off
Cedeira, Educação, Movementos sociais — 24 Outubro, 2013 at 2:09 p.m.

Non ós recortes

by

Ainda que non o pareza, en Cedeira hai nenos e nenas, rapaces e rapazas, pais e nais que teñen  fillos en idade escolar. Algúns mesmo xa andan a experimentar a miserenta realidade universitaria galega, española e europea. Estamos certos que non  están todos os que son, todos os que pensan  dun xeito crítico a realidade túzara que nos abafa. Certo, tamén, que hai quen gosta da estratexia da avestruz fronte a apocalíptica e cutre  LOMCE. Tamén sabemos que hai vacas no millo e moitos outros que queren unha escola para producir pensamentos propios na persoa,  cidadáns libres e non cidadáns dunha só dimensión (homo aeconomicus) , sen ideas próprias nen criterio. Moito españolismo reseso e pouco sapere aude.  Non desesperen, tamén en Cedeira houbo aulas baleiras.

A CIG  contabilizou en 65.000 persoas nas manifestacións que desde as 11:30 horas percorreron as rúas das principais cidades e vilas do país convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que cifrou o seguimento da folga nun 90%. Marchas multitudinarias para dicir “Non á LOMCE” e para denunciar unha lei que o secretario xeral da CIG-Ensino, Anxou Louzau, cualificou como “españolizadora, privatizadora, elitista, clasista e antidemocrática”. A Xunta rebaixa a participación a un 25%, e a rúa desmínteo nas principais vilas e cidades. Entre 8000 e 10000 persoas  manifestáronse en Ferrol. Ao mellor ainda non estamos suficientemente domados.  Non haberá terceira doma e castración do Reyno de Galiza, non-si?

 Fotos enviadas por participantes da concentración no IES Candieira de Cedeira ás 12:00 e de Ourense ás 11:30

 

 

 

 

 

3 Comments

  1. Anton Cribeiro

    “Non, se eu non estou en contra de que se artelle unha plataforma cívica […] pero estades a metervos en “temas políticos”, e entón xa se vos vé vir… queredes armar o lío”.
    Conversa mantida a principios de xullo, cando SomosCedeira comezou a ter resoancia na prensa, alén das redes sociais, e polo tanto, pisou a liña vermella entre o silenzo dos cordeiros á forza da razón. Máis o motivo do pase ao “silenzo activo” (calados pero non parados), debéuse máis a feitos como as fotos que achega Olláparo neste post: ou ben non hai os mimbios en Cedeira precisos para enxergar unha mobilización cidadá, ou ben non o soubemos facer ben, que tamén pode ser a causa.
    ¿Qué pasa en Cedeira? Xa o preguntei antes, non o sei, que alguén bote unha man a ver se é quen de ir clarexando esta sobredose de anestesia local.

  2. Gabriel Beceiro

    Konfortismus?

  3. Anton Cribeiro

    ¿Que pasa en Cedeira? A serie de fotos amosan a unha ducia e pouco de persoas fronte ao IES Candieira, cando na realidade varios centos de alumnos están matriculados nese centro, por no falar das súas familias etc. Descoñezo se a foto se fixo moi cedo, ou moi tarde, ou como moito me temo, era a xente que había.
    Nese suposto, poder ser que a meirande parte faga folga pero aproveite para quedarse na casa ou facer outras cousas, ou poder ser que non secunden a folga, en calquera caso, o que se pon en evidencia é o máis preocupante: o desleixo absoluto dunha veciñanza á que semella que tanto lles da que choiva coma que quente o sol.
    Estamos a falar do ensino público, ao que a inmensa maioría lle debemos o que sexa que sexamos cada un de nós. Tiven a sorte de pertencer á primeira xeración que fixo o ciclo completo de instituto en Cedeira, con mestres -si máis mestres que profesores- de primeira liña, deixando moitos deles unha impronta inesquecíbel, así como o compartir aulas todos, segundo o esforzo de cada ún, e non seleccionados en aberrantes colexios como acontece nas cidades, discriminados por sexo, e mesmo polo status social, feito aldraxante que o goberno segue a co financiar nesa falacia chamada “centro concertado”.
    A defensa do ensino público parou cidades enteiras hoxe e concentrou milleiros de rapaces/as e xente nas rúas.
    Entón, volvo á pregunta inicial: ¿Que pasa en Cedeira? Por qué non hai maneira de xuntarse no centro e facerse ver, xa que se non somos quen de xuntarnos para a defensa (testemuñal mentres non pase un par de anos), ¿cómo imos ser quen de acadar unha estrada nova a Ferrol? Ou reclamar o investimento no Centro de Saúde (quizáis perdido xa), ou a declaración da praia como “natural”, ou rexeitar o copago do xa cotizado, a taxa abusiva polo “consumo mínimo” de agua equivalente a unha piscina por factura, os surrealistas reaxustes no IBI coa revisión catastral, etc… por que non remataría nunca. ¿Qué ten que pasar para sair da anestesia local? Eu, non o sei.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off