off
Ciencia, Ecoloxía — 31 Outubro, 2013 at 6:24 p.m.

Buscando a excelencia científica no extranxeiro, o caso da bióloga mariña Ángeles Alvariño

by

Hoxe estamos a vivir o drama do exilio de numerosos científicos galegos. Mozos e mozas cunha axeitada formación académica vense obrigados a emprender o camiño cara o extranxeiro nun chamativo despilfarro de valiosos recursos humanos. Non é o caso dos científicos galegos que deberon marchar a raíz da Guerra Civil perseguidos pola barbaríe fascista, máis calificamos de exilio o que hoxe acontece porque o fenómeno tamén ten raices en causas políticas. Sí, porque a crise foi favorecida pola xestión dos grupos políticos que respaldaron un modelo produtivo especulativo. Sen esquecer, no capítulo das responsabilidades, a á xente que respaldou ese tipo de política e a un sector da comunidade universitaria que se amosou moito máis interesado en vampirizar o labor de investigadores mozos que en buscarlles unha alternativa profesional.

Ángeles Alvariño
Ángeles Alvariño

A científica sobre a que queremos falar hoxe, Ángeles Alvariño, non sufriu estas circunstancias. Viviu nun momento diferente, pero tamén se viu obrigada a marchar a centros de investigación extranxeiros para acadar a formación que lle permitiu convertirse nunha autoridade mundial en bioloxía mariña.

Para entender o acontecido cómpre botar unha ollada ao pasado. Na parte final do século XIX, na Restauración borbónica, Galiza era un deserto canto a formación científica. Só existía o ensino superior en Santiago nas facultades de Medicina e Farmacia, os estudos de Ciencias ficaban limitados a un curso preparatorio e para o doutorado era obrigado acudir á Universidade Central (Madrid). Asemade, carecíamos de centros de investigación relacionados cos principais recursos do país, o agro e o mar. Neste contexto iniciamos o século XX, no que se abriron os estudos de Químicas en 1921 e empezaron a botar a andar a Granxa Agrícola de A Coruña e o Laboratorio de Vigo do Instituto Español de Oceanografía. A situación obrigou, pois, a que moitos galegos, como Alvariño, deberan acudir a Madrid para estudar unha carreira científica e marchar ao extranxeiro se desexaban desenvolver un relevante papel profesional.

Ángeles Alvariño González (Serantes, Ferrol, 1916-San Diego, USA, 2005) fixo os estudos secundarios no recén inaugurado Instituto Concepción Arenal de Ferrol. En 1934 iniciou a carreira de Ciencias Naturais en Madrid. Viviu na Residencia de Estudiantes, disfrutando do seu estimulante ambiente cultural. Esa situación viuse interrumpida polo peche das aulas motivado pola sublevación militar e a conseguinte Guerra Civil (1936-1939). Voltou para Ferrol e aproveitou o tempo de parálese académica en aprender idiomas extranxeiros. Unha vez reanudada a actividade da Universidade de Madrid, Alvariño continuou cos seus estudos, licenciándose en 1941. Retornou a Ferrol e ata 1948 impartiu docencia de Ciencias Naturais en centros de educación secundaria da cidade. Ese ano trasládouse coa familia para Madrid e iniciou a súa carreira investigadora no Instituto Español de Oceanografía (IEO), sendo destinada ao Laboratorio de Vigo.

 Describiu vintedúas novas especies de zooplancto mariño e foi considerada unha autoridade mundial en tres grupos de organismos do mar, os quetognatos, os sifónoforos e as hidromedusas.

Buque oceanográfico que leva o nome de Ángeles Alvariño
Buque oceanográfico que leva o nome de Ángeles Alvariño

A carreira profesional de Alvariño deu un paso decisivo cando en 1953 recibiu una bolsa del British Council para realizar investigacións sobre zooplancto mariño (animaliños microscópicos ou de pequeno tamaño que flotan nas augas) no Laboratorio de Bioloxía Mariña de Plymouth, Inglaterra. Alí, durante dous anos traballou co salientable biólogo mariño Frederick Stratten Russell no estudo de diferentes grupos deses seres (quetognatos, medusas, sifonóforos e ctenóforos), dos que se foi convertindo en experta mundial. Atribueselle o feito de ser a primeira científica que traballou a bordo de buques de exploración británicos e españois.

O principal grupo biolóxico no que focalizaba as súas pescudas, os quetognatos son seres que posúen un interese especial debido á súa utilización como indicadores de determinadas condicións ambientais e pesqueiras e en EEUU se atopaban os principais expertos na materia. Alí marcharía Alvariño para completar a súa formación. Obtivo unha bolsa da Fundación Fulbright para ir traballar ao Woods Hole Oceanographic Institute (Massachusetts), onde colaborou durante os anos 1956 e 1957 con Mary Sears, zooplanctóloga experta en sifonóforos e presidenta do Primeiro Congreso Internacional de Oceanografía. Posteriormente Sears recomendaríaa a Roger Revelle, director da Scripps Institution of Oceanography (Universidade de California, La Jolla). Nesa institución traballou desde 1958 ata finais de 1969. Na Scripps estudou miles de mostras planctónicas obtidas nos océanos Atlántico, Pacífico e Índico. Abundaban as procedentes da área de California, pois desde 1950 naquelas auguas realizábanse mostreos mensuais de plancto, motivados pola desaparición dous anos antes da sardiña de California e da industria conserveira rexional. O material de estudo recollido entre 1952-1965 daría lugar a un singular traballo, o xa sinalado “Los quetognatos del Atlántico, distribución y notas esenciales de sistematica” (1969), polo que obtivo o doutorado en Ciencias (sección Biolóxicas) pola Universidade de Madrid en 1967.

Spadella pimukatharos, nova especie de quetognato da illa Santa, California, descuberta por Ángeles Alvariño en 1987
Spadella pimukatharos, nova especie de quetognato da illa Santa, California, descuberta por Ángeles Alvariño en 1987

En 1970 ingresou noutro prestixioso instituto de investigación de California: o Southwest Fisheries Center (SWFSC). Alí xubilouse en 1987, se ben pasou á categoría de científico emérito e puido continuar coas súas pescudas. Nese perído realizou diversas estadías como profesora asociada ou visitante nas universidades Autónoma de México, Federal de Paraná (Brasil), e de San Diego e no Instituto Politécnico mexicano. A investigación de Alvariño centrouse na distribución xeográfica e ecoloxía do zooplancto, especialmente a distribución de quetognatos e sifonóforos nos océanos Pacífico e Antártico e nas relacións entre o zooplancto e o medio ambiente mariño. Entre 1977 e 1979 coordinou a investigación oceánica dos países hispanoamericanos. Describiu vintedúas novas especies de zooplancto mariño e foi considerada unha autoridade mundial en tres grupos de organismos do mar, os quetognatos, os sifónoforos e as hidromedusas.

Ángeles Alvariño foi distinguida coa Medalla de prata de Galicia no ano 1993. A Universidade de A Coruña dedicoulle a Semana das Ciencias en 2005 e o Concello de Ferrol rendiulle un homenaxe póstumo no Campus de Esteiro, onde se descubriu unha placa conmemorativa na súa honra. No ano 2012 o Instituto Español de Oceanografía (IEO), construiu un novo buque oceanográfico, ao que lle puxo como nome “Ángeles Alvariño”.

 

 

Xosé A. Fraga  é Director do Álbum da Ciencia (Consello da Cultura Galega) e académico correspondente da RAG

4 Comments

  1. Xosé A. Fraga

    O obituario de Cribeiro resulta interesante, tanto polo medio de difusión onde apareceu, que permite o acceso a un público amplo, coma polo contido.
    Algún detalle pode precisarse. Alvariño entrou no Instituto Español de Oceanografía (IEO) en 1948 como bolseira e permaneceu nel ata 1956. A institución fora creada en 1914 e unha década despois, nos anos vinte, xa había alí traballando mulleres oceanógrafas (catro). Ese proceso de incorporación détense, como moitas outras cousas, nos anos trinta pero no período 1941–51 incorporánse oito máis.

  2. Antón Cribeiro

    Atopei este obituario que escribin cando morreu en xuño de 2006, non achega nada novo ao interesante enfoque do profesor Fraga Vázquez, agás o relativo aos méritos que lle deron os americanos, sobre todo onde se cita que o seu impresionante currículum académico e a súa dedicación ao traballo fixérona merecedora dun espazo na web Women Tech World, poñendoa como exemplo de muller de éxito na ciencia e na tecnoloxía. Dice así: «Las mujeres han contribuido enormemente en el campo de la investigación de pesquerías internacionales y de su gestión: “Aunque el Instituto Español de Oceanografía oficialmente no admitía mujeres, Alvariño dirigió investigaciones y estudió oceanografía allí. La calidad de su trabajo convenció a sus superiores para admitirla en 1950. En 1956, ganó una Fulbright Fellowship para investigar en el Instituto Oceanográfico Woods Hole en Massachusetts. La presidenta del primer congreso oceanográfico de los Estados Unidos, Mary Sears, impresionada con su obra, la recomendó para ocupar un puesto en el Instituto Scripps de Oceanografía, en La Jolla, California. En 1970, Alvariño entró como bióloga pesquera en Centro Científico de las Pesquerías del Sudoeste, una división del recien creado Servicio Nacional de Pesca Marítima. Fue la primera mujer en servir como científica en un buque de investigación británico. Desde su jubilación oficial en 1987, ha continuado con su trabajo, añadiendo aportaciones al acervo científico sobre el zooplancton».

    http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/06/06/3794955.shtml

  3. Xosé A. Fraga

    Prezado Antonio,
    Grazas polas túas palabras. Canto o valioso arquivo de Ángeles Alvariño está no Arquivo municipal do Concello de A Coruña, en proceso de catalogación.
    Saúdos, Tino

  4. Antón Cribeiro

    Parabéns ao profesor Fraga, e amigo, polo excelente artigo sobre a para moitos descoñecida Angeles Álvariño. Engadiría que unha profesora do instituto de Cedeira fai anos, hoxen en día no seu Ferrol, María José Leira Ambrós, quixo traer para Galiza o material da súa tía, Ángeles Alvariño, e logo de ofrecelo na Coruña, e seguramente en máis sitios, de que eu saiba, ninguén se interesou por traer de volta este material.
    Descoñezo que foi do tema, eu chegue a movelo na Coruña pero non callou. Mágoa. Unha proba máis de que estamos nunha terra complexa, onde aplaudimos a un político que toca unha trompeta nun feirón en campaña, e ninguén sabe que é dos nosos científicos e da nosa cultura en xeral.

    Só de cando en veces, algúns políticos chaman a renomeados científicos galegos pero na busca da foto que convén, non porque interese nada a ciencia.

    Dos gobernantes se cadra era o esperable, pero defrauda moito un pobo que non mira de motivar ás xeracións novas cos logros doutros exemplos, como é o caso da ferrolá do artigo, tan ben considerada nos USA como ignorada aquí.

    Temos o que merecemos, sen dúbida.

    Saúdos, Tino, coma sempre, excelente.

Deixa unha resposta a Xosé A. FragaCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off