off
Cultura, Ecoloxía, Mar e Pesca — 28 Outubro, 2013 at 9:55 a.m.

Cariño proxecta abrir un Museo do Mar

by

A Voz de Galicia (ed. Ferrol), publicaba onte que veciños do concello de Cariño proxectan abrir o Museo do Mar, para o cal o concello xa tramitou ante “Portos de Galicia” a solicitude para a concesión dun edificio con esta fin.

Primeiro, parabéns para ou nosos amigos/as e veciños/as de Cariño, pois aquela inexistente rivalidade do “reló e os descalzos” non pasan dun vello chiste que nos facemos entre dúas vilas que comparten mares e terras, entre elas, a grandiosa serra da  Capelada, dende os Aguillóns até a Candieira. Somos vilas irmás no mar, na terra, na cultura… como todo o Ortegal. De aí que eu, persoalmente, nunca lle vin xeito ao inserirse na comarca de Ferrol, feito absolutamente artificial, cando a nosa historia mesmo a xenealoxía é común, e abrangue máis concellos colindantes.

Segundo, o profesor Usero que leva 40 anos agardando a que se faga un museo en Cedeira onde poder contar a súa historia. Eu levo trinta, coa mesma teima, pero máis focalizada cara o mundo do mar e o ambiental.

Malia a morea de informes feitos, de planos, de ideas, etc… achegados non só por Usero ou por min (moi a menor escala ca el, xaora que si), están as ducias de iniciativas de cedeirenses.  Este mesmo verán un deles faloume dunha idea: pedirlle a Portos a cesión da casa que está ao carón do bar de Ramón para amosar cousas do mar. Aí quedou a idea polo de agora, boa, pero semella que é máis importante o alugamento dun local prescindíbel, mentres os dependentes ao 100% non teñen onde ir de día.

Tamén teño escrito ideas, co fin de servir só de arrancada cara o debate cívico, mesmo pedidas por diversos alcaldes, pois o fin é levantar Cedeira sen agardar á conveniencia circunstancial de intereses persoais esquecendo o ben común.

Recoñezo que, por exemplo, non derradeiro informe entregado en 2009, a crise botouse enriba de xeito tal que eu mesmo, que viña coas ideas do visto en Brest -infinidade de obras financiadas pola UE-FEDER- e optei erróneamente por partir dun proxecto a grande escala para logo ilo adaptando. Ese proxecto teno ou alcalde de entón, Xosé Lois Vergara, do cal cónstame que tiña interese real en debatilo e sacar adiante o que fose. Anos antes aconteceu ou mesmo co benquerido Xoán Xosé Rodriguez “Tantu”, por entón Alcalde, se ben sempre que me chamaron alí estiven.

Fai unhas semanas lin nun diario de tirada do estado español que “Cedeira” non viña de “Cetus” porque aquí non había baleas, etc… A ver, por qué non falamos cada quén do que sabe no canto de queremos opinar de todo e sair churros? (a única comida que todos sabemos facer, un churro, saia ou que saia).

O profesor Usero saberá ben a orixe dá toponimia de Cedeira (eu dende logo, non), o que si podo asegurar e que a presenza de cetáceos dun par de centos de anos para atrás en Galiza era moito máis abundante que agora (e aínda hai, velaí tedes ou varamento masivo en Bares). Xa ou describe á perfección ou Licenciado Molina (non Medina, como pon o devandito artigo) cara 1.675, e despois José Cornide, Antonio Sáñez de Reguart, e tantos ilustrados máis.  Di Cornide: “na actualidade -1.788- xa non se vai á caza de baleas en portos como Camariñas, Laxe, Corme, Cedeira ou San Cibrao?. Se xa non se vai, entón íase, non si? Cornide engade, non seu “Ensaio dos peixes”: en cuxas casas aínda subsisten moitas vértebras que serven de banquiños, e varios ósos destinados a outros usos”.

Cito isto a xeito de fundamento para urxir ao pobo de Cedeira a impulsar non un, senón varios museos onde quede constancia para goce dás xeracións actuais e futuras da historia de Cedeira, en todos os eidos: história, etnografía, xeoloxía, natureza? e vai resultar que o único que temos é “militar”… abraiante. E ía ser de meigas, ainda pior…

Non serven lerias da crise. Xa non. Se se quere gobernar hai que estar para facer, e non para parecer que se fai. Os  fondos FEDER seguen aí canda moitas outras axudas, para este tipo de intervencións, particularmente no  eido costeiro, como a vía que escolleu Cariño para botar adiante esta idea.

Sorte e parabéns a Cariño, mentres vemos coma dende Cedeira esvaece toda iniciativa cultural, que somos incapaces de levar nada á realidade. Nada bo. Nada malo. Nada.

4 Comments

  1. Antón Cribeiro

    Nada é o que parece. Hai moita xente con mil ideas e gañas de facer achegas, a memoria do rural con di X.Antón Suárez -Cedeira sempre tivo un fortísimo compoñente labrego e gandeiro-, a memoria do mar, da caza de baleas, do cerco real, as cetáreas de lagosta, a salgazón, a despegue da flota dende os 60, viría o percebe, a pescada, logo o rape, etc. A etnografía, a memoria fotográfica -base de datos con medios para recoller miles de imaxes, dixital via web-, a memoria do inmaterial: os contos, as lendas, a música, a pintura, todo o arte, a natureza, a historia. Todo.

    Aínda se poden rescatar moitas cousas, malia as xa perdidas polo desleixo. Temos a Rafael Usero, temos xente que nos pode contar moitas cousas, pero o tempo váise a fume de carozo. Conservar a memoria.

    As lembranzas, a memoria, forma parte intrínseca de cada ún de nós, e de todos colectivamente. Nada somos sen memoria, sabémolo ben e de preto uns máis que outros.

    Outras cousas poden esperar, pero entre as que non poden agardar máis está a preservación, protección e promoción da memoria, da de todos.

    Que os que veñan atras saiban e continúen o traballo encetado, e por riba dotaría dun atractivo engadido a Cedeira.

    Porque… que é un pobo sen memoria? Nada, absolutamente nada, polo que calquera outra cousa é accesoria.

    Pódese se se quere. E se non se quere, que se deixe facer a quenes de verdade queren facer, o cal, ben mirado, está nas máns do pobo e da súa memoria…

  2. Gabriel Beceiro

    A perda de embarcacións xa é irreparabel.Houbera unha tentativa de inventario hai moitos moitos anos…desde a Sociedade Cultural Chirlateira. Perdéronse tamén a últimas estrutuctuas das fábricas de salgazón que poderían ter servido de alzado para unha nova edificación conservando ubicación e memoria. Mais sempre hai a posibilidade de encetar un proxecto de investigación e documentación que tamén insira o contenedor e a ubicación máis axeitada neste momento, ímolle chamar “museístico”. Cando se fixo o Auditorio e as polémicas dependencias do edificio propuxen reconsiderar a ubicación de determinados equipamentos culturais que xa non servian ao seu obxectivo para seren redefinidos como centros de interpretación ou algún proxecto de museificación (a biblioteca, por exemplo).Na altura había persoas moi interesadas. Até hoxe…

  3. Anton Cribeiro

    Grazas X. Antón,
    Claro que houbo caza de cetáceos en Cedeira, iso é indiscutíbel, o que non sei é se o nome de Cedeira ven de aí ou non, pero para iso temos a Rafael Usero. Cada quén debería falar do que sabe, cando melloraría todo.
    Por outra banda, efectivamente foi a persoa que citas a que falou conmigo, e non podemos permitirnos o luxo de desmotivar aos poucos que aínda teñen azos por facer cousas en Cedeira. Eu pensaba nun gran complexo no Campo do Castro, e daquela falábase tamén do porto deportivo, polo que a idea inicial -só de partida para o debate aberto- incluía todo nesa zona.
    Porén, novos datos, non só a crise, fixeron que no tema do porto deportivo teña hoxendía unha idea ben diferente e viábel perfectamente, pero é un tema que non me interesa nada en relación ás eivas prioritarias que temos no eido cultural, e os museos son condición “sine qua non” é posible fornecer, dar a coñecer, e preservar o patrimonio que anda polos faiados e barrelas das casas, e que moitos estarían encantados de ceder para o bencomún da nosa vila.

    Pero, como ben dis: cero patatero. Por motivos coma este SomosCedeira pasou ao silenzo activo, ao noso pesar. Fixádevos que en Cariño a veciñanza tivo moito que dicir, e recoñezamos que coma pobo dunha vila veciña, sempre foron máis unidos entre eles ca nos. Aprendamos no canto de esbardallar.

    Apertas!

  4. X. Antón Suárez Aneiros

    Comparto contigo o antedito. Estas reflexións nalgunha ocasión xa hai anos eu tamén as espuxen, e tamén encol dun museo etnográfico do campo; o Arribe de Vigo tamén estaba ilusionado con todo isto.
    Noutra orde de cousas direi que meu pai (hoxe tería 104 anos) tenme contado que cando ían cargar os barcos ó Portiño e a Marnela, ten reparado que pola zona, Marnela, Pantín, Meirás, os cargadoiros das portas e ventás eran ósos de cetáceos.
    En canto ás iniciativas culturais, cero patatero.
    Unha aperta.

    X. Antón Suárez Aneiros.

Deixa unha resposta a Antón CribeiroCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off