off
Política local — 26 Decembro, 2013 at 2:00 p.m.

O gran comezo do novo Alcalde

by

Xoves, 26 de decembro de 2013, ás 10 da mañá estaba covocado un pleno extraordinario co obxecto de celebrar a “elección” de alcalde e a súa toma de posesión. A duración do pleno non pasou dos cinco minutos e o coste mínimo do mesmo para a veciñanza foi de 780 €.


O concelleiro popular, Luis Rubido, obtivo os votos a favor dos seus compañeiros de filas como estaba previsto, xurou o seu cargo como alcalde e deu por rematada a sesión .Non houbo nin discurso de intencións pola súa parte, remitiuse ao discurso do seu irmán no seu acceso á alcaldía ao principio desta lexislatura, iso si sen citar nin unha frase do mesmo e acabouse.

Á oposición, PSOE e BNG, non se nos permitiu intervir, si estamos rematando o 2013, pero o xeito de facer política e de gobernar do PP neste pobo por si non había algunha dúbida de que era o propio de aló pola metade do século pasado, no pleno de hoxe deixáronnolo clariño.

Incrible pero certo, non se nos deixou falar, negóusenos o único dereito que temos e que debemos exercer nos plenos. Quedou de manifesto de novo que ao goberno que temos no Concello non lle interesa a opinión de ninguén. A oposición somos representantes públicos igual ca o grupo de goberno. Temos a obriga e o dereito de expresar nas sesións plenarias, tanto o noso punto de vista político, ou a análise e crítica das decisións que toma o grupo de goberno municipal, como transmitir o que os nosos viciños e viciñas nos propoñen.Hoxe negóusenos abertamente ese dereito fundamental así que imaxinade o que nos queda no resto de lexislatura, a nós, neste caso falo da oposición e en concreto do meu grupo o BNG e a vos, á poboación de Cedeira.

O BNG ademais desta nota imos mandar a todos os medios aos que teñamos acceso a argumentación que tiñamos preparada para expor no pleno e mediante a que xustificábamos o noso voto en contra, entendido non só como o rexeitamento ao candidato popular, senon tamén ao que está a supor o goberno municipal do PP para este pobo.

De como o BNG entende a política local


Asistimos neste pleno á escenificación do que tanto se rumoreaba nas últimas eleccións municipais; “o sempre candidato do PP preséntase para cederlle o posto ao seu irmán”, dicíase daquela. Parece que o PP, segundo as declaracións feitas polo exalcalde despois da súa renuncia, quixo apostar polo seguro presentándoo a el de cabeza de lista e non a Luis Rubido.

– Van repetir a xogada nas próximas municipais?

– Que opinarán os votantes do PP deste troco?

– É o grupo de goberno municipal e o PP consciente do incumprimento do seu programa eleitoral que non incluía o abandono do seu candidato á alcaldía no medio da lexislatura?

 

Para o BNG todo isto é unha mostra máis da forma de facer política do PP, ao que todo lle vale para gañar as eleccións.

O goberno do PP no Estado, na Xunta e neste Concello de Cedeira, só nos está a levar á maioría da poboación ao empobrecemento. Empobrecemento non só económico, senón tamén intelectual, sanitario e social. As desigualdades sociais medran día a día, os ricos cada vez máis ricos, a clase media desaparece e os pobres cada vez máis pobres.

E que dicir do goberrno do PP neste pobo, pode que “desidia” sexa a palabra máis axeitada para definir o seu non servir aos intereses de Cedeira nun momento tan difícil para os sectores máis vulnerables.

Para este goberno municipal, é moi fácil gobernar con maioría absoluta, non contan coa opinión de ninguén, gobernan de espaldas aos seus viciños, non escoitan nunca á oposición, non son capaces de ter en conta as nosas críticas que ademais sempre tratan de ser construtivas. Cando lles facemos preguntas, vostedes ou directamente non contestan ou falan dos gobernos anteriores sempre para intentar xustificar decisións que nadie entende nin comparte.

Vailles sendo moita hora de afrontar o presente e as decisións do seu goberno porque diso é do que deben dar conta.

No que levamos de lexislatura a súa acción de goberno limitouse á suba de todos os impostos e taxas municipais, incluído o IBI, á toma de medidas innecesarias e despilfarradoras, como o traslado do local de maiores, á desatención á política social, delegan en entidades benéficas o que tería que ser o traballo dos servizos sociais do Concello.

 

As medidas de reactivación da economía local, así como a atención e apoio ás persoas en paro, brillan pola súa ausencia.

 

O gravísimo deterioro da praia da Madalena parece non interesarlles, o mesmo que as pésimas condicións da estrada a Ferrol, a construción dun novo centro de saúde ou o mal funcionamento da depuradora. Para o goberno municipal estes non son tema da súa incumbencia, tense que ocupar costas, Fomento,a Deputación… Póñanse dunha vez a traballar polo noso pobo! e impliquen ao resto das administracións (por certo en mans do seu mesmo partido polo que aínda se entende menos que vostedes non fagan nada) para que tamén o fagan.

 

Por todo o que acabamos de expoñer, o voto do BNG é en contra, non só do seu candidato senón do que está a supor o goberno municipal do PP para este pobo.

 

A ideoloxía do BNG, o noso modo de facer política, a nosa concepción da sociedade, a nosa defensa do público, da igualdade, do benestar social, da xustiza, dos dereitos da cidadanía, a nosa concepción de país, están nas antípodas do que representa o Partido Popular e a súa acción de goberno.

 

María Xosé Rodríguez Pérez é portavoz municipal do BNG de Cedeira

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off