off
Economía — 18 Decembro, 2013 at 6:42 p.m.

Banesco paga 1.000 millóns por Novagalicia Banco

by

PP e PSOE apadriñaron a súa privatización  a prezo de saldo cando se inxectaran 9000 millóns de diñeiro público 

O  grupo financieiro venezolano Banesco gaña a poxa por Novagalicia Banco (50% do aforro galego) segundo vén de informar o xornal español El País. Pagará case 1.000 millóns pola entidade galega tras vencer na poxa ás outras seis opcións.  Fundado en 1992, Banesco é o grupo bancario privado máis grande de Venezuela e o seu presidente é Juan Carlos Escotet Rodríguez – seica a meirande parte dos integrantes do consello de administración teñen orixes galegas e asturianas.

Banesco comezou a introducirse no mercado bancario do estado español a finais do 2012 adquirindo a maior parte das acccións do galego Banco Etcheverría (o 44,7% que tiña Novagalicia Banco do banco nado en Betanzos en 1717,) e presentando unha oferta non vinculante polo Banco Gallego. Na altura, o presidente Feijoó afirmou ao xornal Expansión que os “bancos amplían capitais, outras veces fan compras ou vendas”. Revelador  e  agoiro Feijoó. Esta mañá afirmaba confiar en que NCG Banco seguira sendo unha entidade galega.Á tardiña a entidade semipública xa tiña dono.

PP e PSOE apadriñaron a súa privatización e a prezo de saldo. A entidade galega que resultou das desaparecidas caixas na que depositaban os seus aforros os galegos e no  que o goberno español inxectara 9000 millóns  do erario público. O resto é  espolio: 8000 millóns.

A agónica  situación adquire o seu sentido certo e terribel se enxergamos o panorama do tecido financieiro e industrial do país: Pemex faise con  Barreras, un fondo de investimento inglés con R, Pescanova é  mercada polo grupo Damm e o Banco Popular merca o Pastor. Navantia sen carga de traballo e a xente vivindo de subsídios. A que fica no país.

O soberanismo non é outra cousa que revelarse, non deixar que te esmaguen, que te merquen. O resto é puro colonialismo. Feijoó é o presidente dun protectorado colonial no que se sinte cómodo. Será por esa comodidade que pasará á historia.

 

One Comment

  1. 30 anos defendendo GZ

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off