off
Movementos sociais, Traballo — 4 Xullo, 2013 at 8:23 p.m.

A CIG denuncia a nulidade política da Xunta para abordar o problema da carga de traballo en Navantia

by
CC BY-SA CIG

A sección sindical da CIG en Navantia vén de manifestar en comunicado que a reunión mantida no día de hoxe co Conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galiza, pon en relevo á nulidade política coa que está a abordar o problema da carga de traballo no asteleiro. Segundo informou a central sindical, evidenciouse que non hai ningún avance nin no tema do Dique Flotante, xa que se non se lles deu a coñecer ningunha xestión ante a Unión Europea, tampouco no tema dos Buques de apoio a Plataformas para PEMEX (os famosos floteis), nos que a Xunta pasou de ter o papel de “gran facedor” a un papeliño de observador das xestións entre Navantia e PEMEX, e moito menos na defensa do levantamento do veto e as restricións á construción naval civil.
Para a CIG amosouse a incapacidade da Xunta na defensa dos estaleiros da Ría de Ferrol ante o Goberno de Madrid, que contrasta coas accións que outras administracións están a desenvolver noutras latitudes e que poderían favorecer a contratación de 4 buques para Repsol.

Semella que, mentres outras administracións se están a mobilizar aquí a Xunta está a facer unha política continuista do discurso do Goberno central, xustificando toda a súa acción na posta de 5 millóns para a construción do Dique, pero non presionando ao Goberno para que se aprobe a súa construción.

A CIG aproveitou a reunión para denunciar ante o Conselleiro o desleixo de Xunta na defensa do Sector Naval galego, que se concreta no abandono do desensenvolvimento lexislativo da Lei do Naval de Galicia, aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego. Un desenrolo que tería que efectivizar a entrada da Xunta no Consello de administración de Navantia, o que lle posibilitaría estar na toma de decisións que lle afectan a Ría de Ferrol. Tamén parece que se esqueceron da súa promesa da elaboración dun plan para o naval da Ría, incumprimento que tamén foi recordado pola CIG, e tampouco se falou de apoios dende a Consellaría nin a Área de Reparacións nin á Fábrica de Turbinas. Somente se anunciou a posibilidade de hipotéticas subvencións en I+D+I.
En fin, mália non consideraren a reunión como decepcionante, xa que nada ou ben pouco se agardaba, para o sindicato galego a solución pasa básicamente pola consecución inmediata de carga de traballo, para o que cumpre unha maior autonomía na xestións dos Centros, e aquí onde a Xunta, de ter vontade política, si que tería moito que dicir.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off