off
Política — 25 Novembro, 2013 at 9:02 a.m.

Quen pregunta xa resposta. Non máis violencia machista !

by
Murasaki-Shikibu
Murasaki-Shikibu

Quen pregunta xa resposta. O franquismo fíxonos recuar até a Idade Media cando o ditador baixo palio se proclamou man dereita de Deus. O cuarto propio que as mulleres estaban a configurar a marchas forzadas, foi degradado, arrasado, convertido  nun espazo que lle serviu ao réxime para naturalizar o monopolio patriarcal da violencia. A socialización  nun rexime político que se configurou  no estereotipo machista e na submisión da muller ao home tivo unha permanencia no tempo duradoira.

Aos seus efectos concretos -as crenzas colectivas que se tornan actos violentos anquilosados no pasado represor – cómpre antepor unha progresiva mudanza do sentir colectivo. Un sentir colectivo que ainda é tolerante coa violencia de xénero de quen continuan aplicando os seus propios códigos sociais, que en número e extensión, seguen a ter fortes raiceiras sociais. Non se trata de casos ao chou,  “crimes paixonais-sexuais” ou queda no fatalismo, senón actos de poder exercidos con total impunidade e de forma institucionalmente descontrolada. Crenzas  que se tornaron conductas sociais que non se eliminan por decreto. Deixouse falar o “enfoque de xénero” para fagocitalo, quitándolle o seu discurso cuestionador das relacións de poder.

A sociedade tén o deber de que as mulleres concretas poidan recoñecerse de feito como suxeito de dereito. Cómpre crear espazos normativos  que permitan emponderarse, dotarse dunha liberdade ben grande e un leito ben pequeno.  Na web da ONU pódese ler que o 70% das mulleres do mundo padeceron algún tipo de violencia, básicamente de xénero, é dicir, machista. Acabamos de celebrar o día internacional contra a violencia de xénero. Podería ser calquera outro dia, sexa como Catalina ou como  Hipatia de Alexandría, que os cristianos martirizaron por ser muller sabia e pura. Cristianización dun mito que doutro xeito  resultaba perigoso.  O arzobispado de Granada vén de editar un libro que aprende ás mulleres a casaren, obedecer ao marido, a seren sumisas. A indiferencia xa non serve, tampouco as accións isoladas das política sociais, económicas e educativas,  porque continuan existindo actos e axente sociais que son propiciadores da violencia de xénero.

 O arzobispado de Granada vén de editar un libro que aprende ás mulleres a casaren, obedecer ao marido, a seren sumisas

O crecemento do machismo entre adolescentes é unha prova de que o discurso patriarcal que todo o asulaga afecta aos sectores máis vulnerabeis e influenciabeis da sociedade: a falta de lectura crítica dos productos de consumo e das relacións que na práctica continuan excluindo ás mulleres (soldos, embarazos, conciliación laboral, etc) cronifican a súa dependencia, acabando por facer  dos sistemas remotos de telefonía móbil  dispositivos de control e dos embarazos un accidente circunscrito á loxica da empresa e do mercado. Manisfestacións todas elas de que o discurso patriarcal persiste de xeito transversal como biopolítica e dispositivo de control.

É por iso que se precisa que as administracións máis próximas ao cidadán reafirmen o seu compromiso na loita contra a violencia machista con políticas que atallen a raiciera social do problema que a crise que padecemos non fai máis que agudizar pois cronifica a dependencia da muller respeito da súa parella. A crise non pode servir de disculpa: o aumento da  dependència econòmica das súas parellas e o medo a abandonalas son  exemplo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off