off
Cedeira, Cultura, Ollo ao gato, ollo ao prato — 16 Agosto, 2013 at 08:37

Nosa Señora do Mare cando veu para Cedeira

por
Fotografia de portada: Willy

“Porque a verdadeira tradición non emana do pasado, nin está no presente, nin se albisca no porvir;non é serva do tempo. A tradición é a alma eterna de Galiza, que vive no instinto popular e nas entrañas graníticas do noso chan. A tradición non é a historia. A tradición é a eternidade”  Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

 

Fotografía: Willy

Cedeira cantou máis unha vez no seu dia grande, como remate da procesión da Patroa da vila no adro da igrexa de Santa María do Mar,  nada menos que a “Salve Marinera”. Nisto das tradicións moito se leva escrito pero pouco levamos  escoitado e lido sobre a suposta tradición de cantarlle á Virxe do Mar, non á do Carmo, senón á imaxe Cedeirense da “Nosa Señora do Mare” (na coñecida adaptación iconográfica da virxe do Carme mariñeira ideada polo escultor Xosé Rivas sen escapulario e vestida de azul) a “Salve” oficializada en castelán polo Ministerio de Mariña Española do Réxime Franquista en 1941 e impulsada xa dende unha Real Orde de 1901 que proclamaba á Virxe do Carme patroa da Mariña de Guerra. A obriga militar de cantar a Salve Marinera acabou sendo “adoptada” nalgunhas vilas costeiras.

A Salve Marinera e unha peza musical creada  de varias adaptacións duns versos de “El Molinero de Subiza” zarzuela estreada en Madrid a finais de 1870 [Música, Cristobal Oudrid e letra e arranxos  de Mariano Méndez Vigo, versión que acabou popularizándose durante o franquismo].

Despersonalización

Entanto Ribadeo engalanaba os balcóns con poemas de Rosalía no ano da conmemoración de 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a vila mariñeira de Cedeira penduraba nas fiestras e galerías bandeiras españolas na honra da  Nosa Señora do Mar con máis “ardor patriótico” cos propios madrileños que nos visitan. Unha festa mariñeira sen branco nen azul. Non izar a bandeira propia, iso de procurar o aplauso dos españois,todo un síntoma.

A qué vén tanta despersonalización? Que aconteceu para que esquencéramos aquela dignísima canción de noso que fala de traballos e de amores na flor da mañá? É asumibel tanta españolización dos símbolos? Non é a festa aquela data do calendario que racha co cotidianidade para reencontrarnos co que somos, coa nosa tradición, co que constitue a nosa identidade en cancións e alegrías, en palabras e en símbolos? Imos ter que pedir permiso para sermos “un poquito gallegos”? Tan pouco nos recoñecemos até o punto de cantarlle a unha virxe mariñeira en castellano de Castela?

Cedeira non é inmune  a tanta fábrica de despersonalización  por todo o país.  Quen non se recoñece négase a si mesmo calquera proxección no futuro pois non fai máis que imitar e reproducir o que sinte, ama e pensa con símbolos e  palabras alleas.

A tradición mariñeira

Conta a tradición mariñeira cedeirense dos moitos naufraxios e das penalidades que a xente do mar padeceu ao longo da historia desta vila, en cantas ocasións quedara afogada en  loito,  traxedias que afectaban a meirande parte das familias de pescadores. Fora polo 1916 cando rexía a freguesía de Santa María de Cedeira o cura Párroco Don José que procuraba beneficiar ás familias dos mariñeiros, mortos en  naufraxio. Empregara, din, vida e patrimonio  na axuda de viúvas e orfos daquela  xente de mar e tan obsesionado estaba con aquela causa que unha noite soñou que a Virxe María, baixaba do Ceo para recoller nos náufragos.

Contan que foi aquel soño o que o levou a viaxar a Compostela e alí acordar co aínda mozo  escultor Xosé Rivas Rodríguez que logo de escoitar o seu relato, argallou un esbozo que foi do agrado e asinou  contrato para tallar en madeira unha Virxe con Neno, vestida de azul… Foi en 1917 transportada dende Santiago ao porto da Coruña, onde estaba atracado o barco de vapor “Sotana”; a bordo del navegaron rumbo a Cedeira, na compaña doutros pesqueiros en procesión marítima. Ao chegar a Cedeira conta a tradición e canta o cantar popular que a baixaron “molladiña” na Praia das Sonreiras… e que ao ver a imaxe “toda Cedeira choraba”… Eu son mariñeiro, de Cedeira son, pesco dende a Meda até o mesmo Cabalón!

Se houbera realmente que cantarlle á imaxe que namorou a aqueles cedeirenses de principios do Século XX  dende logo sería o cantar popular  “Nosa Señora do Mare”  froito do inicio da tradición e non unha “Salve Cuarteleira”.

Máis que deberíamos procurar hoxe na tradición?. Un relato alicerzado na radicalidade democrática e na capacidade de relacionarse co pasado. Un relato de noso que nos axude a gañar en autoestima (que ninguén nola vai regalar!) e non un relato  fundamentado nas esencias éticas e estéticas dun réxime predemocrático.  Nós case-que mesmo cantaríamos:

“Nosa Señora do Mar, ai do Mar Nosa Señora
saíu hoxe a mariscar co pescador mar a fóra.
Saíu na flor da mañá, na branca lancha naseira,
os peixes cantando van naquel ronsel curricán pola ría de Cedeira.
E falar de amores, e falar de amor…”

 

…e rematou a procesión marítima e como se adiviñaran os nosos pensamentos,  ouvimos Falar de Amores.


10 Comentarios

  • Máis unha estrofa desa fonda e fermosa cantiga popular:

    “Nosa Señora do Mare
    mándanos o vento en popa
    que somos os de Cedeira
    traemos a vela rota.”

    Esta pequena crónica que nos achegades pon o dedo na chaga: a destrución do patrimonio histórico-cultural autóctono foi a consigna.

    Non me queda outra que repetir aquilo de “a min a música militar nunca me soubo levantar” (Brassens: a mala reputación).

    Algún día teremos que lamentar a persistencia duns -e a complicidade doutros- en manter esta actitude de aniquilación do acervo popular: cando o turismo, canso de encontrar en todas partes o mesmo, demande entornos con personalidade propia.
    Terán deixado algo, para daquela?

  • Unha idea que se tornou impensabel para nós, que non lle serviría nin a Platón nin aos constituintes franceses ou nortemericanos, é a de que o primeiro título para seleccionar a quenes son dignos de ocupar o poder sexa o feito de que desexan exercelo. Para o grego, porén, o bo goberno é aquel dos que non queren gobernar (os que non queren opter o poder para outra cousa). Mais tamén hai o poder real que os suxeitos exercemos de xeito afirmativo ou reactivo en cada un dos nosos actos cotiáns. Acho que é este aspecto ao que Labranha se refire moi acaidamente: a continuidade de memoria, o poder recoñecerse tendo poder. A democracia é iso, e non unha forma de constitución nen de sociedade. É un poder que non podemos tirar para desembarazarnos dele, denunciar a tiranía das maiorías ou a estupidez do gran bicho, ou mesmo a frivolidade dos cidadáns consumidores celebrando “la roja”.
    O escándalo cedeirés consiste simplemente en que xa non será doado procurar na comunidade política ningunha virtude innata de sociabilidade: o albergue cedido á OJE, a falta de contratas a artistas galegos na programación das festas, o permanente desleixo co patrimonio material e inmaterial e co idioma do país, as españolización…As oligarquías de sempre desviando de si própria á sociedade e ao próprio goberno !(quer dicer,a separación entre o exercizo de goberno e a representación da sociedade).Ao renunciar a todo iso renúnciase á posibilidade de reinterpretar a tradición de noso. Cal é o imaxinario colectivo (político!) que se transmite nos fogares en forma de arelas, sentimentos e expectativas?
    Malinterpretouse todo-tamén os chamados competentes- pois a democracia lonxe unha forma de vida de individuos consagrados á súa felicidade privada, é un proceso de loita contra esta privatización, o proceso de ampliación desa esfera. E ampliar a esfera pública non é como pretende o liberalismo, demandar o avanzo do Estado sobre a sociedade. Trátase máis ben de loitar contra un reparto do público e o privado que lle asegura á oligarquía unha dominación dobre: na administración e na sociedade.
    Cedeira non é inmune ao andazo xeral, temos unha esfera pública privatizada, reservada ao xogo das institucións e ao monopolio de quenes as fan andar. Acontece que, no noso caso, xa se produciu un proceso de substitución cultural, de aculturación. A aculturación relaciónase co mecanismo psicolóxico da fascinación: así como os “famosos” son fascinantes para os “anónimos”, as culturas potentes, con un Estado, fascinan ás máis febles en termos estructurais. É unha forma de alienación na que se sinten moi a gusto certas oligarquía nacionais e locais, de dereita e a esquerda, “a persistencia duns -e a complicidade doutros”.

  • Na lóxica interna do capitalismo encóntrase o mito do crecimento ilimitado da capacidade de consumo. Porén, hai outras maneiras de amar a vida: por exempro, limitar a dita capacidade consumista á prol da calidade do consumido.
    E non me estou a referir unicamente á calidade do produto final que chega a nós, que tamén, senón aos propios procesos se produción: respetuosos co medio-ambiente, co patrimonio histórico-cultural, e coas condicións d@s traballador@s que elaboran e/ou nos proporcionan os produtos.

    As crises periódicas, como a que nos toca vivir nestes anos, acreditan que estamos instalados nunha miraxe, nun espellismo autodestrutivo.

    A “Foliada de Cedeira” coa que este mesmo Olláparo nos agasalla, é un exempro dese vieiro alternativo que democraticamente podemos construír.

  • Gusto das dúas estrofas Antón, da tradicional, da de Brassens , tamén concordo coa da túa colleita… “lamentar a persistencia duns -e a complicidade doutros-” e
    Tamén celebro o texto de Gabo, unha reflexión necesaria, a “Foliada de Cedeira” de Antón,música, tradición e poesía tamén o Falar de Amores eo final da procesión do mar ou do NON SEI que encheu dende a Rúa Real a Vila de Cedeira no seu dia da xira…

    Falábamos hoxe na casa disto dos pregóns das festas e outras cousas e non è doado entender cal è a razón a estas alturas de que @s únicos artistas cedeirenses que foron finalistas dos Grammy (2002) tamén os únicos que eu coñezo que foron premiados como mellor grupo folk Europeo, os máis grandes embaixadores culturais da nosa vila aínda non foron convidados a dalo pregón das festas, falamos dos Cribeiro Galego, claro.
    Entérrase tódolos anos cartos en festas, pero nin miñoca para a música do país… Será cousa do demo?.

    Damos “fe” que aquí en OLLAPARO tamén recordaremos cando pasen “as festas” todo iso das tasas de desemprego. + gasto social – Festas

  • O sorprendente é que agora que estamos todos no galeguismo (non se trata de rebaixar plantexamentos, imos dicir que sí, ainda que sexa políticamente correcto), temos un grave problema social- Passolini dicia nos 70 que o atranco do cambio social é o consumismo, e non vou eu contradicir ao xenio italiano- visibel na discontinuidade da memoria.Certo é que temos creadores ben vizosos en todos os eidos mais a sociedade cedeiresa como sociedade galega que é precisa mestres, políticos, funcionarios,médicas, mariñeiros e empresarias con sentido lingüístico (e non só en termos ortográficos, que tamén). A nosa sociedade defronta un retos que semellan superiores á súa capacidade e non sermos capaces de articular un discurso de noso dende a escola é preocupante. Uniformizados en todos os aspectos, desorientados,sen proxectos utópicos e sen amor pola cultura(lembrémolo, a educación dos adultos). Xa non é que non transmitamos ben o idioma senón, en boa parte, a súa ausencia. O bonito segue a papar nas sardiñas, que siguen pingando pan, sen nos decatar.Entre os que pensan, dende un galeguismo de mínimos, que todo está feito e os que está todo por facer, entre os apocalípticos e os integrados, entre os utopicos e os posibilistas, entre o galeguismo integrador e o cualificado que esixe credencias, entre os comprometidos políticamente e os culturalistas pós-todo, percibo un ermo obturador, unha pasividade pouco edificante que non beneficia a ninguén.Madia leva, sí que beneficia, aos que queren darlle o golpe de gracia ao que queda. Todo moi paifoco e ultrasensibel, menos no esencial.Só subsiste o entretenimento banal. Novos ricos sen interese pola cultura.Europa non está moito millor mais non foron quen de facer os recortes en educación, investigación e cultura de aquí.

  • Á vosa Señora do Mare:
    Como sempre fun ateo e irreverente, e súdama moito a discusión de se a verdadeira Virxe do Mar é a Virxe do Carme ou a Virxe do Mar de Cedeira, paréceme unha tomadura de pelo perder o tempo nese debate ( as dúas son do Vaticano ).
    Cos problemas que hai no mar, e que alguns anden a clarexar cousas que ata o saben os de terra adentro, é unha falla de respeto total para os mariñeiros ( hai está o accidente o deste día ) e que aproveiten o tema para botarse piropos entre eles por citas alleas é verdadeiramente un insulto.
    De dous deses colaboradores non me extraña, non teñen relación con o “mare”, o que me preocupa é do outro que xa chegou ata o Gran Sol a pescar.
    Aí vai a miña versión da vosa Virxe do Mare:

    Vosa Señora do “Mare”
    cando veu para Cedeira,
    manchuose de chapapote
    no areal de Sonreiras.

    O barquiño que a trouxo,
    chamábanlle a Sotana
    para que cobrara o crego,
    o viaxe da “Paisana”.

    Eu son de Cedeira,
    de Cedeira son,
    vexo o chapapote
    dende a Meda ó Cabalón

  • Confundes allos con bugallos máis unha vez. Eu o chapapote recollino na Praia do Ancoradoiro en Muros, unhas boas toneladas, e o dereito a falar do mar, deza seis anos de pesca, agora penso en volver a ela. Non perdo un minuto. Até sempre, mellor até “nunca máis” meu caro amigo.

  • Se eu, según tí, confundo os allos cos bugallos, tí confúndelos cos carallos, porque “miudo carallo” é o rolliño de la “Save Marinera”, ou o da “Vosa Señora do Mare”, e que se utilice o Ollàparo, con este tema para darse autobombo, paréceme patético.
    Se ti apañaches o chapapote en Muros, eu apañeiño abaixo da Torre de Hércules, con a particularidade de que eu fun apañalo so. Cando saía de traballar ía tódalas tardes a apañalo ata que non se vía, o último día que o apañei foi o día de Noiteboa pola mañá, empecei ás 9 e cando me quixen poñer de pé, non podía do conxelado que estaba ( esas Navidades paseinas na cama por un gripazo, xamais se me ocorreu nunca poñelo como un mérito, como fas tí ).
    Se tí tes dereito a falar do “mare”, eu tamén, son fillo e neto de mariñeiros tamén fun ó mar con meu pai, incluso teño os títulos de Patrón de pesca e de mecánico naval, isto non o digo con presunción, xamais o puxen como bagaxe.¿ Teño dereito ou non a falar do “mare” ?
    Ata cando queiras rapaz, ou ata “Nunca Máis”, tanto me ten, como xa dixen teño título de Patrón de pesca, e sei navegar “só”, porque vale máis navegar só que mal acompañado ¿ non sí ?.
    Outra cousa, dille ó autor das editorias de ollaparo, sexa quen sexa , que os firme , os lectores teñen dereito a saber quen os escribe.

    • En diante, a redación de Olláparo resérvase o dereito de non admitir comentarios que empreguen a descalificación non fundamentada e o desprezo á toa ou aquelas entradas que rompendo o fío do debate fagan do argumento ad hominem unha fin en si mesma.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: