off
Cedeira, Movementos sociais, Xente — 15 Xullo, 2013 at 8:29 p.m.

“Josechu de Brocos” For Ever

by

Propoño comezar unha serie de capítulos de lembranzas e aportes de fotografías sobre Xosé Antón Brocos Iglesias a tod@ aquela e aquel que teña gardado algo que lembrarmos del. A vida de Xosé Antón Brocos Iglesias para nós “Josechu” ben merece un esforzo de vontade por repoñer coa súa lembranza a quen foi un Cedeirense de pro. Que mellor lugar que dende o voceiro que el fundou e embicou, o Ollaparo.

En moitas ocasións os recordos chaman a engano, mesmo historias familiares de manidas acaban confluíndo en certezas que novelan a realidade acontecida. Tod@s nós buscamos algunha vez na fotografía ou atopamos sen pretendelo algunha lembranza que aquel instante recollido nunha imaxe dun tempo detido semellara despertar nunha fervenza de recordos.  Non teño instantes hoxe de Josechu detidos nun papel. A verdade é que nos inicios da Sociedade Cultural Chirlateira naqueles tempos analóxicos a fotografía xunto co diñeiro era posibelmente as nosas carencias máis salientábeis. Josechu era puro xenio e empuxe, creo recordar que foi a finais dos anos oitenta cando el estudaba bioloxía en Compostela. Josechu era daquela un dos motores da Sociedade Cultural xunto a Vicente Loureiro, teimudos eles lograban que grandes xenios da escrita ou da pintura do país achegaran o seu aporte a revista cultural Olláparo voceiro da sociedade. Josechu era puro xenio e empuxe…  Traballaba eu na pesca co meu “vello” no Ria de Cedeira naquel tempo cando ao regreso de faena de levantalo aparello, pasada a perpendicular coas baixas do “meixón” e do “sarnoso” que determinan a entrada navegando dende vendaval foi cando vimos esparexidas unhas bolas vermellas aboiando ao devalo entre o espigón, as baixas de Media Mar e a punta da Robaleira.  Unha chalana ao lonxe cun tripulante parecía observalas; non semellaban aparellos de malla, nin palangres… eran boias ceibes de ataduras.  Ao achegármonos s vin na chalana a Josechu aos remos, que polo que se evidenciaba xa chegara de Compostela. Cando nos atopabamos na súa altura dinlle a benvida e pregunteille que era o que lle fervía nos miolos de novo para ceibar daquel xeito tanta boia sen atar… contestoume que xa estaba a recollelas e que xa me contaría en terra.

Díxome: Quedamos coa tropa pola tarde, vale! como dicía el as cousas, con autoridade.  Josechu aquel dia estaba a estudar as correntes da ría, chegara da facultade e xa estaba aplicando o aprendido, o que lle fervía nos miolos era eviscerar os misterios que a ciencia si sabía explicar, sempre coa ollada posta en Cedeira, en Galiza, no progreso e no ben común, foran moitas as loitas que xurdiran da súa paixón cedeiresa, a procura de información seria á cidadanía sobre as opacidades da “Casa con su Historial”, así foi como sempre lle chamou Gelo do Moure ao “Consistorio” aínda que Josechu naquel tempo nunca usaria esa palabra tan de moda como é cidadanía, cidadáns eran os das cidades, nós eramos viláns e aldeáns coa testa erguida, cidadán era un termo que usaría para falar das revolucións burguesas decimonónicas, sería case unha renuncia, el sempre chamou pobo ao pobo.  Josechu non tiña o perfil de estudante dos tempos actuais, era habitual velo ao chegar de Compostela axudando a pai e irmáns nas manobras propias do oficio da pesca, nos embarques das nasas do polbo no barco da familia cando aínda non existía o peirao novo. O “Campe” era a mascota da familia, un pastor alemán moi listo que moitas madrugadas os acompañaba á rampla do porto cando saían a faenar, teño visto en moitas ocasións ao can tirarse ao mar na súa procura ao velos partir na chalana rumbo á galga onde fondeaban o barco, era un can moi mariñeiro e moi apegado aos seus.

Nun curso de buceo

Con Josechu fixen equipa no batel Xuvenil do Club de Remo de Cedeira, vogaba de proeiro namentres eu ocupaba praza de segundo popel. So recordalo sinto a súa voz empuxando entre o sons do roncar dos estrobos, el amaba o remo tanto como o mar.  Na tempada que participou na directiva do histórico Club de Remo de Cedeira xurdiu a organización do Campionato de España de Bateis do ano 1988, do seu xenio sumado ao conxunto de moitos esforzos voluntarios daquel Club saíron aquelas históricas xornadas deportivas, quen non recorda aquela final gañada por Zierbana, ou o fermoso vogar da tripulación sénior da Cabana que ocupara a terceira praza.

 Vari@s fomos os que dalgún xeito optamos por dar o paso da actividade socio cultural e galeguista ao activismo político, xuntos dimos o paso á militancia activa no Bloque Nacionalista Galego de Cedeira e xunto a el e outr@s compañeiros vivín a Asemblea Nacional de Carballiño, fora Leopoldo Rubido xa daquela quen “ao seu xeito” nos convencera da necesidade de pasar a acción política moito máis incluso que as nosas lecturas do Sempre en Galiza ou do Manifesto Marxista e da historia da fame. Con el pechámonos ao remate do famoso pleno no que o eterno rexedor lle negou copia do Plan Urbanístico a oposición, fóramos desaloxados pola garda civil. Recén chegado de Santiago xa ordenaba asemblea, era raro o dia que non nos botara a real bronca a tod@s, a pregunta acusatoria era sempre, que fora o que fixeramos na súa ausencia, a resposta tamén nola daba ao remate do relatorio das nosas coartadas, a resposta era que había que traballar máis, que había que traballar mellor, el era un líder, un home de esquerdas e un patriota galego e así aínda hoxe é que o consideramos. 

Foran varias as veces que me insistiu en que debía regresar ao activismo cultural e ao combate político sen logralo, queimado como eu quedara da intensidade daquel tempo após a AN de Carballiño, deixara a militancia e enguedellárame na formación do grupo de rock Os Reboiras que era daquela un soño de revolución overdrive que eclipsaba a acción política local… despois chegou o deserto, a miña tempada no Gran Sol e a canda ela a inxusta morte que nolo levou un  5 de novembro do 98.

 

Desfeita da Praza do Peixe (Ponte da Porcada)

Hoxe corren tempos de saqueo e farsa, de globalización, de economía especulativa e recentralización, de venda de Galiza por parcelas, do roubo do aforro dos galegos de demolición do idioma, da cultura, do patrimonio natural e histórico; de un regreso ao pasado gris do adoutrinamento, de moitas dificultades impostas para rescatar aos que nos meteron neste inferno, recurtes, paro e senvergonzas, corsarios sen límite do século XXI… Os tempos non son chegados aínda e máis que nunca precisamos de brazos que queiran vogar para achegalos. Sei que hoxe poño a man no lume e non a queimo a que Josechu non so estaría aquí nesta xanela contándonos as súas teimas senón que sería probablemente quen máis se desvelaría por sacar Olláparo adiante, moi probabelmente sería fundador da plataforma SomosCedeira e impulsor na defensa dunha solución para a Praia da Madalena, é máis estou convencido de que lideraría a loita contra a “Lonxa da Porcada” logo de ter saído del a campaña contra a decisión do goberno de Leopoldo de construir a Ponte Nova de Cedeira e a súa rampla de acceso xusto derriba da histórica Praza do Peixe, do Peirao vello da vella Cedeira. Ponte que el bautizou como “Ponte da Porcada”, até propuxo trazado alternativo pero o mesmo Alcalde que destruíu a Fonte da Marieta foi o mesmo que enterrou o porto histórico de Cedeira en Cemento e alcatrán, o mesmo que tivo a feliz idea de emprazar o único ” Polígono Industrial” do que é impulsor, no filtro natural que son as xunqueiras do Rio Condomiñas. 

  A dia de hoxe estamos a padecer a pior época dende a dictadura, o corrupto e incompetente Partido Popular goberna en Hespaña, Galiza e Cedeira. Sei que el nunca nos fallaría nesta etapa, nós tampouco lle imos fallar desta volta porque dende o inicio da nova andaina os Olláparos levamos a súa memoria moi presente. Nunca te esqueceremos.

7 Comments

  1. Creo que por encima de todo, era una gran persona. Lo recuerdo bien.
    Yo fui su alumno con 13 años en 1997-98 en barallobre. Llegó sin hacer ruido y en tan solo un curso, el que nos estuvo impartiendo ciencias y dibujo, hizo cosas increíbles, no solamente despertarnos el interés por el estudio, sino una gran labor en la revista, así como en la decoración del muro del aparcamiento, que aún está 20 años después.
    Tal era el cariño que le teníamos, que no dudamos en ir en muchos buses nos su triste despedida. Luego quedó fijado el nombre “A mocidade coa língua Memorial Xosé Antón Brocos” para el festival anual que se organizaba. Quiero mandarle un abrazo a su familia y amigos, y que sepan que muchísimas personas aún lo recuerdan con gran cariño.

  2. Non hai un día que non me acorde de Josechu.
    O valeiro que deixou foi tremendo.

  3. Ola Antón sempre é unha alegría atoparte por aquí. Josechu é un referente e non é por ir de místico pero dame a sensación de que o seu espíritu planea sobre a Praia daMagdalena. Hoxe eu teño a sorte de contar con outr@s compas e referente vivos, un apreza moito a quen quere construir e demostra mais paixón pola verdade e o progreso que polo marco partidario. Para mín o máis grande e esquecido hoxe é Gabo Beceiro, a homenaxe que se merece ei de darlla eu cando chegue.

  4. Anton P. Cribeiro

    Excelente semblanza de Xosé Anton (o de Josechu foi na vila ata a Universidade). Coincidimos nos estudos e na vida. Temos fotos dende nenos na escola ata a de enriba no curso de mergullo profesional, con Diego e Abelardo ao meu lado, e Josechu sentado. Sen dúbida, hoxe estaría empurrando nas teimas ainda pendentes dende fai 20 anos. A razón rematará por ter razón, meu amigo. A cuestión é non rendirse nunca. Parabens Fernado, moi bo.

  5. Son eu claro

  6. Preme e flipa

    Ola Juan, como foi?… Pois Leopoldo é unha persoa que nas distancias curtas é unha persoa educada e con sentido do humor pero ten un xeito de entender a democracia moi particular dado que a profesión pola que optou foi a de “formador de espíritu nacional” aínda que a que exerceu SEMPRE foi a de político profesional que é o mesmo que ser un vividor da política. Fíxate que sempre que regresa a alcaldia o tratamento de alcalde pasa a ser excelentísimo alcalde. Imaxino que na infancia cuartelaria da dictadura flipou coas batallitas parafascistas da época e se fixo devoto de Santa España del Caudillo porque o seu comportamento en democracia sempre foi exercer o SEU poder intentando destruir ao contrario, imaxínate a nós naquela época na que flipabamos máis co mundo cultural e nos identificábamos máis co Partido Galeguista histórico que co nacionalismo galego emerxente, el non quería nada diso, quería continuar o pasado: Non Democracia.. Maquinou durante toda aquel tempo con destruirnos. Chegamos a facer moitas actividades, festivais folk no que se nos deixou sen palco do concello e foi o de Cariño o que se portou. Nunca nos deu subvención algunha iso que eramos a asociación máis activa e con máis socios da vila. Celebrabamos dous dias de antroido e todo o faciamos nós (até miña nai fíxonos até as rosquiñas que repartiamos gratis xunto ao viño). Viviamos na nosa vila, non é como cando militas nunha cidade, tes que dar a cara e expoñerte e non son moitos os que están sempre no allo polo tanto unha vez que te identificas xa eres inimigo e Todo vale para Leopoldo e para o PP para anularte, eles así como teñen a súa rede de favores tamén saben como amargarche a vida si lles molestas, familiarmente, laboralmente, etc
    Leopoldo si garda as esencias, pero as do réxime… Serán unhos incompetentes, caciques e corsarios pero o que si saben é gañar eleccións, outro dia cóntoche como teñen montado o chiringuito pois cando chegan as campañas danlle moita importancia a controlar as listas de electores, téñennos fichados a cada un de nós. Non perden nin ao parchís… facendo ghatadas

    Por certo aínda hoxe en montañas non moi lonxanas a aqueles compañeiros ou simpatizantes do BNG que se queren presentar a unhas elecciòns son advertidos telefónicamente… despois de recibir a mensaxe e moi posíbel que algún veciño lles diga na rúa aquilo de “TODOLOSPOLITICOSONIGUALES”

  7. Juan Bellas

    A verdade é que Josechu daría, non para un libro biográfico, senón para unha enciclopedia enteira, moi a pesar de ver truncada tan cedo a súa vida.

    Chámame a atención o que comentas de “fora Leopoldo Rubido xa daquela quen «ao seu xeito» nos convencera da necesidade de pasar a acción política moito máis incluso que as nosas lecturas do Sempre en Galiza ou do Manifesto Marxista e da historia da fame.” ¿Cómo foi realmente?

    Saúdos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off