off
Entrevistas, Ortegal, Política — 1 Decembro, 2013 at 7:14 a.m.

“Con medo non se vai a ningún sitio” Purificación Seixido, alcaldesa de Cariño

by
Galiza só  conta con 24 mulleres rexidoras. Mª Purificación Seixido Gómez é alcaldesa do BNG de Cariño dende as últimas eleccións municipais, porén, formou parte por primeira vez dunha candidatura do BNG de Cariño hai vinte anos. Ten  47 anos e dúas carreiras. Coa ollada posta na súa vila e no país, Purificación Seixido licenciouse en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e en Realización Audiovisual pola Escola de Imaxe e Son de A Coruña e exerce de guionista freelance, tendo traballado en series da TVG como Mareas Vivas, As Leis de Celavella, ou Padre Casares, entre outras. Esta é a súa primeira lexislatura como alcaldesa e dí que tamén a última.  Fronte as dificultades móstrase autocrítica e pregúntase que dereito temos nós a ter medo se os nosos pais emigraron con menos bagaxe: “con medo non se vai a ningún sitio”.

 

-Como foron estes dous anos de goberno nacionalista en Cariño? Cales foron as prioridades do seu goberno e as principais dificultades e atrancos?

Purificación Seixido, alcaldesa de Cariño
Purificación Seixido, alcaldesa de Cariño

Estes dous anos foron difíciles, porque había moitas débedas (tantas, que agora mesmo temos unha débeda viva cos bancos duns dous millóns de euros, a pagar en dez anos). Moitas débedas e poucos cartos en efectivo. A prioridade foi manter os servizos esenciais a un nivel aceptable a pesar da reducción de ingresos. No 2012 desde logo non cumplimos ese obxectivo: os servizos básicos foron bastente regulares tirando a malos. Cremos que no 2013 melloraron e agardamos que volvan mellorar lixeiramente no 2014, pero que ninguén agarde grandes marabillas. Con esta economía, faise o que se pode, non o que se quere. As obras e servizos prioritarios que tiñamos no noso programa van indo pouco a pouco adiante. Queríamos crear unha escola infantil, pero como na Xunta dixéronnos á cara que non nos daban nin para a plastilina, decidimos crear un Punto de Atención á Infancia, que é un servizo máis modesto. A Deputación fináncianos 60.000 euros da obra, que ven sendo algo máis dun 60%. Tamén tiñamos como prioridade o saneamento de todo o Concello, e temos en curso o Informe de Impacto ambiental das depuradoras que se van colocar en Sismundi, Figueiroa e Feás. Os proxectos están presentados desde xaneiro de 2012, pero a tramitación é particularmente longa polas proteccións especiais que ten a ría de Cariño-Ortigueira. Tamén temos en trámite, coas autorizacións pedidas a todos os organismos competentes, o saneamento para Landoi, a única parroquia que ainda non ten rede de sumidoiros. En canto ao desenvolvemento local, que nos parecía e parece do máis importante, os dous anos pasados non foron bos. Non houbo capacidade para poñer en marcha accións, pero estamos intentando recuperar o tempo perdido; contratamos a realización dun estudo do tecido laboral e empresarial do noso Concello para ter un diagnóstico e un plan de actuación. Contamos telo rematado na primavera do 2014. Unha vez deseñado ese plan, queremos crear no 2014 un servizo de consultoría para os emprendedores, desde os pequenos autónomos até as medianas empresas.

…queremos crear no 2014 un servizo de consultoría para os emprendedores, desde os pequenos autónomos até as medianas empresas

Estamos nun momento de que cada un ten que buscar as fabas por si, porque oferta de emprego case non hai, e fai falta ter un apoio, alguén que che quite o medo do corpo, porque emprender dá moito medo e como somos tan prudentes na nosa sociedade, tamén somos moi amigos de cortarlles as alas aos atrevidos (“non te metas en líos que sabe deus o que pode pasar” “iso non vai funcionar” “con iso non vas a ningún lado”). Con medo si que non se vai a ningún sitio. Temos unha potencialidade productiva impresionante, e unha enorme capacidade de traballo, así que non nos falta de nada, só un pouco de alento para lanzarnos. Se os nosos pais emigraron nos anos 60 á boa de dios pola Europa adiante sen saber idiomas nin ter moita escola, que dereito temos nós a ter medo?

 

Con medo si que non se vai a ningún sitio. Temos unha potencialidade productiva impresionante, e unha enorme capacidade de traballo, así que non nos falta de nada, só un pouco de alento para lanzarnos

 

-Pódense facer políticas alternativas dende o local?

Pódese, pero a pequena escala. Por exemplo, podemos ter un sistema municipal de reciclaxe do aceite usado que o transforme en biodiésel, aforrando así combustible para os coches do concello. En Cariño témolo, listo para entrar en funcionamento, financiado con subvencións ao 100%. Pero o ideal sería ter un sistema xeral de xestión de resíduos alternativo a Sogama. Iso implicaría un acordo entre varios concellos e posiblemente un maior custo, pero tamén unha xestión moito máis eficaz e ecolóxica. E sería fonte de bastantes postos de traballo. Non o vexo inviable, pero é unha actuación a longo prazo. E na política interesan máis as actuacións a curto prazo. As que se vexan axiña e garanticen votos. Esta mentalidade ten que cambiar, porque así estámoslle facendo un servizo moi malo á cidadanía que nos escolleu para gobernar os cartos de todos da mellor maneira posible. Agora ben, se aproban a nova lei de bases, a capacidade dos concellos de actuar onde outras administracións non chegan (cultura, deportes, tempo libre, envellecemento activo, emprego, etc) vai reducirse á mínima expresión. Se sae adiante, aparte de afastar servizos que agora están moi perto, coma os servizos sociais, a brecha entre a calidade de servizos nas cidades e o rural vai ser brutal. Nin teatro, nin actividades culturais, nin orientación laboral, nin escolas deportivas…Ese é o peor efecto que vai ter a lei de bases, consolidar o urbán e desfacer o rural.

 

…se aproban a nova lei de bases, a capacidade dos concellos de actuar onde outras administracións non chegan (cultura, deportes, tempo libre, envellecemento activo, emprego, etc) vai reducirse á mínima expresión.

 

 

-Como ve a posibilidade de que concellos veciños poidan pescudar fórmulas de cooperación intermunicipal con economías de escala para así abaratar costos a através da prestación de servizos mancomunados?

Creo que a cooperación entre concellos é imprescindible para sacar adiante proxectos beneficiosos para os veciños da nosa comarca. O que dicía sobre xestión de residuos é un exemplo de como deberíamos reprantexarnos a xestión dos servizos que xa temos e que non son precisamente ideais, coma o modelo Sogama: caro para a pouca eficacia que ten. Os tempos de facer unha piscina en cada vila acabáronse. Este tipo de servizos hai que poñelos a medio camiño entre varios concellos, repartindo con xustiza, e creando un sistema intermunicipal de transporte que nos permita estar comunicados todo o día, a un prezo asequible e sen arruinarnos pagando combustible; son ridículos e surrealistas os horarios dos buses entre os nosos concellos, parecen deseñados para incomunicarnos máis que para comunicarnos.

-Que lle parece que Cedeira esté inserida en Ferrolterra no canto de Ortegal? Non lle parece que compartindo tanto estamos moi afastados?

Non teño información suficiente para xulgar esta situación, ainda que confeso que sempre me pareceu curioso, xa que Cedeira, desde o punto de vista dunha cariñesa, é 100% Ortegal. Pero en todo caso é algo que é cousa dos veciños e veciñas de Cedeira. Son os únicos que teñen dereito a opinar e decidir a este respecto. En canto ao afastamento a pesar da cercanía xeográfica, iso en Galiza, e no meu propio concello, que é pequeniño de superficie, ocorre mesmo entre parroquias. Temos que combatilo con iniciativas a nivel comarcal para poñer en valor, sen envexas nin resentimentos, as cousas boas que teñen os concellos veciños. Hai que coñecerse mellor. E hai que deixar as diferencias políticas de lado cando se trata de mellorar o benestar da nosa xente.

[o afastamento entre vilas] Temos que combatilo con iniciativas a nivel comarcal para poñer en valor, sen envexas nin resentimentos, as cousas boas que teñen os concellos veciños.Hai que coñecerse mellor.

-Presentarase para un segundo mandato ?

Non.

 

-Cal pensa que é o eixo que debería primar nas eleccións europeas á hora de conformar candidaturas? Que papel pensa que ten a política local nese proceso?

A demanda dunha maior autonomía para os pobos de Europa. Replantexar as políticas que obrigan a Galiza a plegarse aos intereses doutras zonas, sen nada a cambio. O BNG é moi crítico co prezo que Galiza tivo que pagar pola entrada na U.E., e calquera que teña dous dedos de frente pode ver que non esaxeramos. Temos que estar en Europa defendendo os intereses de Galicia, porque seguimos sendo marxinais para quen representan ao estado español en Europa. Para Madrid, non somos nada, a ver se nos desenganamos dunha vez. Nin para o PSOE nin para o PP, que teñen outras “clientelas” que atender por diante de nós cando fan política a nivel estatal e europeo. Imos tardar moitísimo en recompoñer os nosos sectores productivos dos sopapos que levamos de todos os lados por culpa dunha incorporación a Europa que pasou por riba de nós como unha apisonadora. Os cartos que recibíamos de Europa, en vez de servir para reactivar a nosa economía, usáronse para outras cousas. Por dicilo gráficamente, necesitábamos un transplante e puxéronnos unha tirita.

Para Madrid, non somos nada, a ver se nos desenganamos dunha vez. Nin para o PSOE nin para o PP, que teñen outras “clientelas” que atender por diante de nós cando fan política a nivel estatal e europeo

 

– Pasado o ecuador da lexislatura, pensa que as vindeiras eleccións municipais servirán para ir desaloxarndo o PP da Xunta? Hai algunha estratexia conxunta para Ortegal e Ferrolterra?

Non son capaz de prever que pode pasar nas municipais. Pero agardo que a xente vote sen prexuizos polos candidatos que consideren mellor preparados, que sexan honrados e preocupados pola veciñanza. Espero que deixen de votar con fé cega no PP ou no PSOE, como se non houbese mundo máis alá deles. Se votan aos candidatos destes partidos, que sexa porque realmente pensan que son os mellores, non porque teñan vetadas outras siglas. Espero que onde hai medo a votar ao BNG, o perdan, porque nin temos cornos, nin lle imos quitar as vacas a ninguén, como se dicía en tempos para meter medo á xente. E espero que isto pase tanto nos concellos como na Xunta, e nas xerais e nas europeas. No Ortegal e Ferrolterra toda a xente do BNG é moi consciente dos problemas aos que nos enfrontamos e cales deben ser as saídas a eles. Aprendemos moito uns dos outros. Os modelos de xestión municipal que funcionan desde hai moito tempo coma o de San Sadurniño son un exemplo vivo de como executar políticas para a xente, coa xente, que melloren a calidade de vida da poboación do concello. Temos todos moi claro que o que está pasando co desmantelamento industrial de Ferrol tócanos a toda a poboación, de máis perto ou de máis lonxe, pero é unha debacle contra a que hai que loitar. Que se deixen de boas palabras os que mandan de verdade, no estado e na Xunta, e que dean pasos en firme defendendo a recuperación, xa, da industria do naval en Ferrol, que daría un empurrón tremendo a economía de toda a comarca de Ferrolterra e Ortegal.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off