off
Política — 12 Agosto, 2013 at 9:41 a.m.

Persecución, multas e represión de Gobernos do PP a militantes do BNG

by
O polbo, Luís Seoane

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que, parello á aplicación das medidas agresivas dos gobernos do PP, nos últimos tempos estase a detectar a posta en marcha de accións de represión contra as persoas que lles fan fronte, nomeadamente, militantes da formación frontista. Os nacionalistas critican este xeito fascista que ten o Goberno do PP de resolver os conflitos sociais, con multas, presecución e represión, no canto de utilizar o diálogo e a negociación para chegar a solucións. Neste contexto, a Executiva Nacional do BNG amosa o seu apoio e solidariedade coa militancia nacionalista represaliada e multada por defender a coherencia. Estas persoas, sinala a Executiva Nacional, son un exemplo máis de que o BNG está co pobo que sofre, aí onde se lle precisa, sen complexos nin medo ás consecuencias. Deste xeito, a Executiva Nacional do BNG recoñécelles o seu traballo exemplar ás persoas militantes que sufriron a represión da dereita máis recalcitrante que goberna desde as distintas administracións. O BNG anuncia que lle pedirá explicacións ao Ministerio do Interior, a través das correspondentes iniciativas nas Cortes do Estado, polo uso da represión e do amedrentamento da Policía á hora de atallar as protestas lexítimas no caso de conflitos sociais. Ademais, volverá reclamar a dimisión do delegado do Goberno, Samuel Juárez, que ten especial querencia pola vía represiva e non polo diálogo. Pedirán, de novo, os nacionalistas a eliminación da Delegación do Goberno en Galiza, unha institución comecartos que non ten outra función que a de reprimir a cidadanía que lle fai fronte ás políticas de asfixia social do Partido Popular.

O BNG condena o uso da forza de coerción por parte de Goberno contra persoas que protestan contra medidas sociais moi inxustas, como os desafiuzamentos, a fraude das preferentes ou a reforma laboral, que teñen a súa raíz no apoio sen fisuras que os gobernos lle dan ao capitalismo financeiro e aos oligopolios. Sufriron a represión do PP:

– Francisco Jorquera (portavoz do BNG no Parlamento de Galiza) e Xosé Manuel Carril (portavoz do BNG no Concello da Coruña), denunciados xunto outros veciños e veciñas da Coruña por participaren nas mobilizacións cidadás que evitaron o desafiuzamento da octoxenaria Aurelia Rey.

– Néstor Rego e Saleta Chao, membros da Executiva Nacional do BNG, multados por participaren nas mobilizacións da última Folga Xeral. Recibiron recentemente as notificacións gobernamentais. – 6 militantes de Galiza Nova multados por participaren en mobilizacións estudantís, que se suman ás doutros 13 mozas e mozos.

– Afectados polas preferentes, algúns militantes do BNG, acusados de desordes graves. Activistas sindicais, algúns militantes do BNG, por participaren en diversos conflitos laborais na defensa do emprego.

One Comment

  1. Acontece en todas as administracións e contra a xente de esquerdas en xeral. Os do PSOE van zafando, pero se eres do BNG ou EU, tes o alento deles no pescozo, non importa que sexas un profesional, nin que fagas horas de máis acotío… Como un día falles no mínimo, se poden, devórante, e así, outro posto libre para algún inútil agradecido e obediente. Por iso a función pública nunca pode verse presionada polos que manden, perderían a independencia e o cidadán notaríao moito.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off