off
Cedeira, Política local — 3 Setembro, 2013 at 11:05 a.m.

Sobre o traslado do Centro de Maiores a un baixo privado da Praza Roxa[2] Propostas

by

Un novo escenario, socialmente necesitado

Vén de lonxe. Hai trinta anos xa se sabía que a mediana de idade da poboación galega tendía a ser cada vez máis alta, a causa da baixa natalidade, dunha esperanza de vida máis longa e a desproporcionada sangría laboral en Ferrolterra (emigración). Por este motivo, na altura o colectivo de xente vella, cada vez máis numeroso, demandaba unha serie de atencións sociais e sanitarias. Sábese dende hai tempo que a partires do ano 2025 comezará a integrarse o colectivo de poboación máis vella de 65 anos fornecido polo denominado baby boom, que chegará á idade de xubilación. Unha perspectiva demográfica nada nova. En Galicia e no estado español- se ben hai notables diferencias no desenvolvemento dalgunhas prestacións sociais – hai un déficit de políticas sociais que se está a poñer en evidencia dende que comezara a crise e os recortes das prestacións sociais, educativas e sanitarias nun contexto xa deficitario en relación ao contexto europeo. A estas alturas, ninguén debería ignorar que o modelo neoliberal patrocinado polo Fondo Monetario Internacional e o Banco Central Europeo e practicado de durante todos estes anos en Irlanda -cobaia europea para provar futuras aplicacións- trouxo como consecuencia o gasto público e social (o que cubre as pensións e a sanidade, educación e servizos sociais) máis baixo da UE. Consecuencia: o seu coeficiente Gini – que mide as desigualdades de renda dun país- é o máis acentuado. Galicia e o estado español, gobernados durante décadas polo socialismo liberal e a dereita neoliberal, teñen tamén unhas grandes desigualdades e un gasto público social moi baixo que nos aproxima aos indicadores socialmente regresivos que xerou a ortodoxia neoliberal en Irlanda.

A pesar dos moitos exemplos positivos de experiencia democrática recente – nomeadamente dende a sociedade civil, naqueles eidos onde o corpo político non abdica da soberanía individual nen do dereito a decidir- é necesario sermos conscientes de que o reto do espazo público é un reto presente e que nunca poderemos considerar gañado definitivamente. Non é unha cuestión técnica nen un debate de expertos, é un debate de valores sociais e culturais: coexistencia ou falta de solidariedade, de xustiza e desigualdade social, igualdade cívica ou anomia ( estado de falta de obxetivos e perda de identidade, provocado polas intensas transformacións no mundo social moderno, e nídiamente visíbles no trato que lle damos ao espazo público, ás construccións e ao medio ambiente, cousas que afectan á sociedade como un todo e non só aos individuos isolados).

Ao cabo, saber cómo coidamos ao colectivo de persoas con falta de autonomía e aos vellos da tribu é un indicador de desenvolvemento dunha sociedade, da fundamentación das súas políticas sociais, da eticidade das súa prioridades.

A tentación de deixar o desenvolvemento das políticas de atención á terceira idade e dependencia á libre competencia e os valores económicos inmediatos do mercado é moi perigoso, xa que o espazo público é especialmente rendible en termos sociais, culturais e civís; senón tamén, a medio prazo, en termos políticos, de gobernanza e de econonmía, xerando atracción e creación de novas actividades, sempre que se corrixan os nesgos discriminatorios contra os colectivos máis vulnerables, neste caso contra a terceira idade. O que resulta altamente regresivo cando é a própria administración quen alenta esa sangría sen achegar máis alternativa ca súa externalización, sen aspirar a outra cousa que ir tirando mentras se perden espazos, prestacións e servizos públicos.

A xustificación do traslado do Centro de Maiores a un baixo comercial privado é significativa da deriva e pon as bases para externalizar algúns servizos públicos. Cómpre lembrar que o mesmo partido que agora goberna anunciaba hai uns meses, da mán dun dos seus rexedores que tamén é empresario, a inminente obertura dun Centro Xeriátrico Privado no Campo do Hospital como solución ás necesidades do colectivo da terceira idade. Agora, en pleno agosto, anúnciase o traslado dos servizos dun centro público a un local privado.

Políticas para un envellecemento activo, ou como facer socialmente rendibel un centro integral para a xente maior

Un dos argumentos que achega o grupo de goberno para xustificar ese traslado é o baixo uso das instalacións públicas actuais, ubicadas nunha planta do complexo sociocultural denominado Auditorio. Non deberíamos aceptar sen máis a opción do traslado sen antes preguntarnos polas políticas locais para un envellecemento activo xa que hai que partir da evidencia: espazo haino, é público e foi proxectado polo mesmo Alcalde malia as eivas do proxecto constructivo anteriormente relatadas. Se levaran esa lóxica ás súas últimas consecuencias terían que trasladar non poucos servizos públicos.

Portanto, cómpre afinar: existen políticas para un envellecemento activo que permitan a explotación e rendabilidade axeitada do espazo público existente antes de xustificar o seu traslado polo “baixo uso”?Fomentouse activamente ese “uso” ?

Sabemos que os paises nórdicos, cun rexime de benestar socialdemócrata, os gobernos locais teñen unha implicación máxima nos servizos á terceira idade , non só porque son case os únicos fornecedores de servizos para toda a poboación, senón porque teñen capacidade fiscal para financiar os recursos e decidir o uso. Na Europa continental as estruturas administrativas que xestionan os recursos sociais son heteroxénas. No estado español temos procesos de descentralización política e administrativa, se ben os concellos teñen pouca capacidade de decisión e de xestión en base á escasa proporción dos orzamentos públicos que xestionan de xeito autónomo. Os gobernos locais galegos obteñen recursos nomeadamente de transferencias do goberno autonómico e teñen suficiente autonomía como para aplicar políticas dinamizadoras que permitan un axeitado uso das instalacions existentes dende a participación cidadán e procurando sempre a suficiente capacitación técnica dos responsables. Acontece que esa transferencia de recursos atendeu todos estes anos ao sucursalismo e ás afinidades de partido e non ás necesidades da poboación e do territorio.

Virá a actual infrautilización do Centro de Maiores da ausencia de políticas para un envellecemento activo? Tiveron en contra outros factores que incidan no “baixo uso”? Cómo miden a rendabilidade social? Que indicadores están a utilizar?

Propostas

Velaquí algunhas estratexias e aspectos concretos para a xestión dunha política de envellecemento activo que podrían a facer rendibel a actual ubicación do Centro de Maiores:

1. Através da cultura e do lecer e a promoción de iniciativas culturais e educativas para xente maior.
2. Através do fomento o da participación e o protagonismo da xente maior na sociedade cedeiresa, incidindo na modificación dos valores dominantes de indivualismo insolidario.
3. A organización e coordinación de actividades interxeracionais
4. Consideración da participación da xente maior como un elemento clave, por tanto, a creación de consellos de participación ou sectorias a todos os niveis de goberno; é un aspecto que se torna esencial nas políticas locais .Xa que a participación pode fluctuar no tempo mesmo cando se tén en conta, cómpre ter presentes modos de pariticipación directa ou indirecta.
5. A incorporación do concepto de envellecemento activo ao discurso político e técnico e a necesidade de considerar o envellecemento como un proceso a longo de toda a vida, tendo en conta a formación das novas xeracións para que entendan que quer dicir envellecer e, en consecuencia, adopten actitudes e hábitos saudables;
6. A abordaxe do lecer activo como un mecanismo de prevención
7. Exploración da polivalencia e da especialización de funcións dos espazos públicos dispoñibles,etc.

Maximizar a rendabilidade social das actividades e os servizos prestados non é algo que se dé de vez e para sempre polo feito de dispor dun espazo. Deducir que ás persoas só lles interesa xogar ás cartas é un discurso ben pobre para quen ten a obriga de aplicar políticas de dinamización que entendan o lecer como oportunidade para desenvolver  políticas transversais (cultura, educación, saúde) . Chegar á plena ocupación do Centro para Maiores para acadar a máxima rendabilidade social e a eficacia no gasto implica darlle continuidade (persistencia!) ás políticas de envellecemento activo, a implicación de propostas de saúde, política social e terceira idade direccionadas todas a acadar os mesmo obxectivos.

-Obradoiros de alimentación e nutrición; obradoiros de cociña saudabel; obradoiros de animación terapéutica e animación sociocultural; obradoiros de lectura.
-Promover unha escola de ximnástica para maiores.
-Obradoiros interxerneracionais coa participación de diferentes sectores da poboación; miúdos, xoves e maiores.
-Obradoiros de habilidades sociais: técnicas de comunicación e habilidades informacionais, obradoiros de Memoria, autoestima, insomnio, risoteràpia, teatro, etc etc.
-Obradoiros de manualidades: modelaxe en arxila, pintura, patchwork, obradoiros de madeira,
-Cursos de formación: Aula de informática para maiores
-Cursos de idiomas: Aula de galego escrito para maiores,etc.

Chegáronse a impulsar accións positivas coma estas, en colaboración co tecido social e cultural do pobo, ou pensaron que con ofrecer un espazo xa abondaba?

Se a finalidade do traslado é obter a máxima eficiència dos recursos dispoñibles, podría significar que tamén se poida acadar eficiencia compartindo os recursos entre diferentes dispositivos públicos do concello ainda que teñan outros obxectivos: que utilidade teñen pensado darlle ao espazo público que acolle o Centro de Maiores cando sexa trasladado? Pensan deixalo baleiro?

A rendibilidade social non é o mesmo que rendabilidade económica. Comprometer orzamento en política social non é un gasto senón un investimento social que pode integrar políticas activas de educación e de saúde. Diagnosticar causas difusas como o baixo o uso dun equipamento ou a súa ubicación – da que é responsabel o actual alcalde- sen ter explorado primeiro políticas sociais dirixidas á xente maior é frívolo e pouco serio, a non ser que quen goberna pense que o equilibrio orzamentario ten máis peso que a rensabilidade social en plena crise e coas taxas de envellemento que temos en Cedeira. Cales son as políticas sociais direccionadas á terceira idade que viñeron aplicando nesta lexislatura ?

Se as causas do traslado son estrictamente económicas deberían informar á cidadanía do costo actual e do costo previsto, se esa tranferencia terá rendibilidade social a medio e longo prazo, e se o uso que farán co espazo público vacante xustifica pasar dun espazo público a un privado.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off