aquí estamos en España e non teño porque falar en catalán», espetou. De onde tirou esa mentalidade supremacista e degradante  un funcionario público  que demostra que pode falar alomenos en dous idiomas? E non será que o paifoco policía reproduciu en Barcelona o que na súa contorna social en Galiza debeu ser a normal persecución e degradación permanente do  idioma de seu e que a academia de policía española acabou por requintar até a estupidez? Nen carceleiro nen víctima. A substitución é mesmo psicótica, e reveladora: parece pensar “aquí estamos en España e non me deixan  falar en galego”.

A violencia ten as súas raiceiras nestas experiencias,e por tanto, non é accidental que hogano nos defrontemos a esta especie de realpolitik  principalmente entre quen están emprazados no poder á marxe das persoas con dereitos e deberes. Alí onde se permitiu que a política fose invadida pola hipocresía medrou a corrupción e a máscara até o punto de que con naturalidade xa non ocultan quen no corpo político dos cidadáns son para eles súbditos, irrelevantes dende o punto de vista político. O galego sempre foi língua maioritaria até que xente como os Fraga, os Rajoy  ou os Wert, ou cunha mentalidade como a súa, fixeron do bilingüismo unha coartada ao servizo do supremacismo que na práctica segue a privarlle a moitos cidadáns a liberdade de vivir no seu idioma.

As servidumes da “realidade” segundo a FAES tén os seus  inconvenientes, máis para uns que para outros, xaora!. En democracia iso ten solución: educación, respeito e arranxar espazos de decisión e de liberdade. A identidade española formouse na exclusión da diferencia idiomática e cultural. E sigue a facelo. Inocular temor na cidadanía sempre lles serviu para apelar ao abrazo protector do eterno hispano.No canto de pedir máis democracia para que a xente poida decidir politicamente o que quere facer ou velar  para que os cidadáns teñan idénticos dereitos á súa personalidade legal e a recebir protección, teiman no extremo oposto: continuar coa desposesión. A Lei Wert vai nesa liña. A suposta nivelación española consiste en despouir ós “outros españois” dos seus rasgos diferenciais.A FAES, e non só, persisten nunha interpretación da Constitución prepolítica, como se houbera materializado de súpeto e como se a dictadura non fose outra cousa que un experimento para descubrila.

Porque  abonda que un colectivo reclame liberdade para que esta se torne razón suficiente,  para ser así e non de outra forma. Agás que se pense ,como a FAES, que determinados cidadáns  non son  libres de decidir determinadas cousas.

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off