off
Cedeira, Historia — 3 Xullo, 2013 at 9:46 a.m.

Un 2 de Xullo de 1747

by
Fortificación da Concepción, s.XVIII

Conta no traballo “El Castillo de la Concepción” o noso cronista local Rafael Usero, que tal dia como hoxe, un 2 de Xullo de 1747 mais de corenta bergantíns procedentes de Biscaia cargados de madeira, cal, ferro e outros materiais para o Arsenal do Ferrol, víranse obrigados a desviar o rumbo e arribar á Ría de Cedeira. Non tardou en sumárselles unha fragata francesa de 12 canons avistada en alta mar por barcos ingleses –dous paquebotes corsarios e unha fragata de 30 canóns- esta puxo proa á presa a toda vela tamén, rumbo á entrada da pequena ría cedeirense procurando un refuxio aparentemente seguro pero que axiña se tornaría nunha trampa sen manobra posíbel para aquela flota mercante, tras deles, á caza, os navíos ingleses internáronse na ría e nin o medio cento de proxectís dos catro canóns do forte da Casa da Vela da punta do Sarridal , nin as defensas da fragata francesa ou dos corenta bergantíns daquel convoi que partira de Biscaia rumbo ao Arsenal Ferrolán, nada puideron facer… pouco tempo despois fragata e bergantíns non eran outra cousa que corenta lumaradas ou mais no medio da ría da vila e terra de Cedeira. Conta un dos documentos do século XVIII estudado polo cronista local, ademais dun escrito do fidalgo natural da parroquia de Régoa de nome Plácido Montojo, que os habitantes de Cedeira fixéranlle fronte aos ingleses que non quedando satisfeitos con ter reducido a quilla e cinzas aquela flota mercante puxeron pé en terra con malas intencións, con ánimo de facer mal, saquear, incendiar, matar e arrebatar o seu botín. Foran rexeitados pola poboación local quedando xente e vila sans e salvos protexidos tras das murallas da Vila, non sendo consignado nos libros parroquiais falecemento algún naquel dia de ningún cedeirense, aínda que si existe unha partida de defunción na parroquia de Esteiro dun asturiano morto violentamente polos británicos.

Vista area do Porto de Cedeira

A todo isto uns vinte ingleses tras desembarcar na Praia das Sonreiras e subindo ás agachadas pola costa sorprenderon aos defensores da batería da Casa da Vela na punta do Sarridal cunha descarga de fusís, os defensores da batería coa pólvora esgotada na contenda naval, fuxiron a lume de carozo.Libre xa de toda defensa e a falta de outro botín de guerra mais proveitoso foron saquear a pequena capela de Santo Antón do Corbeiro, roupa de igrexa, obxectos de misar e a arrastrada levaron a imaxe de San Antonio de Padua abandonando a ría despois da desfeita, levando ao Santo Antón de Padua colgado polo pescozo do trinquete dun daqueles navíos corsarios. Aqueles acontecementos do 2 de Xullo de 1747 foron considerados con insistencia no documento do S.XVIII como de “rebato e insulto” deixando un pouso de xenreira na vila que precipitou a necesidade xa histórica reclama da mellora da defensa da ría coa construción en tempo marca da fortaleza da Concepción. Foron os propios cedeirenses presos do medo os que construíron aquela fortaleza en tempo marca. A finais daquel mesmo ano de 1747 rematou a construción daquel baluarte defensivo. O verdadeiro inimigo da paz e do abastecemento era a rancia monarquía borbónica absolutista e déspota asentada no secaño mesetario, a mesma que eliminou os «fueros e privilexios» dos antigos reinos peninsulares, enleada en múltiples conxuras, tramas e conflitos que expoñían as vidas e facendas daquelas humildes xentes do litoral atlántico ao saqueo, tamén ao bloqueo comercial.

Repetíase a historia do século anterior cando aínda non fora abolida a Xunta do Reino de Galicia polos borbóns e esta reclamaba teimosamente a demanda dos galegos do litoral decididos loitar polo dereito a crear a súa propia armada de defensa ante o abandono por parte das autoridades da monarquía borbónica e o seu exercito imperial e que participaba na Guerra de Sucesión Austríaca causa do ataque na ría, entre outras cousas pola aspiración de Isabel de Farnesio viúva Felipe V de recuperar territorios italianos e colocar aos seus fillos como príncipes de estados satélites Así ante tal abandono institucional e co medo metido no corpo, o pobo de Cedeira decidira construír a súa propia fortaleza cos seus propios medios. Deu as trazas do edificio o capitán de fragata Domingo Antonio Pérez, o traballo foi cousa do pobo que contaba con só uns 580 habitantes e moi poucos medios. O baluarte da Concepción rematouse poucos meses despois do ataque inglés, en decembro de 1747. Tamén quedou documentado o trato e recoñecemento que a monarquía borbónica lle deu ao esforzado, insultado e desprotexido pobo da vila de Cedeira: Decembro de 1747…”por D.Francisco Antonio García de Lores, xuíz e xustiza ordinaria da vila e xurisdición de Cedeira. Discorreuse facer una batería preto daquela vila e para a súa fábrica precisouse aos vasalos concorresen como o fixeron, así no traballo como na condución dos materiais, nos que lles ocupou algún meses con bastante desfalco e prexuízo das súas casas e familias. E non contento con isto despois fixo comparto de “crecida” suma de marabedís en todos os mais vasalos. E como non puidesen soportar tanto cargo e gravame, maiormente comprendendo así aos nobres como aos plebeos, sen distinción de estados e circunstancias”.

One Comment

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off