off
Cedeira — 20 Setembro, 2013 at 18:12

Merendeiros[2]

por

Haberá quen os luns ao sol  poida contar cables do tendido, eucaliptos ou nubes. A imprensa comarcal adícase a noticiar o que de seu non é notícia . E o que sendo notícia, apareza como sendo necesario, inevitabel  e incuestionado.  Non semella digno de mención que a Xunta e algúns gobernos locais continuen a enterrar cartos públicos  en plena crise de finanzamento, sen previsión de retorno en forma de valor engadido ou de rendabilidade social, é dicir,  orientados a fomentar a economía productiva e a cooperación intermunicipal – con visión de país- na prestación de servizos públicos.

A crise económica e a reforma da administración local (aprovada de xeito unilateral polo PP) ten afectado substancialmente ás administracións públicas, rebaixando os seus ingresos fiscais e incrementando o endebedamento. As administracións locais, principalmente as municipais, non son unha excepción. Agora ben, a situación financieira parece ser  moi variada.

Que o Concello de Cedeira veña de  meter 52.000 euros do Fondo de Desenvolvimento Local en dous bancos, un cartaz e un aparcadoiro no adro de San Fiz de Esteiro fai pensar que o de Cedeira é un concello saneado e pouco endebedado, que se pode permitir estas alegrías.  Entanto gastan eses cartos nun brinquedo caro, nun antoxo,  o goberno local teima en trasladar  o Centro de Maiores a un local privado porque seica no espazo público actual xera gastos que o concello non pode afrontar xa que o equipamento outrora proxectado polo propio Goberno do PP  agora non se pode manter, disque xera un endebedamento considerabel. Non hai cartos para manter na súa sede pública un servizo de benestar comunitario dirixido a unha importante parte da poboación, mais pódense desbaldar  cincoenta mil euros nun miradoiro neste momento totalmente innecesario e cuxa rendabilidade social se reduce a un mes e medio no verán.

O goberno do PP continua a gobernar como se os cedeirenses fosen turistas pouco exixentes: véndenos  vistas ao mar e un banquiño

Fonte de Saa.San Fiz de Esteiro

O goberno do PP continua a gobernar como se os cidadáns fosen turistas pouco exixentes: véndenos  vistas ao mar e un banco (perdón, dous).  O magoante é saber que a fonte pública máis próxima, a escasos metros de San Fiz, no lugar de Saa, mantense grazas a que os veciños -con máis sentido de servizo público e patrimonial cá propia administración- rozan periodicamente para que no entulle o regato, abrindo  a serventía dende a estrada para acceder a ela.

Non se entende que se permitan esas alegrías, cando por outra banda, actuan como se o concello estivera falido en diñeiro, en bancarrota. Cando a cidadanía está a sofrer a confusión da subida do IBI por falta de política de xestión, por unha falta de prestación eficiente dos servizos públicos locais, talvez por unha falta de infradotación administrativa (quen sabe se por un errado cálculo de rendabilidade política) só se entende que se faga notícia do que non é notícia (debe ser a terceira vez que sae na prensa) para acalar a ineficiente xestión da suba do gravame do IBI.

Cando as cifras de desemprego que se rexistran no concello (514 en agosto) serían aínda moito máis elevadas se  contabilizaran os mozos e mozas que abandonan Cedeira e Galiza cada ano en busca de traballo.

Cando a nosa pirámide de poboación  é  tan invertida e non fai máis que medrar a dependencia.

Cando a fenda dixital ainda é unha realidade no rural, con situacións variadas que van de casos nos que os veciños  teñen que pagar do seu peto antenas privadas para poder ver televisión pública do país, a TVG, até o máis que precario, maiormente inexistente, acceso á banda larga.

Cando todo iso aconte, a Cámara Municipal de Cedeira, adícase a cementar un aparcadoiro e inaugurar merendeiros de dous bancos, unha fontiña e unha papeleira. Todo ao “módico” prezo de 52.000 euros e licitado a unha empresa que nin local é.

Esta Cámara é preguiceira, no canto de estar a procurar consensos   orientados a pescudar fórmulas de cooperación intermunicipal para acadar máis e mellores servizos através de economías de escala que nos axuden a sair do marasmo ( mesmo acadando abaratar costos de prestación de servizos mancomunados) adícase a aumentar a sensación que teñen os votantes de que os gobernantes non abordan os problemas clave.

Ao mellor tamén che interesa:

Merendeiros [1]

A Escola de Esteiro

1 Comentario

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: