off
Meio ambiente, Movementos sociais, Política — 13 Novembro, 2013 at 11:36 a.m.

Un “erro estructural”.A sentenza absolve de responsabilidade penal ao Goberno español

by
Reuters

O fallo absolve de responsabilidade penal ao Goberno español e avala a decisión de afastar o barco da costa. O xuíz Juan Luis Pía afirmou durante a leitura da sentenza que non hai responsabilidade penal e que o accidente produciuse por un erro estructural, da que “non se pode precisar a orixe”.  O fallo tamén rexeita que o barco seguira un rumbo “errático” ou “suicida” e afirma que “as autoridades españolas contaban co asesoramento correcto” , sinalando que “a posibilidade de achegar o barco á costa tería tamén moitos riscos para a zona”. “O afastamento foi aceptable. Non foi de ningún xeito imprudente nin unha decisión errónea”.

 A xestión da catástrofe do Prestige marca o inicio dun pasmoso período de progresiva despolitización e mercantilización da política.Agora cando o estado español vén de resgatar aos financieiros, ficou nidiamente á luz para todos que o Estado e o capital estan ben atados. A situación de precariedade orzamentaria e organizativa da xustiza española non é algo banal. Houberon de pasar once anos para sabermos que non hai responsables, que todo se debeu a “un fallo estructural”. A mesma xustiza que determina e considera provado que o que  produciu o afundimento e a maré negra foi un “mantemento deficiente” e un  “erro estructural”  ditamina e tira a conclusión que ninguén pode precisar a orixe. Portanto, a quén lle corresponde dicidir que barcos navegan e cales non?

A opinión pública española, en particular, aparece seriamente afectada de amnesia. Axiña esqueceron e perdoaron a quen estaba de caza e a quen agora goberna o  estado, mentras o petroleiro agonizaba diante da costa galega. A única e ridícula condena exenta de responsabilidade civil do capitán permítelle á seguradora London P&IClub  non pagar e mesmo retirar os 22,5 millóns depositados en fianza. Agardemos que Nunca Máis ou calquera das outra partes presentes non xuizo pidan medidas cautelares para frear a saída dos cartos.

Os medios españolistas teiman por promover esa amnesia culpabilizando a conciencia e o activismo crítico de Nunca Máis do mesmo xeito que hogano o fan coa Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH). O cavernario La Razón e o ex-conselleiro López-Veiga xa atoparon responsables: «Nunca más «Nunca Máis» (sic.).  Velaí máis un exemplo do que significa a ausencia de límites e de barreiras, do que significou na altura a falta de responsabilidade política e do que significa Galicia ao estado capitalista español. Ninguén ausmirá o pagamento de 4329 millóns no que a fiscalía valorou os danos da maré negra.  Tiña razón Burla Negra cando puxo en evidencia os mantras convencionais de quen nos quixo convencer de que aquilo non era unha catástrofe ecolóxica, só «hilillos de plastilina en estiramiento vertical». Teiman en convencernos de que o capitalismo de estado español non só é bó para eles, senón para todos nós. Ficou clara a irracionalidade do capitalismo e as prerrogativas de poder do estado cando se submete aos seus ditados e intereses. Ao final o único que queda é unha contradición que vén de lonxe e que teima en manter o seu papel director: o territorio, a paisaxe xeográfica, a idea de natureza como produto social e ben cultural reducida a  insumo, ao que David Harney chama a «destrucción creativa do territorio». Maltratar o medio é maltratar o patrimonio colectivo e a xustiza social.Ainda non somos conscientes do dano ambiental que se produciu e que segue aí baixo a ardentía.

Manifestación Nunca Máis (Madrid)

Que da sentenza non se derive ningún tipo de responsabilidade, afortalando así a ausencia de responsabilidade política hai once anos,  supón abenzoar a non participación da cidadanía na construción da xeografía do capitalismo. Trátase dunha sentenza reactiva e á defensiva que nada axuda á separación de poderes, que se vé seriamente cuestionada. Confirma o xiro neoliberal  e a evolución xeral do poder da clase capitalista cara a despolitización total  da economía no canto de abrazar unha certa esperanza acorde  cos principios de xustiza social e respeito ao medio ambiente. Só fica a ética neoliberal do individualismo, o curtopracismo. Se ninguén é responsabel de nada, todo é imposibel, nada é permitido. Tres meias verdades para construir unha mentira.Por iso actuaron como actuaron, sen miramentos para aforrar responder preguntas, dando información nesgada ou directamente falseando a realidade. Casados como están co poder- Cañete era ministro de agricultura e hoxe é de medio ambiente, e Rajoy pasou de vicepresidente a gobernar na Moncloa- non poden reconciliarse coa realidade, mantéñena lonxe, por iso dixeron e fixeron o que fixeron.  O caos foi aumentando día a día, por iso basearon a súa política en “paquetes de axudas” para acalar conciencias. A sospeita fundamentada que fica é que nas mesmas condicións a catástrofe volvería a producirse.

Para dicilo doutro xeito, a fiscalía pedía  5.000 millóns por responsabilidade civil. A aseguradora da ship operator, da naviera, disque pagou 22. No estado español contaminar é de balde.

Cedeira e a maré negra

O 31 de novembro a Xunta proibe mariscar nas rias de Ferrol e Cedeira. Ao dia seguinte restos de fuel alcanzan  a Frouxeira e chegan aos cantís de San Antonio, ameazando entrar nas rías de Cedeira e Ortigueira. A sociedade cedeirense contén o alento e terma do desasosego como pode. A información é confusa e contraditoria e as imaxes apocalípticas que chegan de Fisterra e Muxía fan pensar o pior. Algúns mariñeiros comezan a tecer unha rede  que sirva de contención para que o chapapote no penetre na ría alcanzando os bancos mariqueiros de Vilarrube e o areal da Madalena. O daquela rexedor de Cedeira Xoán Xosé Rodriguez (BNG) canaliza esa presión social e consegue que a Delegación do Goberno proporcione tres barreiras de contención de fuel.   La Voz de Galicia informa o 1 de decembro que ainda que o chapapote se espalla cada vez maís polo litoral entre as Rias de Ares e O Barqueiro, o número de cidadáns dispostos a colaborar na limenza de prais descendeu drácticamente” . O 2 de decembro de 2002 o mesmo medio informa que as toneladas de fuel retiradas entre a costa de Ares e Cedeira supera xa as 100. A Mancomunidade de Concellos de Ferrolterra exixe ao goberno que aumente o número de barreiras anticontaminantes no interior da ría de Ferrol. A Confraría de Pescadores de Cedeira  integrábase na Plataforma Nunca Máis.

Restos da chapapote no areal de Cedeira en 2012 Foto: Gelo do Moure

 

En febreiro, pesqueiros apostados entre a Chirlateira e a Candieira tratan de que as linguas  de chapapote e as manchas negras que se desprazan entre augas no cheguen aos bancos de percebe. Os barcos grandes apañan fuel a 20 millas mentras as lanchas o fana 15 metros e entre as rochas. O ano pasado, dez anos despois do vertido, continuaban aparecendo “galletas de chapapote” no areal.

 

 

 

 

 

Ao mellor tamén che interesa:

Cando Cedeira asulagou Madrid. 10 anos da manifestación de Nunca Máis

Cando acordamos, o barco ainda estaba aquí

Novembro de 2002

A voltas có «Sempre Máis»

Sempre máis

E do esquecimento prostituto só amores gardei ao Monolito

Aos voluntarios do Prestige

One Comment

  1. Otro mas a la lista… esto ya se hace costumbre, acá nunca hay culpables ni responsables…
    Prestige, Madrid Arena, Alvia Santiago, el metro de Valencia y cuántos otros más!
    Si al final los idiotas somos nosotros por “aceptar” toda esta basura de delincuentes!

Deixa unha resposta a MPACancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off