off
Cedeira, Movementos sociais — 13 Xaneiro, 2014 at 4:06 p.m.

A plataforma cívica “Somos Cedeira” retoma a súa actividade

by

A redacción de Olláparo vén de recebir o seguinte comunicado da Plataforma Cívica Somos Cedeira, que transcribimos na súa totalidade:

Somos Cedeira ten por fin velar e exercer un activismo participativo de presión e denuncia pública, a prol da defensa da cultura, a xente e o medio ambiente na vila, terra, ría e costas de Cedeira.

Na primeira etapa fumos quen de sacar á luz unha morea de irregularidades e desleixos na vila de Cedeira, a miudo ilegais e que denunciamos, sobre as que nos comunicaron que abrirían expediente sancionador aos responsables do Concello, pero non o fixeron, e temos probas irrefutabéis e legais de que quedaron en facelo.

Esa sensación de impunidade que vivimos na connivencia entre administracións da mesma cor política, por riba da soberanía cidadán, derivou nun período de silenzo activo, de reflexión pero á espreita, que xa rematou. Toca volver.

O traballo feito dende xuño de 2013 foi moi fructífero. Abriu novas vías nunca antes habidas da participación cívica. O apoio recibido tanto presencial coma nas 9.000 visitas ao blogue e incontábeis nas redes sociais, foi determinante para decidir regresar e ser un canle de denuncia, dando difusión ás demandas que achegue tanto a veciñanza coma os colectivos sociais, culturais e medio ambientais, presionando o posible para procurar a súa solución sensata.

SomosCedeira será o que a xente de Cedeira queira que sexa, porque o concepto “nós/vós” non existe. Nin somos imprescindíbeis, nin representativos, nin líderes de nada, nin queremos selo. É máis: ninguén ten porque selo. Sobran os persoalismos, un dos grandes males das “democracias” actuais. Queremos axudar, sen máis voltas.

Algo poderemos ir achegando cara á mellora da nosa vila, terra, e mar de Cedeira. Aprendimos de erros da primeira etapa e agardamos correxilos. Animámosvos, agora máis que nunca, á vosa participación activa: só tedes que escribir a somoscedeira@gmail.com e xa vos implicades no grao que cadaquén de vos desexe e poda, directa ou indirectamente.

Efectivamente, non facer nada non é unha opción. Niso estamos, en facer o correcto:

Cada alento que respires

Cada movemento que fagas

Cada trato que rompas

Cada paso que deas

Estaremos vixiando

SomosCedeira

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off