off
Historia, Xente — 16 Abril, 2013 at 7:41 a.m.

Cae a mesa, cae a artesa cae o rei coa súa ghrandesa [3]

by

Obdulia e o seu home Pedro foran meus tíos avós, e vivían canda a nós no camiño real da Praia da Magdalena xa a finais dos anos sesenta do século pasado. Sentada na súa cadeira ao pé do lume da cociña económica na casa de San Isidro enleábanos en lembranzas de tempos vividos ou antigas lendas de mouros meigas e escapados ou nos misterios de vellos trabalinguas…  Contou Obdulia a lenda da bondadosa Xenoveva de Bravante que acosada e falsamente acusada fora condenada a morte, perdoada polo seu verdugo vivira repudiada xunto ao seu fillo nunha cova dunha fraga alimentados por unha corza e pola natureza.

Obdulia situaba o conto moi lonxe para min, tan neno eu daquela, na Europa do Norte; eu preguntáballe: Europa queda mais lonxe que a Franza?, este país formaba parte da miña xeografía comprensíbel, tiña familia vivindo aló, ademais cando miraba dende a xanela da cociña sabía que montando o coto do monte que hai derriba da Agrochail a Cordobelas, alí era onde estaba Franza. Máis tamén xa aprendera do home de Obdulia, Pedro de Monteiro que en montando a entrada da ría e abrindo o mar procurando rumbo na rosa dos ventos, estaban a Illa de Cuba, Nova Orleans, Tanger ou Oran. Cando meus irmáns mais nenos andaban coa choreira, Obdulia sentábaos nas súas pernas, e facíalles erguer a man tirando de cada dedo por orde cantando:

Dedín dedín do teu burrequín cando o rei por aquí pasou moitas aves convidou menos unha que quedou, chirlo, merlo vai deitar á casiña de Xan Rei, cae a mesa cae a artesa cae o rei coa súa ghrandesa”.

Non sei de onde sacara o conto de Xenoveva de Bravante Obdulia, mailo cantar infantil seméllame pouso do tempo vivido… Tería ela trinta e poucos anos cando Alfonso XIII ‘el Africano’ tivera que fuxir con ataque de diarrea tralas eleccións municipais do 14 abril de 1931, estas foran tomadas como plebiscito, monarquía ou república? aquel pobo explotado e farto decidira con xenio votar pola II República Española que era o mesmo que botar fora ao borbón na procura dun tempo novo. A pinga final que fixo rebordar o vaso e levou ao fin da Monarquía fora a Guerra de Marrocos , O pobo alcumaba a rei Alfonso “O Africano” pois fixera diñeiro coa Guerra do Rif, tanto el como o que despois fora coa súa colaboración o ditador Primo de Rivera, ámbolos dous fixeran cartos como propietarios de empresas de subministros militares, ademais era un accionista moi principal da Sociedade Española de Minas del Rif, xunto o duque de Tovar, o marqués de Comillas, o Conde de Romanones ou o lugués Clemente Fernández González que ademais exercía de conselleiro delegado.

Alfonso XIII soubo rodearse de financeiros e sinvergonzas especuladores da época, dunha aristocracia económica como o grupo do Banco Hispano Colonial (marqués de Comillas ou conde de Güell), o Banesto (Pablo Garnica e o marqués de Cortina), Banco de Vizcaya (Enrique Ocharán e o marqués de Arriluce), así como do marqués de Urquijo, presidente do Banco Urquijo; eles vivían na prosperidade engordando coa neutralidade deshonesta do abastecemento aos países atorados na enxurrada das frontes en conflito da I Guerra Mundial. 

Primo de Rivera e Alfonso XIII

  A España “neutral” do rei borbón exportaba por igual aquel ferro a ambos bandos con pingües beneficios para os seus socios das Minas do Rif. O ferro do Rif entre 1914 e 1918 serviu para alimentar a I Guerra Mundial así como entre 1936 e 1940 a Guerra Civil Española.

Pedro de Monteiro o home de obdulia fixera cando menos tres anos de servizo obrigatorio na mariña do exercito colonial alfonsino nos tempos da Guerra de Marrocos e da Gran Guerra Europea, patrullando polo Mediterráneo no cruceiro acoirazado Princesa de Asturias,daquela o maior pirata do Mediterráneo era Juan March (o que foi fundador da Banca March, ou da Transmediterránea) era contrabandista de tabaco e armas, veuse involucrado en incidente internacional por dar subministros a submarinos austríacos que operaban no Mediterráneo occidental, traficou con fusiles Mauser e millóns de cartuchos co líder rifeño Abd el-Krim enfrontado ao exército español, tamén foi un dos mecenas do golpe de 1936 e do bando franquista na Guerra Civil. Patrullaban facendo a vista gorda aos submarinos alemáns, estes avituallábanse nos portos españois, na desembocadura do Ebro do xeito mais cínico, á vista da xente xunto a Tortosa, o barón de Rolland, actuaba no porto de Barcelona co maior descaro como provedor de brancos para os canóns dos submarinos xermanos. Cada semana torpedeaban dentro das aguas españolas buques franceses e ingleses, dedicados ao comercio e até vapores correo que ían ou viñan de Arxelia, todo isto acontecía co coñecemento e consentimento do borbón “Africano” , todo isto acontecía namentres El-Rei escenificaba para a sociedade, na procura de tapar a súas miserias, a comedia da fundación da Oficina Pro-cautivos, namentres se lle negaba aos feridos da resistencia rifeña a axuda humanitaria da cruz vermella. Das funestas minas de Uixán cabe imaxinar que tanto as armas do exercito de ocupación colonial alfonsino como os fusís de segunda man que recibía Abd el-Krim foran fundidos a partir do ferro espoliado daquela mesma terra na que tanto perdían a vida os rifeños como os mozos mobilizados da península.

 O borbón fora posto a caer dun burro na prensa e nas prazas, fora mirado con lupa pola xustiza por andar enleado en asociación ilícita, xogo ilegal, estafa, malversación, prevaricación ou falsidade documental entre outras aflicións deportivas. Moit@s foron os que fixeron causa común contra a ocupación militar do territorio marroquí, contra a impunidade e a barbarie da monarquía colonial, verbo da galega Sofia Casanova entre tant@s, Sofia fora correspondente de Guerra en Polonia no ano 1917 e xa se manifestara tomando partido nas súas crónicas contra a guerra do Rif dun  pacifista e anti-bélico, postura coa que coincidían millóns de cidadáns, estou certo de que Pedro e Obdulia estaría da cordo tamén con ela.

O estado español foi unha das primeiras potencias a empregar armas químicas

Alfonso o Africano fora responsábel dun desastre militar dúas décadas despois do de 1898, esta vez en Annual en 1921 onde sacrificara doce mil soldados en quince dias, a indignación cidadá fora monumental, até o punto de que fixo dimitir a tres gobernos, o Expediente Picasso foi o nome do informe redactado polo xeneral de división Juan Picasso González en relación ao acontecido na Comandancia Xeneral de Melilla nos meses de xullo e agosto de 1921. Tirando do fío xurdiu unha gran infección de tráfico de influenzas entre a administración civil, as oligarquías financeiras e a oficialidade do exército colonial alfonsino que chegaba moi, moi alto. Antes de que este se debatera no Pleno das Cortes, o xeneral Miguel Primo de Rivera deu un golpe de Estado o 13 de setembro de 1923 coa conivencia do seu socio de asuntos militares o rei borbón e impuxeron unha ditadura inspirada no fascismo de Mussolini, quixéronlle lavar a caspa militar, monarca e ditadura, ao seu enxendro coa conivencia da UGT que colaborou co réxime militar para que a historia chamara ditabranda a aquela ditadura militar que fixo pechar xornais como o Galicia dirixido por Valentín Paz Andrade. A crise de 1917, as folgas revolucionarias, o nacionalismo catalán, o sindicalismo militar non fixeran mais que apurar a descomposición do réxime corrupto, o desastre de Annual fora o detonador da indignación popular, a cidadanía pedía responsabilidades, pero Alfonso e os militares africanistas optaron pola vinganza, España comprou gas mostaza a franceses e alemáns e preparou a ofensiva tóxica nos cuarteis de Melilla, naquel mesmo ano El-rei Alfonso XIII o “monarca liberal” manda construír a fábrica de Armas Químicas de La Marañosa, instituto de investigación militar que aínda hoxe investiga con armas químicas, nucleares e bacteriolóxicas (NBQ) en Madrid.

O Exército español gaseou zocos, casas, campos de cultivo, pozos de auga ou lugares de reunión… os ataques de 1924, foran pioneiros no bombardeo con gas mostaza desde avións, o gas utilizado nestes ataques fora producido pola Fábrica Nacional de Produtos Químicos da Marañosa, preto de Madrid; e que se construíu coa axuda do goberno alemán.

 Obdulia e Pedro viviran aquel acontecemento histórico no que o borbón deitouse rei un 13 de abril de 1931 e o 14 quedaba proclamada a República.  Ás nove da noite unha comitiva de tres coches abandonaba o Palacio de Oriente rumbo a Cartaxena. Partindo pouco despois das catro da madrugada no cruceiro Príncipe Alfonso, ao desembarcar en Marsella dixo: «Será una tormenta que pasará rapidamente», viviu os seus dez anos de exilio a corpo de rei gastando ao redor de cincocentos millóns de pesetas ao ano en viaxes, hoteis, restaurantes de luxo, caprichos ou nas fastuosas vodas dos seus fillos. Daquel diñeiro manchado de sangue inocente aínda saíron dous millóns de libras para financiar o golpe fascista de 1936, coincidindo na mesma causa co contrabandista de tabaco e armas Juan March que foi quen pagou o aluguer do Dragon Rapide, avión que trasladou a Francisco Franco dende Canarias a Marrocos a fin de tomar o mando do Exército de África. March puxo a disposición dos sublevados 600 millóns de pesetas e financiou a primeira ponte aéreo militar da historia, polo que se trasladaron de África a Sevilla as unidades mediante avións alemáns. En Galicia fora o Banco Pastor o mecenas, beneficiado posteriormente polo réxime.
 
Non, non foi así como o contaban Pedro e Obdulia, non tiñan tanta información, pero gardaban os recordos coa honestidade de ser fieles aos acontecementos vividos, non pasaran pola lavadora xeracional posterior do franquismo, do adoutrinamento na imposición da fe e da farsa histórica dunha España irreal aprendida nas escolas de adoutrinamento na formación do espíritu nacional, amansada a súa capacidade crítica no medo e na ignorancia.  O certo é que Obdulia e Pedro deberon vivir a partida de Alfonso XIII “el Africano” coa mesma ledicia e sensación de esperanza dun tempo novo que a maioría da cidadanía indignada do seu tempo, quen tivera hoxe aquela oportunidade de escoitar aínda aquelas referencia vividas, máis ese pouso aínda permanece nos meus recordos deles e na capacidade de asombro e de procura da verdade histórica que despertaron en min aqueles contos fabulosos e terríbeis do tempo vivido, aquelas vellas lendas e trabalinguas cheas de tradición oral:

Cando o rei por aquí pasou moitas aves convidou menos unha que quedou, chirlo, merlo vai deitar á casiña de Xan Rei… cae a mesa cae a artesa cae o rei coa súa ghrandesa”

 

 

 

 

3 Comments

  1. Eu creo que a estas alturas do século XXI e despois dunha historia chea de bucles en espiral é hora da cidadanía. Moita hora

  2. Antom Labranha

    Está ok, Fernando.
    Achego unha frase que recibín nun e-mail hai pouco e que, aínda que ía referida aos escraches, creo que ven ao caso:

    “Cando a alcaldes, conselleiros, ministros, presidentes e reis se lles sube o poder á cabeza e cren de si propios que son os amos, convén lembrarlles que son apenas contratados, asalariados da cidadanía para xestionaren os asuntos públicos e resolveren os problemas que houber na colectividade”.

  3. Arrhash (veleno)
    Armas Químicas na Guerra do Rif

    http://www.arrhash.com/

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off