off
Cedeira, Política local — 1 Setembro, 2013 at 12:00 p.m.

Sobre o traslado do Centro de Maiores a un baixo privado da Praza Roxa [1]

by

A primeira versión deste texto foi publicada no blogue da Plataforma cívica Somos Cedeira o 28 Agosto 2013.

A decisión de trasladar en outubro o Centro de Maiores do edificio do Auditorio a un local privado situado na Praza Roxa xustifícao o Concello de Cedeira alegando o baixo uso do equipamento, a millor accesibilidade que ofrece para os seus usuarios porque disque pasaría “a ubicarse en el centro neurálgico de la villa”, suxerindo que a só ubicación fose por si mesma unha condición suficiente á marxe das políticas sociais que se aplicaran no que vai de lexislatura. A medida tivo a resposta inmediata -en forma de recollida de sinaturas en contra- dun colectivo cedeirés que ven falta de consistencia no traslado a un local privado porque “suporá un aumento dos gastos “na medida en que conleva o abandono dun espacio público para proceder a trasladarse a un baixo de propiedade privada que terá que ser financiado con diñeiro público”.

Breve crónica dun tempo perdido. O modelo Leopoldo

Algunha cousa falta na vila e a percepción que esta ten de si mesma. En Cedeira nunha houbo consenso entorno á construción da Cedeira democrática, unha carencia que constrasta vivamente co referente idealizado que teñen os propios veciños. Malia a actividade do movimento veciñal, nomeadamente da asociación de veciños de Cedeira nos anos 70, o discurso crítico non se consolidou até mediados dos oitenta concretándose en diversas alternativas á diagnose que advertía do perigo de manter a impostura social e cultural herdada do franquismo, o catecismo como psicograma, a chamada ao “sentido común popular”, visíbles no nomeamento de Leopoldo Rubido como alcalde e a forza da iniciativa e dos intereses privados que representaba en contraposición á debilidade dun proxecto global público da vila e terra. Cedeira é Galiza, e o demais xa o sabedes. Mais cómpre repasar as hemerotecas (boletíns municipais, La Voz, Olláparo, Litoral Norte…). O balanzo despois de 30 anos de maiorías absolutas case que continuadas de Lepoldo Rubido- agás a paréntese de dúas lexislaturas- non pode ser máis desasosegante.

O esquecemento histórico tampouco axuda. A política do esquecemento forma parte da estratexia de quen nos gobernou sen solución de continuidade até o punto de non sabermos interpretar o que temos á vista por moi evidente que sexa a súa disonancia. Poucos son os mozos e mozas que saben o aconteceu aquí durante a II República e despois. O que significou que nos anos vinte asociacións de emigrantes fomentaran a construcción de tres escolas rurais públicas. Que o golpe militar do 36 o mudara todo e que após trinta anos de democracia ainda poidamos escoitar sen nos ruborizar que “aquí mandan os de sempre”. Hai uns dias o Concello de Cedeira adxudicáballe un local á OJE. Este esquecemento soergue e beneficia ás forzas conservadoras. Un esquecemento que se tornou crónico que mesmo impide interpretar experiencias moito máis recentes realizadas con luz e taquígrafo nos plenos municipais.

O que aínda chama a atención é a doble vara de medir, o ilimitado creto do que ainda dispoñen algúns- malia ter diposto de moitas lexislaturas para dar e enmendar- e a permanente constrición que se lles pide a outros.

Os investimentos públicos realizados en todo este tempo foron errados dende a base e a un alto prezo xa que se viron afectados e comprometidos non só os cartos públicos senón o patrimonio e o seu potencial valor como activo de desenvolvemento. Sabíase que nacían eivados porque nunca houbo transparencia nen a base conceptual sólida que alicerzara unha planificación estratéxica baseada no coñecemento do medio, das necesidades sociais reais, do patrimonio e da historia; mais tampouco houbo debate público, nen iniciativas audaces inspiradas na innovación e na sustentabilidade, nen vontade de consenso arredor de proxectos de pobo. O investimento en equipamentos e infraestructura sempre tiveron a apariencia de responderen máis ao capricho e ao curtopracismo electoral que á planificación a medio e longo prazo. Á vista do cambio de ubicación do Centro de Maiores dun equipamento público a outro privado dá conta da baixa rendabilidade social e económica dos investimentos públicos realizados ao longo destes anos pois ese traslado está a ser agora promovido por quenes investiron cartos públicos hai pouco máis dunha década nunha instalación para ese fin e agora seica teñen tantas razóns inevitables como daquela para faceren todo o contrario.

Cómpre facer un repaso que nos permita ter unha perspectiva completa dende o punto de vista da eficacia dos investimentos públicos e dende o lado da cohesión social en materia de redistribución e igualdade acadada. Os exemplos atinxen áreas ben diferentes – o que non pode ser coincidencia e dá conta do tamaño do despropósito . Velaquí algúns casos de “utilidade pública” das intervencións realizadas polos gobernos da dereita:

“Polígono Industrial” da Xunqueira. O inexistente polígono industrial da Xunqueira (os empresarios alí ubicados non cheiraron ningunha subvención porque legalmente non existía) só serviu para estragar as Aceas, entullando as beiras do río e edificando sobre a gándara e o humidal do Condomiñas dende as Pontigas. Un outro polígono ben ubicado púidose facer no seu dia na época do Conselleiro de Industria Xoán Fernández, e que o actual Alcalde non foi quen de facer sen estragar patrimonio e medio. Pero non había previsión.

Mercado Municipal-Praza da Rectoral. A agresiva intervención na Praza Rectoral só serviu para enterrar un investimento de Industria nun mercado baixo terra que se sabía disfuncional e insalubre dende o inicio e que só serviu para desnaturalizar o espazo – a praza pública deixaba de ser praza, tornábase un espazo ateigado de mobiliario que non deixaba respirar os edificios da contorna- e que non servía funcionalmente para mercado dos productos da terra, nen como incentivo de actividade comercial da vila vella.

Concello de Cedeira. O edificio que acolle as instalacións administrativas do Concello de Cedeira foi unha intervención que sempre supeditou a funcionalidade ao estético: a rehabilitación de edificios para funcións diferentes á súa función orixinaria só está xustificada cando permite dar resposta á nova misión que é a súa razón de ser. Bonita intervención pero sen accesos axeitados, sen espazo útil para os funcionarios, para o arquivo, para a oposición e para a cidadanía.

A ridicula Sala de Exposicións “Ancora” (este bunquer xa foi adxetivado, fica pois sen comentarios, agás dicir que antinaron co nome)

A cementada do Paseo Marítimo, que á cidadanía pouco atenta lle pareceu do máis “in” , e que os nosos netos nunca nolo han de perdoar (intervención na zona dunar que acabou de estragar os últimos vestixios de salgadura, de arqueoloxía industrial conserveira, obviando e agochando a memoria do campo de represaliados ).

Auditorio e Centro de Maiores. O denominado Auditorio (o baixo) forma parte dun edificio en altura no que cada planta ia destinado a diferentes servizos sociais e culturais e, en concreto, que un andar fose adicado a centro para maiores xa que a súa propia ubicación viña condicionada por unha cesión de María Mediadora, comunidade relixiosa propietaria do predio. Por tanto,en orixe tratábase dun contentor de servizos socioculturais (un centro cívico) condicionado por esta cesión e acabaou sendo distribuido en varios andares o que obrigaba adicar parte do orzamento a estructura e cimentación e a incluir no proxecto un ascensor que facilitara a accesibilidade de usuarios que como a xente maior, presentan problemas de mobilidade.

Centrémonos no Centro de Maiores. O que antes non era impedimento para investir recursos nun edificio que se sabía pouco sustentabel tórnase agora principal argumento de quen o promocionou para abandonalo. O argumentario da dereita semella a dun goberno facéndose oposición a si mesmo. Unha corporación desmemoriada que goberna como se todos fósemos amnésicos e que actúa como se non asumiran as súa propias intervencións, o seu própio legado político. A estival proposta de traslado non é autocrítica, é negación da evidencia. Vólvese actuar seguindo o mesmo patrón. Como se os cartos saíran dos seus petos (700 euros ao mes só en alugueiro, e os costos de mantenemento?); do mesmo xeito que antes dediciron facer un complexo sen previsión de mantenimento e uso, agora deciden pagar un baixo privado. A ubicación -que obrigou a construir en altura- e a volumetría son factores altamente condicionantes.

O caso é que, ainda que non o semelle, o complexo de servizos socioculturais que integra o Auditorio e o Centro para Maiores naceron derrotados. Un proxecto persoal do Alcalde que houbo que parchear antes de inaugurar para que a desfeita non fose total. Coincideu coa imprevista chegada á cámara de Cedeira do bipartito liderado por Xoán Xosé Rodriguez. A ubicación obrigaba a unha distribución en altura – en varias plantas- e furar até atopar cimentos sólidos que como ben saben os cedeireses supón ter unha bomba de achique día e noite e durante a toda a vida útil do edificio. Velaí un gasto en mantenimento que se tería aforrado se o edificio tivera outra ubicación e unha distribución horizontal. Ademáis, o auditorio non tiña caixa e non servía para maior parte das representacións. Un servizo que nacía constrinxido, eivado na súa concepción (usos e usuarios), hipotecado na súa sustentabilidade futura.

Cómpre non esquecer tamén que o Centro Cívico que integra o Auditorio e o Centro de Maiores (que hoxe acolle servizos sociais e serve de local de ensaio da Banda de Música) foi concebido por Leopoldo Rubido a fume de carozo pola presión do BNG que viña a recoller así as vellas arelas e necesidades do tecido asociativo local.

O proxecto orixinal levaba de todo: Auditorio e cinema, cociña-comedor, estancia para vellos e enfermería, cuartos para residentes no sobrado; e non levou heliporto por que non se lles ocurreu pintalo no plano. O tema foi que o orzamento quedou curto, non se preveeu o chan no que ia edificado que era un areal cheo de auga e houbo que modificar o proxecto e facer uns muros-pantalla que costaron un Potosí. Pero con esa herdanza o bipartito liderado por Xoán Xosé Rodriguez non tivo outra que rematalo, tendo en conta que a Xunta e a Deputación negaron calquera axuda ao goberno nacionalista.

Cómpre lembrar que daquela se fixeron visitas á conselleira Corina Porro (daquela Directora Xeral de Servizos Sociais) que o único que ofreceu aos representantes cedeireses foi bicos de despedida malia tratarse dun equipamento que encetara o seu partido, o PP.

Daquela, como aínda hoxe, o miolo do asunto era o negocio entre constructoras e política (a empresa que fixo o Auditorio foi COPASA). Foi a moda do curtopracismo dirixido a gañar eleccións sen previsión nen estudo de sustentabilidade. Daquela, nomeadamente os gobernos do PP, metianse en obras faraónicas para gañar eleccións a catro anos; as constructoras poñíanse as botas e o pobo soberano a velas vir. O paroxismo desta política acadouno Fraga na inacabada Cidade da Cultura.

O que non se miraba era a racionalidade das obras nin o custo de mantemento. E agora chegamos ó que chegamos, que seica é máis económico alugar un baixiño por aí que manter o enxendro papa -orzamentos (calefacción, ascensores, limpeza, etc.).

Onde están os grupos de teatro locais, as exposicións, os coloquios, presentacións, os cine clubs…? Cal é a dinamización cultural da Vila? Cal é a sua rendabilidade social se non se perciben políticas que lle dén contido e xustifiquen así o seu mantenimento? Hai recadación impositiva para semellante custo?

Nunha vila en crise total -mar, madeira, o sector eólico (As Somozas), a construcción naval que non existe (Ferrol), a construcción e o sector terciario baixo mínimos…o legado da dereita substánciase en ben pouco; un “expolio” social e patrimonial do que non se fala dada a sú enorme regresividade e custo social. A pequena política só sirveu aos intereses particulares do momento malia o cúmulo de despropósitos e inutilidades percebidos.

O pior é que todo isto sabíano os “ben pensantes” da Vila ou a maioría: empresariños vidos a máis, industrialiños de taller e salarios de miseria, patróns de barco que se creian ricos e autosuficientes e por si acaso votaban aos de sempre, aínda que nos coarenta pasaran fame reghañada.

Vella é a estratexia mediática de argallar problemas para logo tirar do sombreiro solucións. Cedeira dispón dun espazo público para desenvolver diferentes servizos sociais e culturais e imos acabar aceptando como mal menor un baixiño particular “ben situado” sen termos reparado se no que vai de lexislatura se desenvolveron ou non políticas sociais para a terceira idade que lle tiraran proveito aos equipamentos dispoñíbeis ou se este é o primeiro paso para o desmantelamento dun servizo público. Estou certo dalgunhas cousas, e moi convencido de algunha, mais a decote preciso argumentos e procuro a coherencia no método (a dúbida é antítodo contra os que exixen incondicionalidade caricaturesta sen empatía nen autocrítica algunha), entendo aos indecisos e agradezo os matices. Sinto que amosar incerteza expoñendo dúbidas e inseguranzas razonabeis ( e razonantes) teña menos prestixio que amosarse vehemente e fervoroso, porque valoro as persoas que teñen honestidade de expresaren dúbidas en público,dende dentro, expoñéndose a xuizo (estar moi convencido de algo non é garante de fidelidade). E porque unha achega complexa, mesmo longa, tén máis opcións de ser intelixente ainda a risco de equivocarse que unha ollada simple e con prexuizos, con tañeiras. Na segunda parte, tentarei achegar algunhas propostas o vieiros de accións posibles.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off