off
Política, Politica espanhola — 18 Novembro, 2013 at 7:10 p.m.

Feijoó escolle o ABC para anunciar que o Estado recorrerá a sentenza do Prestige

by

Hai 94 anos os asembleistas  da primeira Asemblea Nazonalista celebrada en Lugo en 1917, alicerzaban a estructura de goberno do Parlamento e a Xunta, os aspectos conceptuais  dun poder galego que proclamara tamén a “soberanía estética da nación galega”. Albiscaban a creación dunha administración íntegra de todos os impostos “sen intervención do poder central”, a asunción íntegra  da “potestade docente do Estado”,  a nacionalización do camiño de ferro, a intervención no sistema bancario, recuperando a  “substantividade do dereito foral galego”.En resumo, nun xesto sen precedentes, a  proposta dos asembleistas de Lugo por unha sociedade civil moderna baseada na razón pública, problematizando cuestións centrais na construcción política dun país como  a  propiedade, a lei e o Estado  nun escenario de enorme complexidade institucional, sacaban  á luz elementos basilares como a verdade, a lealdade, a xustiza e o compromiso, é dicir,  proxectaban  ao problematizalo un país con “soberanía éstética”, quer dicir, con sistema de representación de seu en todas as súas manifestacións: organizativas, culturais, estructurais.  Ainda nos sorprende a “ollada limpa”. Lembrando a Asemblea de Lugo  é como si asistíramos ao intre fundacional da sociedade civil e política nos seus elementos basilares; fascínanos ainda a inxenua e mesmo naif proposta programática pola verdade e pedagoxía moral que encerra, será  por iso que nos permite poñer en perspectiva a gravidade motivacional dos que hoxe fan prevalecer os seus  privilexios, colonizan a Autonomía, manipulan a opinión pública e desertizan economías e sociedades.

O actual presidente da Xunta de Galicia vén de anunciar en Madrid,  nunha conferencia organizada polo ABC, que o Estado recorrerá a sentenza do Prestige para determinar “quen paga” e abrir así “vías en responsabilidade civil”. Podería semellar un foro o un altofalante como calquera outro  para anunciar a súa “sede de xustiza”. Mais neste contexto non é cousa banal,  pois axiña aproveitou para dicir a súa sobre o “problema territorial do Estado”.

Nunha sentenza no que a lei non representa a xustiza dun xeito tan evidente,  o representante da cidadanía galega vai a Madrid a reclamar no nome do mesmo Estado que xestionou a catástrofe a reclamar xustiza commutativa, pura restitución dos cartos que o Estado desenbolsou na limpeza. A xustiza distributiva fica obliterada e ausente. Porque as consecuencias das  catástrofes medioambientais non son unha fatalidade senón que respostan a unha determinada  concepción da equidade social e da  xustiza.  O que nos está a dicir é que Galicia tén o que se merece. A Xunta de Galicia é unha institución mínima que está a ser deconstruida.

Afirmou que “o problema” territorial do Estado non é “quen a ten máis grande; a bandeira, claro”. 

 

Velaí o imaxinario político de Alberto Núñez Feijoó, a imaxe e semellanza da caverna mediática e non ao servizo da soberanía informativa da sociedade galega.  A burbulla informativa na que vive instalado o PP amosa como a estratexia política se segue a xogar no medio simbólico, como a subordinación da política galega ao capitalismo corporativo de matriz española (ese oligárquico mercardo) se manifesta cada vez mais na escenificación de control. Como a soberanía estética (informativa)  tamén serve para manter unha comunidade cívica que garanta a dignidade de todos e o seu dereito á existencia, o presidente da Xunta móstrase máis preocupado por fechar ou ignorar a “ferida do Prestige” do que asumir a épica da sociedade civil galega para construir o seu futuro (“perspectiva Prestige”).

A frivolidade manifesta fai evidente que a élite de tecnócratas que nos están a gobernar conforman un conglomerado político-económico e mediático que se pon en evidencia sen rubor ao reducir o papel representativo da Xunta ao nivel dun protectorado. Pouco importa que se trate dunha sentenza que  vén de avivar a experiencia traumática da maré negra. Feijoó compórtase como un cacique postmoderno, coa súa dose de frivolidade e desafección polo país que goberna e ningunha deferencia polos cidadáns que representa, que son todos entanto sexa presidente da Xunta. Compórtase como simple intermediario evanescente sen proxecto de país.

No canto de afortalar o espazo civil propio, xerando información alí onde o obxecto informativo é o própio suxeito colectivo galego, Alberto Núñez Feijoó opta por alimentar a idea dunha sociedade española homoxénea e realmente inexistente na que os medios de información galegos aparecen inseridos nun imaxinario de dependencia. Unha dinámica de información institucional que leva inequívocamente a unha só dirección, e non é precisamente o da soberanía estética nin ética. A oportunidade que se lle brinda como presidente da Xunta  non sirve aos obxectivos de Galicia, ficando patente en ter escollido o ABC para informar á sociedade galega que o estado recorrerá a sentenza do Prestige. Velaquí o horizonte de poder de Núñez Feijoó, a súa estética, os seus modos. A dependencia que proxecta de Galicia; sempre a mesma fórmula, as mesmas ganas de enterrar o feito diferencial galego ainda que sexa con argumentos miserables, gracexos pouco engrazados e o pensamento económico do rei Midas.

Feijoó compórtase como un cacique postmoderno, coa súa dose de frivolidade e desafección polo país que goberna e ningunha deferencia polos cidadáns que representa, que son todos entanto sexa presidente da Xunta.

A performance feijooana amosa, mais unha vez, a afección do dirixente do PP en poñer a autonomía informativa galega “en suspense”. Colecciona excepcións e titulares en Madrid. Cada vez que a sociedade civil galega agroma nunha manifestación de forza de abaixo cara arriba, o presidente do país  fuxe e apela ás necesidades litúrxicas do campo informativo español e ao seu espazo informativo clientelar. Perante que cidadáns responde Alberto Núñez Feijoó?

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off