off
Editorial, Livros — 23 Abril, 2013 at 10:22 a.m.

O día do libro dá para explicarmos onde é que estamos

by

O Dia internacional do libro sempre dá para amosar os desequilibrios do noso sistema de lectura  e o fracaso normalizador do idioma,  que o 45,6 dos cidadáns do país non abren nunca un libro e que o galego é a lingua habitual de lectura só para o 5,5 por cento (serán os pobos que len os que escriben a súa história?). Ao que se ben sumar este ano o preocupante aumento das taxas de fracaso escolar. A produción literaria galega está infrarepresentada nos medios de comunicación e sobrerepresentada segundo os parámetros de lectura que temos no país. Se alguén quiser tomarlle o pulso ao país a partires dos seus medios de comunicación tradicionais atoparía un país desleixado e apático. Se o fixer a partires do novos medios e da nube, e de boa parte da produción literaria de noso, acharía un país vizoso e vibrante a pesares das incertezas, do cambio ao  paradigma dixital e dos recortes (a can fraco, todo son pulgas).

A porcentaxe en 2011 dos títulos en galego sobre o total nas editoriais privadas  de Galiza é dun 73,6% .  En 2011, as editoriais privadas  tiñan  13.994 títulos vivos  dos que 10.708 corresponden a títulos vivos en galego, é dicir,  o 76,5% do catálogo total (Informe edición 2011, Xunta de Galicia). Mais acontece que esa porcentaxe depende do libro de texto e do libro paraescolar (dicionarios, literatura xuvenil). Velaí o desaxuste, temos un país explicado por medios maiormente alleos á produción  editorial de noso malia termos un sector editorial arriscado (malia continuar alleo ao mercado lusófono),   aberto ao impacto transformador dos novos formatos de edición e distribución dixital e que semella estar a resistir mália a redución nas vendas e na facturación, sendo o sector educativo o que alicerza a súa viabilidade. O presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, vén de lembrar en Europa Press que, desde 2009  a facturación reduciuse un 19,23%, criticando a “dura política de recortes” en materia de libro e lectura dos últimos anos. En Galiza as vendas acumulan baixada de vendas respeito ao conxunto do estado español.

Nese período a edición baixou un 28,8%  (de editar 4.754 títulos en 2010 pasouse a 3.384 en 2011). Se en Europa o sector editorial é a primeira industria cultural, en Galiza a Xunta teima en dicir que non, que non cómpre incentivar o consumo cultural de noso nen o seu potencial estratéxico mentres que en Madrid e Cataluña, que concentran o 60% da edición,  aumentou  o número de títulos e no conxunto do estado segue a medrar nun 2,1%, até os 116.851 títulos. Para o mesmo perído, a edición en galego diminuíu 16,3% (2.130 títulos). Para termos unha idea do peso estratéxico desta industrial cultural, o estudo do comercio interior calculou en 21,43 millóns de euros a facturación do libro editado en galego en 2011 polas editoras da Asociación Galega de Editores (21,98 millóns de euros en 2007,  último dato dispoñibel)

A resposta da adminisitración do país é recuar en normalización  ou que non se merquen libros para as bibliotecas públicas mália o caracter estratéxico da industria do libro e a situación crítica das librarias. Segundo datos da própria Xunta, a evolución dende 2007 é de  descenso do número de empregados de algo máis do 25%.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off