off
Cinema — 27 Xaneiro, 2014 at 10:06 a.m.

Un filme na raia

by

Eloy Enciso Cachafeiro (Meira, 1975) volta á terra da que emigrou para rodar Arraianos (2012).O fascínio de Arraianos alicerza na súa ambiciosa poética a partires da recreación de textos da peza teatral O bosque de Jenaro Marinhas del Valle.

“Ser escritor arraiano é escribir con naturalidade dende o lugar emocional dos devanceiros”

Antón Riveiro Coello

“A filosofia é um ir cantando para escorrentar o medo”

Jenaro Marinhas

 

 

 Agora que vén de sair en DVD, o produnte sería calar, avanzar xa o inútil de toda tentativa de disección e convidar a vela  a todo espectador que non queira que lle conten historias, alomenos do xeito en que se pensa que unha historia debería ser contada.  Se non souberamos nada do lugar da filmaxe, que entre dous Estados houbo un territorio co privilexio de escolla ou de como se axuda a parir unha vaca, para alén da súa antropoloxía visual, Arraianos confrontaríanos coa imposibilidade de rodar e de escribir sobre as lembranzas. Sería un territorio indefinido como aquel que se soña. De aí que, no filme de Enciso, o protagonismo fluctue nunha sondaxe de imaxes perturbadoras, nun principio “incomprensibeis”, nun decorrer temporal antifílmico que bebe do cinema poéticamente liberado e da experimentación filosófica. E é posible que comparezan na memoria outros nomes e outros título: Tras-os-Montes (António Reis,1976), e ainda, Le Streghe, femmes entre elles (Jean Marie Straub) e a tarkovskiana construción do tempo fílmico como tempo “real”. Por iso, probabelmente, haberá quen  vendo o DVD perda o esencial fluxo do tempo que a sala escura permite  e quen entrando na sala sen saber o que vai ver dende a poltrona demore en seguir a narración, afeitos que estamos a que nos conten historias-feitos con imaxes preconcebidas e total submisión emocional do espectador. Máis a adiante confirmaremos a intuición  do miúdo que me acompaña ao sair do cinema: “papai, Arraianos eche  unha película de suspense”. Poderá a consciencia temporal dun neno captar con mais atino a autosubsistencia e excedencia do visto, o principio estético que  propón Enciso?

O lugar emocional dos devanceiros

Como sería un mundo sen fronteiras e sen águias? Como sería un mundo-arrabaldo? Como é que sería o mundo se fose un couto redondo, un todo único, sen propiedade allea nengunha?. Esta meditación conduce polos vieiros inesperados da língua, esa primeira raia, esa primeira república da seitura que deu sentido á terra de ninguén. A língua como traballo comunitario. A língua como raia e como paso, como claro do bosque que nos permite ver. Unha língua umbilical que anaina con cantos falagadores e grolos espirituosos. Fixando o recordo dende o trivial, ao cabo, seguindo o camiño trazado polo limiao arraiano Antón Riveiro Coello:

“A autenticidade é falar coa súa voz, coa voz de toda a xente que nos precedeu e que nos deu o agasallo da lingua como se nos dese a alma. Escribir dende (e sobre) o Couto Mixto é acariñar toda esa morea de palabras que nos fai adquirir un compromiso ético e estético coa súa historia, coa súa tradición, coa súa paisaxe”


Enciso parece asumir ese ditado. Unha actitude ética alicerzada no recoñecimento das actividades insignificantes só pode vir no colo da língua e non tanto do desencadeamento dos feitos nunha estructura narrativa. Experimentar con outras posibilidades de síntese que nos permitan pensar-sentir. Alén da recreación nas constelacións máxicas atribuidas ao rural galego, o filme explora a realidade do mito e o mito da realidade, a través dunha posta en escena que é de seu tan liminal e propedéutica como o seu obxecto de interese e, talvez, unha reflexión tamén sobre o próprio cinema como representación da memoria e como tecnificado artefacto de ficción. Proponos redescobrir o mundo no preciso lugar do Couto Mixto, na Raia, onde medran arredor, magníficas, as herbiñas e as follas, as palabras dunha cultura que nos lega, a dádiva, da súa beleza e o acedume da súa saúdade. E todo iso é a vida, o ritmo da machada facendo leña.

Aquén do rural galego, decote asimilado ao máxico arquetipo arcaizante, álzase a completa historia dos homes e mulleres que alí viven, dos que son e todos os que, embora non figurando, comparecen. O achádego de Enciso é  dunha completude soerguida nun material fráxil e non na acumulación de obxectos e testemuños. Agradécese que a proposta sexa máis umbilical que dixestiva. Porque o home nunca deixa de ser relixioso nen político, muda os seus ritos por outros, para achar acomodo no espazo que foi creando cando se ollan entre si as persoas procurando achar algo máis no horizonte, do outro lado da soleira. Para achar, se callar, no rosto do veciño, o reflexo inesperado do próprio rosto. Duas falas, duas persoas, un couto e unha língua.

Por momentos recua, distánciase da gramática para mellor achegar ao texto. A tarefa é dificil, significa propor unha desaprendizaxe cinematográfica, arrombarmos no posibel da gramática que nos presenta o cinema tecnificado como un feito administrativo-consumado, que nos impide pensar e sentir. O que aquí está en xogo é fulcral, non se procura una simples reformulación técnica que sería doado reproducir con máis ou menos virtuosismo, mas a adecuación entre significado e forma. Daí que non abonde con recrearse na beleza dos planos, senón o que na vida como na arte é repetición e sobrevivencia.  O que Bergson chamaba “duración”:  a percepción liberada das necesidades, o decorrer do tempo en si que se semella á vida dos soños. Sería necesario precisar que en Arraianos a trama tamén conta (só hai que agardar o final para vermos até que punto se impón a titánica luz do presente) porque iso é do que se trata, do encadre como trama: ese modo de ver é, ao cabo, o máis fílmico, o máis cinematográfico, onde a sensación visual non se torna escrava da  necesidade narrativa. Imaxes e sons que semellan subsumir a trama no que non é outra cousa que un complexo subtexto que nos obriga a un modo activo de recepción próximo ao suspense, que nos convida a recrear os pormenores, a mergullarnos na incerteza da emoción que está para acontecer.

https://www.youtube.com/watch?v=gAhDM2zdMmEhttps://www.youtube.com/watch?v=gAhDM2zdMmE

 

No fondo, non se trata tanto de integrar a comunidade rural no relato cinematográfico senón procurar os seus “límites” alén da pantalla, como fica ben explícito no título do filme para quen descoñeza Galiza e non teña relacións de proximidade: do que significa filmar e interpretar, do que é filmar un acontecimento ou un momento irrecuperabel que agroma nas fotos ou nas cancións de namorar que rememoran a fuxidía mocidade. (E o espectral rebumbio de chocas rolando por entre casas como a máis eficaz música capaz de reminiscencia dos traballos e dos días; paradoxalmente, a imposibilidade real de recuperación do tempo que foi, relacionado na estructura “interna” do filme, coa escena do nascimento do xato, un acontecimento de vida extraodinario onde non nacen nenos). Non se filma o Couto Mixto, reprodúcese. O lume e o orballo, a língua e a touza, os aeroxeneradores  e as pistas forestais.

De feito, é de agradecer que a ollada -aquí debullada como modo de ver- non nos devolva un “documento etnográfico” ou un dispositivo entre a ficción e o estudo etnográfico, entre a poesía visual e o documental, como adoita dicirse. O que o filme nos presenta de brazo dado de Jenaro Marinhas  é a necesaria subversión da diferencia entre artificio e realidade núa. O xogo de dualidades que pode parecer expresado dende a primeira escena entre as dúas mulleres que enfrontan dous pareceres aparentemente contrapostos ao xeito de Le Streghe,femmes entre elles de Jean Marie Straub.

 

A transfiguración fantasmal da vida cotiá dos habitantes do Couto Mixto – cecais o máis universal dos territorios de noso e terra de fronteira entre dous estados nunha nación sen ele – a través  da dialéctica de dúas personaxes que debruzan entre o reencantamento do mundo e a condición posmoderna -quer dicer, entre a visión esperanzada e a secularización radical da vida social- achéganos testemuño dun mundo que perdura mentras duren as palabras que lle deron. Porque o que perdura non precisa feitos senón palabras arrincadas da bouza. Cando non se teñen palabras un país está condeado á desaparición. Unha metáfora, quizais, do país que errou acreditando que o futuro se facía só con feitos e non con palabras.

Porén, visualizan un mundo que nunca foi nen será como se lembra. Eis o cerne do misterio e do suspense. Porque Arraianos procura, no espacio inquietante da Raia, a relación íntima de cada uns dos elementos na intensidade do encadre para esculcar  a través do sentido rítmico da montaxe, a musicalidade esencial do tempo,  onde o fuxidío semella coagular nas encostas e fragas. Exemplar é a canción da baiuca, na que o Baqueano mentras escoita  e vai engolindo o licor, fita ao redor cunha ollada que non precisa de montaxe, senón o xesto mínimo a regosto de bagazo. O resultado é un acontecemento soerguido en si mesmo, acrescentando unha imprensión desasosegante e absorvente malia o intre lúdico que estamos a presenciar. Un comunitarismo espectral que convoca os seus pantasmas como celebración do misterio que as palabras e as imaxes trazen, sempre entre o real e o irreal, como un amañá que ficou atrás e que non somos quen de incorporar á experiencia presente.  Acho que as vellas e fráxiles estampas de familia, da parroquia dos mortos, son a medida do ollo que esculca e non tanto un inventario fotográfico da perda do territorio e os seus habitantes. Un elo que traza pontes e vieiros de sentido esculcando os restos de aura, de auténtica beleza, e sacralidade. Talvez porque o desasosego da perda proceda do modo inesperado e fuxidío do recordo no espazo, nos seus obxectos e nas palabras que a nomean  e non tanto da ausencia física que esvaece na memoria como brétema no mato lenturecido. As emocións son físicas, ocupan un espazo, son un lugar. Un lugar que escorrega antre os dedos como auga das Danaides. Saudade. Daí talvez a posición da cámara, case sempre á altura dos animais e das persoas, para mellor sentir o seu alento.

A medida que vemos o filme decatámonos da dimensión física, e por iso, metafórica, da Raia. Guiado pola conciencia da fronteira Enciso esculca a imaxe en canto sensación visual, sabedor que o valor do ser depende máis do cheiro da roupa gardada cá do privilexio que a mercou.

Arte arriana

O cinema é sensación vivida o tempo que dura o visionado. Nesa faceta seméllase á música. Ver Arraianos permite reproducir esa experiencia primeira, tan do gosto de Estrella de Diego: a de entrar na sala escura sen sabermos de antemán o que imos ver. Apélase aos sentidos, a todo aquilo que non se conta. Arraianos é, por iso, un repudio do cinema comercial porque habita no limes,  nese ámbito intersticial entre a montaxe cinematográfica e o decorrer temporal da vida. Eís o maior artificio.  O segundo filme deste director galego da diáspora latexa ao ritmo do desespero emocional e a angustia existencial do texto de Jenaro Marinhas  e lonxe da dramaturxia titánica. Enciso decántase por un modo de facer cinema, de meditación fílmica, baseada na pormenorizada observación da relación entre o home e o espazo que habita, subvertindo a aparente sintaxe do cinema onde só hai principios e finais. Haikai visuais, actos en sí, imaxes-tempo que conteñen a seu, todo o tempo. Unha infinidade de emocions simultaneamente sentidas que din que todo está a acontecer na penumbra da sala.

A muller baixo a chuva leva unha mada de berzas no brazo. A súa ollada desgarra sen concesións a pantalla ao calcular o duro traballo de arrincar os cañotos das couves. É a cámara a nos esculcar para nos amosar o real do tempo vivido. A condición psicolóxica que nos permite revivir un estado de ánimo no que comparecen os ausentes, os devanceiros que falan en nós alimentando o desexo imposibel de apreixar o que non son máis ca faíscas. Abrimos os ollos e descobrimos unha ollada desdobrada ao interior, un ollar de fronteira que procura todo aquilo que fica no silencio do cotiá: a repetición mecánica do traballo na leira, o cansanzo físico próprio e de todas as xeracións, a saudade como presenza. A plenitude da ollada deixa de ser representación para tornarse presenza. Non era iso o que propuña Andrei Tarkovski?

Reparar máis unha vez  na ollada hierática, espectral e artificiosa do Baqueano (o home que custodia o sentido, quen le nos signos inadvertidos, aquel que coñece os camiños, os eidos e a fala do territorio) mentras o resto canta unha canción popular como se fose un soño soñado, unha ladaiña de reclamos, unha porta ao universo que encerra o microcosmos para revivir a saudade: os rostos, a melodía en palabras que nos queren, o xesto do brazo ao engolir o licor. Porque o que perdura  é o que a natureza nos amosa con grande simplicidade e sacrificio.

O resultado é de simplicidade figurativa ao servizo da vida e da comprensión. Porque non abonda coa beleza engaiolante das imaxes de Mauro Herce. Eís, talvez, o que seduciu en Locarno: fronte ao culto ao titanismo do cinema-industria, Enciso móstranos a fenda aberta entre a capacidade productiva e capacidade imaxinativa, entre automatizacion trunfante e finximento. Ao cabo, a verdade do filme non soergue en ter os seus alicerces nas persoas reais que moran na Raia, nas súas relacións co pasado ou co presente imaxinado e sentido, nen finxir que estamos perante os seus “habitantes reais” con “preocupacións reais”, mas mostrarnos que non é posibel obviar o Real do finximento. As posibilidades poéticas e políticas da imaxe visual están aí sen adiamentos; é hora de escoller, tomar decisións de seu.

Unha proposta ben suxerente que anuncia un cinema galego lonxe da arte que sucumbe ao boato efémero do banal.Todos vós sodes capitáns, Costa da Morte e Arraianos ensarillan unha sensibilidade fílmica, non sei se xeracional ou xenelóxica, mais todos eles ensaian ”arte arraiana”. Esculcan límites dende “o lugar emocional dos devanceiros”. Cando o espírito do tempo teima en vivir sen recordo e sen pasado, hai un vincallo desencadeante, hai un radicalizado interese en todos eles por discutir o propio Cinema.

Unha das mulleres dille á outra: “Tu vés ou ficas a botar discursos…?”. E mais unha: “Os prantos non desenterran os defuntos”. Mais seguimos chorando e esculcando adeuses, os ecos de todo aquilo que semellaba inútil . As imaxes, personaxes e obxectos que neles percebe o espectador semellan extraídos do esquencemento, dunha paisaxe real que parece pretérrita e dun pasado que sigue sendo infancia. Perdas que ninguén pode compensar, como escribeu hai tempo Jean Paul Sartre. Son por iso obras abertas que nos convidan a reconstruir o que somos. Non hai maior suspense.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off