off
Cedeira, Ecoloxía, Fotografía — 7 Xuño, 2013 at 10:49 a.m.

Cabalos lindos. Unha reportaxe fotográfica da xuntanza cabalar

by

Ver gallopar cabalos na praia pón o corpo en pé máis alá da lameira da austeridade. Nada que ver coa paisaxe torrefacta de corpos  debruzados na area os meses de verán.

[wzslider autoplay=”true” transition=”‘flash'” info=”true” lightbox=”true”]

A emoción

Ver gallopar cabalos na praia pón o corpo en pé máis alá da lameira da austeridade. Nada que ver coa paisaxe torrefacta de corpos  debruzados na area os meses de verán. E eu lémbrome de “O home tranquilo”. Unha nutritiva saudade do azul. En The Quiet Man (1952) o director  John Ford rodaba unha mítica e ben divertida carreira de cabalos nos areais de Innisfree, Irlanda.  Sean Thornton (John Wayne) cenificaba así o regreso do director a terra dos seus devanceiros.  Un home derrotado  que voltaba  á terra nai sabendo que o éxito non é máis absoluto do que o fracaso. A mestría de Ford mergúllanos nunha paisaxe habitada por personaxes auténticos onde a vida decorre cun alento de ensoñación e misterio entre regatos, brañas  e turbeiras (móin). Porén, o suposto conservadurismo de Ford amosábanos atraveso da ficción e dunha paisaxe idealizada, unha proposta transformadora na que o presente non aparecía como inevitabel e que ninguén ousaría adxectivar nunca como decadente ou provinciano senón como digno  e cheo de sentido. O que semella un conto anacrónico producto da saudade de  Ford, tórnase nas súas máns nun exercizo  de optimismo fundamentado que alenta a mudanza sen esquecer as vellas palabras da tribu.  Lonxe dos desertos do far west, os cabalos lindos tiñan a súa presenza nun filme  que nos fala das vellas historias irlandesas e dun mundo feito de carne e oso. De paisaxe vizosa e de amor polos cabalos. Porque neste filme os carros tirados por cabalos lévanos dun lado para o outro como mensaxeiros da palabra  que todo o reconcilia, parecendo simbolizar o idílico convivio de católicos, militantes do IRA e protestantes. Os cabalos  lindos son a emoción do que perdura. Un tamén sinte unha gorentosa saudade das verdadeiras historias, as da grande pantalla do Tres de Oros, a emoción dunha carreira a cabalo nos filmes de John Ford. Cabalos de resistencia, cando aínda conservabamos un pouso de inocencia.

Equus caballus

Desde cando se fan carreiras de cabalos en Cedeira? E digo eu que dende que hai cabalos, sen dúbida. Non con moito entusiasmo, certo é. Non o sabemos. Mais facer do areal un hipódromo tén un aceno madrugueiro e fordiano que nos gusta, sen caixóns de saída nen estereotipos.   Vermos gallopar cabalos lindos no azul  co Burneira e o faro da Robaleira ao fondo,  alenta a imaxinación, chámanos a non claudicar e a non  interpretar o presente como inevitabel. Por iso precisamos  relatos e as súas interpretacións, para carregar xuntos as baterías do maxín.

Vermos gallopar cabalos lindos no azul  co Burneira e o faro da Robaleira ao fondo,  alenta a imaxinación, chámanos a non claudicar, a non  interpretar o presente como inevitabel

As poboacións de équidos  na Galiza aparecen reflectidos en diversos xacementos de 2500 a.C. ao 2000 a.C onde o  Equus caballus,  cabalo celta de pequeno tamaño, aparece montado xunto a  poldriños e guerreiros. O Equus caballus é recoñecida como a raza equina autóctona de Galicia. Outros xeitos de chamarlle ás bestas de noso son cabalo galego de monte, cabalo galaico, poni galego, faca galiciana, faca galega ou cabalo do país.

…facer do areal un hipódromo tén un aceno madrugueiro e fordiano que nos gusta, sen caixóns de saída nen estereotipos

Nos cordais  e pradarías o cabalo galego foi explotado dende a antigüidade  en mandas e como animal de combate. Pouco a pouco foi atopando o seu lugar nos labores da terra. Hogano, o cabalo de pura raza galega está en perigo de extinción. A Asociación Pura Raza Cabalo Galego está a tentar recuperar esta raza en retroceso atraveso dun libro de rexistro xenealóxico  que garanta a orixe dos exemplares para unha axeitada identificación. A Xuntanza Cabalar de Cedeira serve a ese obxectivo ao incorporar a categoría “de país” nas provas regulares. Parabéns.

Texto: GB

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: