off
Medio ambiente, Política local, Urbanismo — 9 Novembro, 2013 at 12:50 p.m.

1812 vivendas baleiras. Cedeira, terra do tixolo

by

O INE e o Instituto Galego de Estatística veñen de porlle número ao que estaba á vista. Un total de 1812 vivendas  baleiras na demarcación de Cedeira. Esa é a cantidade exacta que difundiu o Instituto Nacional de Estadística (INE)  no último censo de poboación e de vivenda que ten como referencia o decenio 2001-2011. Cedeira acaba de perfilar a súa “marca”:  cun 40%  convírtese no segundo concello de Galicia con maior porcentaxe de vivenda baleira. Nesta casuística nacida da burbulla inmobiliaria que tan bén alimentaron os gobernos  de Aznar coa letal desregulación do chan en 1998 e  Zapatero coa súa inoperancia e consentimento,  Rubido  ve un “potencial turístico”. Abofé que se ese potencial o medíramos ao peso ou en metros cadrados seriamos unha potencia de tamaño  colosal, descomunal, sideral. Seica, agora, a  idea  é “rendabilizar” o tamaño da desfeita creando unha “central de reservas de alugueiro”. Vexamos en que consiste a celebración do envoltorio.

Celebración do tixolo

O gráfico  de construcción de edificios e vivendas de nova planta no período 2000-2012 amósanos o tamaño da burbulla inmobiliaria, que no caso de Cedeira significou culminar a desfeita urbanística, cuxos efectos adversos era ben coñecidos noutras vilas do país.

Repárese que ás  vivendas baleiras, correspóndenlle moitas das vivendas de nova construción e con altísima probabilidade de non teren sido obxecto de ningunha transacción. Moitos destes inmobles deben estar en execución hipotecaria e que aínda non foron vendidos ou vivendas que os propietarios están adiando a posta no mercado atè que os prezos melloren ( o chamado shadow inventory), esa tendencia a subestimar a cantidade real  da oferta do mercado.

 Vivendas  Total familiares principais non principais secundarias baleiras colectivas
Galiza 1.606.001 1.605.480 1.059.232 546.248 246.852 299.396 520
Cedeira 5.336 5.334 2.648 2.686 874 1.812 2

Na demarcación de  Cedeira hai 874 vivendas secundarias ( vivenda familiar que é utilizada só parte do ano, de forma estacional, periódica ou esporádica, durante as vacacións ou fins de semana) a máis das 1812 vivendas baleiras ( aquela vivenda que permanecendo sen ser ocupada, está dispoñible para a venda ou aluguer ou mesmo abandonada).

Se aos datos anteriores sumamos, seguindo sempre as mesmas fontes, os censos de poboación e vivenda atendendo á calidade dos servizos de que dispoñen e á recente revisión do IBI,  teremos unha perspectiva máis ampla  do alcance que pode ter o que expresou ao Diario de Ferrol o tenente de alcalde Luis Rubido, a saber,  “fraguar” unha imaxe de marca en base  a unha “central de reservas de alugueiro”. É iso posibel sen ter en conta aspectos que fagan atractiva a opción de compra como segunda vivenda?. Sempre seguindo os datos do IGE e do INE, eses aspectos poderíanse  resumir e substanciarse nos seguintes indicadores:

 Total vivendas
Cedeira
Ruídos exteriores Contaminación Pouca limpeza nas rúas Malas comunicacións Poucas zonas verdes Delincuencia vandalismo na zona Falta de servizos de aseo 
    2683 449 146 395 307 466 198 10

INE. Censos de poboación e vivendas 2001. Elaboración propia a partir dos ficheiros proporcionados polo INE

A voltas coa falacia petición de principio

En democracia a declaración de intencións dun goberno, por moi boas, atinadas ou precarias que sexan, non deberían servir para guindar trolas sobre un mesmo e sobre as propias zonas sombrías: borrando as incómodas pegadas do traxecto, os fracasos, as tomas de posición taxativas e os seus efectos en función da verdade do momento (respeito do sector inmobiliario e a reducción de toda actividade productiva á construción), a facer pasar por intereses colectivos o que non son máis ca inercias, intereses persoais e empresariais agochados en suspostas responsabilidades políticas e a non asumilas cando non convén, cando sabemos que levamos décadas seducidos por mercaderes de apariencias que teñen grande parte da responsabilidade na sobredimensión da bolsa de vivenda a base de expremer o territorio e esgotar o seu valor. A iso chámaselle propaganda e non axuda nada a responsabilizar e corresponsabilizar(nos) das propias accións.

Ao cabo, o único que está a ofrecer  a cámara municipal de Cedeira é unha aplicación informática para que os propietarios e promotores expoñan o seus inmobles e os fagan máis visibles ás axencias de viaxes e inmobiliaras de cara ao Campionato Estatal de Bádminton que seica hase celebrar na primavera. Iso é todo.

Iso, e a vella  falacia  material de petición de principio (petitio principii) cuxa eficacia consiste en parecer que non o é. A petición de principio acontece cando unha argumentación a ser probada se insire implícita o explícitamente nas premisas. Velaquí un exemplo que non prova nada: “a mellor proposta turística fracasaría agora se non temos organizado este mercado” (declaración do tenente de alcalde L.Rubido a Diario de Ferrol). A conclusión implícita que non se menciona ou que fica elidida sería: portanto, se organizamos este mercado teremos a “mellor proposta turística”. Non unha proposta, senón a mellor. A falacia material ou de petición de principio caracterízase por que a proposición a ser provada como conclusión está asumida xa nas premisas.  A cuestión a resolver sería a de  cal é a  mellor proposta turística? Unha aplicación informática finanzada pola administración pública para xestionar unha bolsa de vivenda privada de cara a un evento puntual? Mais, cal é o potencial turístico real ?

Que o goberno local dé un paso adiante asumindo o liderado público  como xeito de sair da situación actual é bó -sobretodo á hora de marcar os minimos de calidade exixibel – canto posibel- orientados a unha demandas de calidade, pero non a costa de agochar  o diferente grau de responsabilidade que corresponde a cada un dos axentes implicados. Sorprende que se poña a disposición dos promotores un aplicativo informático de xestión e difusión da oferta inmobiliaria sen que estes se co-rresponsabilicen da desfeita cando no seu momento ergueron edificios de pouco valor, insustentables e fora de mercado coa connivencia da propia administración pública, das caixa e mais dos bancos. Nen antes se lles exixiu nada, nen nada se lles exixe agora. Promotores e empresarios cobizosos de medio pelo que priorizaron a cantidade sobre a calidade  e cuxos efectos  temos que apandar  todos de xeito irreversibel.Talvez nons sexa a mellor das estratexias facer da necesidade, virtude.

Promoción territorial baseada en indicadores de calidade de vida

Dende hai máis dun ano, como foi denunciando esta mesma revista, a cámara municipal de Cedeira non fai máis que emitir comunicados de prensa fielmente reproducidos por algúns medios de comunicación comarcal sen que houbera o máis mínimo esforzo por clarexar o sentido do que se di, se  garda coherencia co xa realizado ou dito, se hai consistencia máis alá do desexo de publicitar. Sen clarificacións, non se pode decidir, sen debullar matices non hai maneira de formarse unha opinión.

A parte  dos indicadores relacionados coas necesidades básicas ( traballo, saúde, educación…) os factores que reflicten e valoran unha boa calidade de vida son moitos e variados  e atinxen aspectos como os valores, a identidade cultural (o idioma, o patrimonio histórico-arquitectónico e as tradicións de noso) e a calidade ambiental (paisaxe, calidade das augas,  saneamento, contaminación , etc). Portanto, cómpre dicilo xa, o turismo ten sentido se contribue a  aumentar a riqueza colectiva -e non só a duns poucos- e a calidade de vida dos cidadáns residentes e non a costa de sacrificar aqueles factores que condiciona a posibilidade de que esa calidade de vida se faga viable e efectivamente posibel.

Á vista de que as porcentaxes de vivenda afectadas por contaminación, pouca limpeza nas rúas, malas comunicacións e poucas zonas verdes  non  semellan  seren aspectos a ter en conta polo goberno popular de Cedeira  ao formular a súa proposta  e no que administración pública ten responsabilidade política directa – mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas-, habería que debullar a relación que hai entre os factores que determinan a calidade de vida dos residentes e  a pretendida oferta turística de calidade.

A desfeita urbanística é irremediabel e o que se pode corrixir ten estreita marxe de actuación. Mais velaí que aqueles aspectos que constituen necesidades básicas están a ser directamente agochados por quen é responsabel de garantilas: comunicacións, zonas verdes, educación, limpeza, saneamento…Necesidades básicas que cando  están arringleiradas cos outros factores citados permitirían substanciar unha consistente oferta turística orientada á excelencia máis alá dunha bolsa de metros cadrados por internet.  Non se deberían crear falsas expectativas cando nada se fixo por revertir as eivas coñecidas, cando todos sabemos que a excelencia vén da mán da formación, innovación, idiomas, novas tecnoloxías, sustentabilidade ambiental como elementos clave. O turismo como proxecto local e de país nada é se non vai acompañado da excelencia como directriz transversal.  Unha oferta turística boa e de calidade é o reflexo da calidade do destino e da calidade do turista. Noutras palabras, a mellor medida da calidade dun destino é a súa capacidade para atraer e satisfacer o cliente fronte a outras ofertas existentes no país e na contorna (competitividade).  A mellor medida da calidade dun turista é a súa capacidade para engadir valor ao destino tanto en termos medioambientais, culturais e económicos. Cedeira non pode teimar nun modelo turístico dos anos 50 estilo Mediterráneo, no que para ter un bo produto de sol e praia abondaba construir unha pensión ou alugar un piso rente o mar ou perto del. Ese modelo xa non sirve nen para a costa mediterránea e aqui teimouse nel malia os efectos advesos coñecidos e o deterioro progresivo do areal.

Cedeira é vila mariñeira, cordal litoral e montes cubertos de brétema. Cedeira é  Galiza e é Galego, Rias Altas, Ortegal,  Cabo do Mundo,… Atlántico. Hogano, cómpre ofrecer un amplo catálogo de actividades na que o ambiente, a cultura e o patrimonio de noso estén cada vez máis presentes. O futuro dese sector pasa por cuidar e innovar neses ámbitos, na cadea de valor que vai do público ao privado (transporte, aloxamento, actividades, limpeza, seguridade, etc.). Se non conservamos a nosa alma tradicional pouco ou nada poderemos ofrecer.

Os últimos dez ou quince anos foron os da consumación da desfeita urbanística e paisaxística malia sabermos o que tiña acontecido noutros puntos do país galego (de Barreiros a SanXenxo) e na nefasta experiencia do turismo de sol e praia do Mediterráneo. Vai sendo hora que se comece a pensar que a calidade é o resultado de traballar ao tempo con criterios de competividade e  sustentabilidade. Velaquí algunhas asignaturas pendentes:

-A praia da Madalena acaba de recebir os efectos do primeiro temporaliño sen que o Concello e a sociedade civil cedeirense reaccionaran á altura da desfeita.

-A estrada Ferrol – Cedeira, principal medio de comunicación, segue a padecer un prolongado esquecimento da Xunta  e a indiferencia do goberno municipal.

-A  zona urbana de nova creación non incorporou espazos verdes  que non houbera xa hai cincoenta anos e que serviran para drenar e oxixenar a inxente acumulación de paredóns en altura e volumetrías excesivas favorecendo o tránsito, as horas de luz e a calidade de vida dos veciños.

-A zona rural só semella ter interese eleitoral. A recente e accidentada revisión do catastro trouxo subidas inauditas do IBI en zonas que non dispoñen dos mesmos servizos que no centro da vila ( datos que se poñen de manifesto nos indicadores do IGE e INE).

-Os equipamentos socio-culturais  dispoñibeis – moitos deles eivados na súa concepción inicial e outros- están a seren drenados de función sen antes se teren desenvolvido políticas a medio e longo prazo de activación do entramado sociocultural local e comarcal que sirvan para ir consolidando Cedeira como foco de atractividade (centro de maiores, auditorio, equipamentos deportivos, biblioteca).

-Inexistencia de espazos protexidos. A pesar da diversidade xeográfica  que permiteu un marco de vida variado dende a ria e as bocaribeiras até a Capelada, nunha distancia de poucos quilómetros, o que condicionou  matices climáticos e unha gran de riqueza e heteroxeneidade xeobiolóxica e paisaxística, a falta dun proxecto de protección e dun mapamento de espazos de especial protección deu como resultado un cínico abandono da contorna ambiental e paisaxística e dos restos arqueolóxicos que nela hai.

-A variada cociña tradicional, baseada en productos frescos de proximidade do mar e da terra, non teñen reflexo e actualización na actual oferta gastronómica.

-Cedeira non foi que consolidar un acontecemento, mostra ou festival – agás algunha discreta excepción emanada do asociacionismo cultural- con certa repercusión comarcal, nacional, estatal e internacional.

No entanto, agardamos, esperamos e desexamos unha folla de ruta rigurosa e intelixente que vaia máis alá dun aplicativo informático publicitado como condición esencial   cando todos sabemos que o valor está noutra parte, nas necesidades obxectivas básicas das cidadanía e naqueles outros factores antes sinalados.  A non ser que pensen que máis alá do campionato de bagminton non hai vida e  que sen poñer en valor o que son necesidades fundamentais e  ben intanxibeis, a mera oferta de metros cadrados é per se de interese para un posible inversor, residente estacional e turista. Ou teñen afección persoal  en vender pisos ou algo importante estaría a fallar na cámara municipal se pensan que facer vendibel esa inxente bolsa de inmobles non pasa por mellorar a oferta turística, é dicir, por cuidar das necesidades básicas da xente, por cuidar o patrimonio natural e cultural de noso.

Ao mellor tamén che interesa:

Cedeira,segunda no ranquing do INE de poboacións con vivendas en deficiente estado ou ruinoso

Autocaravanas

Sobre o novo edificio da Lonxa do Peixe

SomosCedeira esixe que se publiquen os datos obtidos das análises de auga da Madalena

Privatizar a costa

Un dos nosos

Conflito de intereses e urbanismo. A propósito dun caso

A costa dos chiringuitos

Quality of life ranking of Spanish Municipalities

Ao final da escaleira. Desfeita urbanística

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: