off
Ollo ao gato, ollo ao prato — 5 Novembro, 2013 at 1:42 p.m.

A RAG degradada. Falemos, porén, en galego

by

Que unha Real Academia se declare indefensa fronte o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non acontece todos os días, nen en calquera sitio. Que  a Real Academia Galega  se sinta “degradada” fronte ao excutivo e “indefensa” fronte ao xudicial    é mesmo cousa  de pasmo.  Mais iso está a acontecer no país galego, onde a língua do país pasa a ser proscrita e, con ela, as institucións culturais e científicas  que naceron por e para ela: a Real Academia Galega. Unha degradación en tres pasos:

  •  menosprezada primeiro no proceso de elaboración do decreto, negando a razón de ser da propia RAG
  • humillada despois ao recorrer a Xunta o auto do TSXG sobre o galego
  • ignorada, en fin, polo propio TSXG ao non receber atención o cerne da súa ben alicerzada argumentación

Que o presidente Feijoó e o seu goberno non teñan nengún pudor á hora de mostrarense como perfeitos analfabetos ou de agocharen unha ideoloxía eivada de calquera evidencia científica serven para retratar a proxenie da que son debedores .  As galloufadas que están a sofrer o idioma e a principal institución cultural do país fan parte da  transición posfranquista na que  estamos, ese intanxible marco xurídico español na que tan a gosto se sinten  os talibáns da Constitución do 1978 .  Aquela imposición do sector reformista do franquismo, espreitado polos aparatos de estado da ditadura vai ficando desvelada; unha imposición que a meirande parte dunha cidadanía políticamente medrosa e desinformada validou, mentres a oposición apenas puido emendar  nada (Le mythe de la transition pacifique. Violence et politique en Espagne (1975-1982).  Acontecementos coma este poñen en evidencia  mais unha vez que non houbo consenso ningún.  Só sumisión, baixa estima, odio e medo.

En Galicia o goberno español non precisa modificar o rexime lingüístico  de ensino, invadindo competencias da Xunta. Xa ten ao  propretor Feijoó.  En ningunha sistema educativo público serio unha enquisa acientífica que procure – tal como denunciou Nova Escola Galega – un “único resultado prefixado de antemán” serve para  decidir a língua na que han ser impartidas as materias, e menos se a comunidade científica mostra evidencia da situación de desprotección dun idioma que, ademais, é o propio do país. Por iso cómpre reivindicar máis ca nunca  institucións de noso como a Real Academia Galega, pedíndolle que non baixe a garda, que o informe de análise das «Bases do decreto de plurilingüismo» só sexa o comezo  para que o nesgado apelo dun goberno indigno á cidadanía e a determinadas   institucións,  organizacións, empresas  e   medios públicos   deixen de seren instrumentos para desprestixiar o idioma deste país e, con el, a toda a sociedade galega.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off