off
Cedeira, Medio ambiente — 4 Novembro, 2013 at 7:49 a.m.

Preamar desfacendo a praia

by

Mentras Cedeira ía despedindo o Samain  logo de moita choiva e un sábado cinzento que termou do tempo sen chover, ás 16h anuncíabase grande preamar con temporal. Decidimos coller a cámara, arremangarnos e mostrarvos como se desfai a praia en tempo real, como a preamar foi traballando o areal entre o sábado e o domingo. Fixemos unha escolla entre todo o material rodado, tomas todas elas moi semellantes porque tratábase de apañar derrubamentos grandes, mais era dificil pillalos, apuntabas cara unha parte do noiro e esbordallaba polo outro, no medio das arrotas.

O material rexistrado permite vermos caer un cacho  e demostra a hipótese de que non por moito achaiar o noiro se atalla o problema; o mar escarabella abaixo de todo, e aos poucos vai acabando coa parede de area. Porén, só até unha liña máxima de altura. O noiro fai moito mal pois ao esfarelar amplia a esplanada do mar onde antes había máis degrau.

Agora é cando se deberían pór parapeitos provisorios con sacos de area (sand bag structures) seguindo a evidencia científica dispoñibel[ver:A guide to managing coastal erosion in beach/dune systems. Scottish Natural Heritage]. En Escocia teñen aplicado este sistema porque comprobaron que entullar con area para amortecer a forza do mar non servía para nada.

[wpvideo 2Sfii4hM]

Teño defendido desde as páxinas de Olláparo [ver: Praia da Madalena:pensar amodo, actuar axiña[2] unha primeira intervención de choque barata baseada na amoreamento de sacos de area na parte alta, onde só chegan as mareas vivas e os temporais, de xeito provisorio  mentres non se fai o que se debería ter feito hai tempo. Este tipo de intervencións ofrece a curto prazo unha provisoria liña de defensa a baixo custo e con materiais locais como a propia area.

Pensar amodo e actuar axiña

Perante o manifesto desleixo dos gobernos de Cedeira e da Xunta, mesmo cunha versión artesanal e investimento mínimo poderían estar a facer unha intervención non agresiva co areal que servira para ensaiar a que semella ser até o de agora a acción máis efectiva realizada no norte de Europa. Baixo custo, mínima complexidade e utilizando materiais locais que son devoltos á praia cando xa non sexan necesarias as defensas. Tamén no noso país, contrariando esa evidencia, logo de seren investidos na Praia do Matadoiro da Coruña 8,5 millóns € de euros (Ministerio de Medio Ambiente, 2012 ) na ampliación dos areais coruñeses, os 320.000 metros cúbicos de áridos procedentes dunha canteira de Viamanzo acabaron no fondo da ría despois do temporal.

Só faría falta que se autoorganizara un pequeno grupo  de persoas voluntarias  nos traballos de colocación de sacos, coma os veciños do Pindo que se veñen de organizar ante o desleixo e caos da Xunta. Permitiría minimizar a erosión a baixo custo e con impacto ambiental mínimo e gañaríase tempo para estudar a xestión do caso da Madalena procurando  unha intervención a medida e duradoira. O traballo debería ser planificado e programado para limitar os danos aos ecosistemas. Os sacos preventivos  minimizarían o impacto e permitirían deseñar un plan  e un cronograma de recuperación ad hoc para poder executalo contra da primavera (execución, limpeza e saneamento). Cómpre evitar que a area do noiro artificial acabe na ría.

O que as imaxes mostran é unha situación dramática que se repite, con gran impacto ambiental e económico e degradación da paisaxe.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: