off
Galiza, Incendios, Meio ambiente — 17 Setembro, 2013 at 11:56 a.m.

Despois da desfeita dos incendios a Xunta anuncia agora que destinará 16,4 millóns a forestación

by

 A Xunta vén de anunciar através da Consellería do Medio Rural e do Mar que destinará 16,4 millóns de euros entre 2013 e 2015 ás axudas para fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, cunha achega do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) do 75%. Para asignalas, fíxanse  dúas liñas dirixidas, por unha parte, a unha primeira forestación de terras non agrícolas con coníferas “agás nas superficies que, conforme a Lei de montes de Galicia, se forestarán con frondosas caducifolias– e por outra, con castiñeiro para froito.

Segundo a Orde  “serán subvencionables os gastos de plantación forestal e de área de defensa contra incendios forestais, a prima de mantemento –unicamente para as plantacións de castiñeiro para froito– e as infraestruturas de acompañamento ou obras complementarias das novas forestacións (peche, apertura e arranxo de pista forestal)”

Para colmo do cinismo, cando ainda fumea o Pindo, seica a  estimación da superficie na que se vai actuar grazas a estas axudas sitúase en arredor de 9.500 hectáreas, das que unhas 6.800 corresponden á liña 1 (coníferas) e as restantes 2.600 á liña 2 (castiñeiros).

Con  esta iniciativa está prevista a fabricación nos viveiros de ata 7,5 millóns de unidades para a liña 1 (coníferas, fundamentalmente piñeiros) e de ata 144.773 para a liña 2 (castiñeiros). Toda unha declaración de intencións: nada se quere mudar.

Primeiro a desfeita  dos lumes e despois, nunha nídia  inversión da lóxica da planificación, os cartos para prevención e forestación. E non tería sido máis acaído destinar esas axudas máis que notorias á prevención? Con estas axudas cenifícase o desprezo absoluto á política entendida como proxecto e planificación posibel da realidade, é dicir, cando se tira dos cartos públicos para calar consciencias e responsabilidades; entullar con euros o que o PP nunca  fixo: política forestal. Cando o que estamos presenzar é a falta de estratexia e de planificación dos sectores productivos agrícolas. A non-política.  Nen unha só referencia ao Pindo nin ás razóns sociopolíticas dos incendios cíclicos. Nen unha só idea que diagnostique para mellor planificar, nen un abrollo que poida parecer algo así como unha estratexia  forestal. O PP e Feijoó, máis unha vez, acubillando nas axudas. O Monte Pío, e non o Pindo, tén efectos adversos en quen o habita, pio, pio, pio.

One Comment

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off