off
Cedeira, Infraestructuras e Comunicacións — 15 Outubro, 2013 at 19:17

Somos Cedeira esixe un trazado novo para a estrada Ferrol-Cedeira

por

 Somos Cedeira vén de amosar con grande efectismo visual a arbritariedade con que se  asignan os recursos en infraestructura viaria ao facer que un enclave pesqueiro  e agrofosteral de grande potencialidade se torne “periférico”. A plataforma cidadán  vén de documentar  os motivos que xustificarían as súas demandas e no cal tamén se pon de manifesto  o papel determinante do clientelismo político e a nula capacidade para influir do goberno local do PP, amosando unha preocupante submisión aos ditados do seu partido ( evidente no “esquecimento” do proxecto de acondicionamento da estrada AC566 de 2008) e non para defender os intereses da cidadanía cedeirense que son as de posicionarse no territorio en condicións obxectivas que permitan o seu desenvolvimento. Se houbo un proxecto que esvaeceu no ar, compriría saber o por que, se foi insuficientemente orzamentado ou se as empresas adxudicatarias non son tan independentes dos aparatos de partido e veñen sendo ao final as que máis ordenan. O resultado son intervencións que non serven para vertebrar o país. Certo é, porén, que as maiorías absolutas non sempre son interpretadas como deberan por quenes as receben.

Ao longo dos anos a falta de implicación cidadán levou a percebir o caracter periférico deste recanto do Ortegal-Ferrolterra  con certa fatalidade, como se a orografía fose un límite infranqueabel cando a realidade informa que non: os veículos non deixan de circular e, en consecuencia, o que é máis importante,  non deixan de producirse accidentes graves e en moitas ocasións mortais, acentuándose a sinistralidade  en progresión ao deteriorio dun trazado e dun firme que nunca foi deseñado para o tráfego que en realidade soporta por mor do comercio, a actividade pesqueira, a madeira e o turismo.

 

No eido institucional sería desexabel que o novo trazado fose un proxecto da vila e terra, e non un asunto partidario a vender cando mellor conveña, nomeadamente en tempo preelectoral. Precisamos un modelo transparente de licitación e concurso, orzamentos participativos  e  proxectos que sirvan para vertebrar o país. O novo trazado da estrada de Cedeira non é un antollo. Sería cómico se non fose tráxico, se non implicara a vida e o benestar da xente involucrada. Os desprazamentos curtos son unha realidade territorial que foi impulsada durante décadas polos mesmos que nos gobernan sen teren creado as condicións doutro tipo de mobilidade. Os medios de transporte colectivo teñen mesmo desaparecido. Debería inserirse  nunha visión de país no que primaran as necesidades do territorio – incluidos os estudos preliminares de impacto ecolóxico- e non as consideracións paternalistas, electoralistas e clientelistas.  A comparativa presentada por Somos Cedeira é evidente,  como para tomarmos a serio a diferente dotación orzamentaria, a diferencia entre ter un trazado a altura da actividade que soporta ou ter unha corredoira asfaltada a costa do benestar e doutros factores de desenvolvimento que deste xeito estanse a perder.

 

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: