off
Política local — 29 Marzo, 2013 at 7:43 a.m.

Propostas dende a responsabilidade

by

As veciñas e veciños que formamos parte do BNG de Cedeira, cun historial de acción social e política con erros,  mais tamén con acertos alicerzados nun compromiso inequívoco e permanente cando, moito antes da crise, xa tiñamos diagnosticado quen era e segue a ser o adversario político e ideolóxico e facer política dende posicionamentos de esquerda nacional non era  precisamente doado, estamos a ollar cara o futuro dende o presente e sen renegar do pasado, mais asumíndoo crítica e responsablemente. Polo camiño fomos pasando moitos compañeiros e compañeiras sinceiros e honestos, que non todo é trapallada e non tod@ somos iguais por moito que a dereita tente impoñer esa visión deturpada da realidade.  Estamos a redefinir o noso  compromiso nun intre no que o bipartidismo estatal está a  poñer tañeiras á actuación do sector público, coordenadas propias do centralismo español que subsume a realidade galega á española mália as diferenzas que nos son propias, mentras a sociedade ve como as inxustizas son flagrantes e descobrimos día a día a grande mentira dos oligopolios e da pouca redistribución do poder que padecemos. Esa diferenza precisa  propostas de acción de noso que procuren a afortalar as medidas conxuntas  e a acción unitaria do pobo de Cedeira  nun intre de desfeita sociolaboral agravada por un marco normativo alleo á nosa realidade e que está a afectar especialmente ao veciños e veciñas con menos recursos. Sería totalmente suicida teimar en posturas personalistas e no curtopracismo, esa vella política da dereita feita para agradar  e da que tanto lle costa despegarse pois non ve na cidadanía máis ca  clientela. Aquí achego un feixe de propostas que vimos de presentar no Pleno do día 27 de marzo:

1.De apoio ás persoas sen emprego

No pasado pleno, dende o grupo municipal do BNG denunciamos a falta de iniciativa do grupo de goberno para levar adiante medidas encamiñadas a ofrecer algún tipo de alternativa ao conxunto de persoas, veciños e veciñas nosos, que se atopan neste momento sen emprego. Polo que agora o grupo municipal do BNG solicitou do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte acordo a realizar  a través dos servizos sociais un estudo-informe da situación real do noso Concello no que se refire á xente sen emprego e a aquela que non está a percibir ningún tipo de ingreso. Unha vez que se teñan estes datos elaborar un plan de acción no que se teñan en conta as seguintes propostas:

1.Desenvolvemento de cursos de formación remunerados enfocados a solventar as necesidades curriculares ou de coñecementos das persoas ás que vaian dirixidos.

2.Xestión por parte do Concello de “hortas sociais”, parcelas de particulares que estean interesados no seu aluguer a un prezo simbólico para a súa explotación por parte de persoas con poucos recursos.Creación dun banco de alimentos.

3.Posta en marcha de “cooperativas de consumo”, é dicir establecer acordos por exemplo cos supermercados da Vila de xeito que se consigan rebaixas de prezos por facer compras en conxunto.

4.Publicitar e xestionar dende o Concello as “famosas”axudas a emprendedores.

2.O Anteproxecto de Lei de racionalización e sustentabilidade na administración local induce á supresión, de prestacións e servizos públicos básicos polos concello

O Anteproxecto de Lei de racionalización e sustentabilidade na administración local, aprobado recentemente polo Goberno central, aborda unha fonda regulación do réxime local e pretende mudar de xeito substancial o papel dos concellos, cun maior impacto nos de menor tamaño, que son ampla maioría en Galiza. A devandita proposta legal inspírase -segundo a súa propia exposición de motivos- na aplicación do principio de estabilidade orzamentaria, na versión regulada na reforma constitucional “exprés” pactada polo bipartidismo estatal, que implica un ríxido límite á actuación do sector público, ao situar a contención do gasto público por riba da atención ás necesidades sociais que deben  atender as administracións na súa función de redistribuidoras da renda e da riqueza. A intención prioritaria desta reforma do réxime local é reducir e adelgazar o ámbito de actuación dos concellos, cun recorte severo dos servizos que prestan, aínda que disfrazado do eufemismo“evitar duplicidades”. Non hai unha verdadeira intención diso, nin de racionalizar, pois quen sae reforzada nesta reforma é a institución provincial que é o ente máis prescindíbel do entramado institucional actual. Porén, introdúcense mecanismos que abocarán ao deterioro, e mesmo supresión, de prestacións e servizos públicos básicos polos concellos, afectando directamente á veciñanza, sobre todo ás persoas con menos recursos. Ademais, esta reforma reforza o centralismo, pois deseña un réxime xurídico e organizativo homoxéneo á maioría dos concellos galegos cos do resto do Estado, a pesar das fondas diferenzas en canto ao modelo de asentamento e organización territorial. Desde o nacionalismo galego sempre se tivo unha visión crítica coa articulación legal e administrativa local, por ser allea á realidade de Galiza, tanto nas dinámicas sociais como pola tendencia á uniformación cos entes locais do resto do Estado, cando as realidades territoriais son diferentes. Agora péchase calquera posibilidade de que Galiza deseñe un mapa local acaído á súa realidade. Por todo isto, o grupo municipal do BNG  solicitou do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte acordo que estamos a presentar en todo o país direccionado a:

1.Instar ao Goberno do Estado a:

 a)Retirar o Anteproxecto de Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local.

b)Instar a unha reforma constitucional que suprima as deputacións

c) Presentar un plan de financiamento dos concellos, que lles permita custear os servizos públicos locais.

d) Instar a unha reforma do réxime local que deixe en mans das Comunidades Autónomas unha ampla marxe de regulación sobre a organización, as funcións e competencias das entidades locais, a fin de adaptar o mapa local á realidade de cada territorio co obxectivo de racionalizar o mapa institucional en coherencia cun aproveitamento e administración eficaz dos recursos públicos

2.Enviar este acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, Presidente do Goberno do Estado, grupos parlamentares no Parlamento galego e Congreso, Senado,FEGAMP e FEMP.

3. Nova subida na peaxe da A9

O pasado 1 de Xaneiro entraba en vigor, logo da autorización feita polo Ministerio de Fomento a finais de ano, unha nova subida na peaxe da A9; sendo a cuarta subida que se produce na mesma no período de doce meses.Hai que lembrar aquí que, efectivamente, o Ministerio aprobaba a finais do mes de xullo do pasado ano un incremento do 7,5%, ao que se viña a engadir a aplicación da subida do IVE no mes de Setembro. Todo isto, sen esquecer que xa se tiña feito unha actualización do IPC que tivo como resultado unha suba do 3,29% no pasado ano 2012. Con todos estes incrementos do prezo a peaxe da A9 situúase nun nível práticamente inasumíbel para a maioría da cidadanía; xa que o custo do traxecto entre A Coruña e Vigo superá os 15 euros, mentras que o traxecto entre Ferrol e a fronteira de Tui –o percorrido completo da A9- achégase na prática aos 20 euros. Estamos a falar, pois, dunha das autoestradas máis caras do Estado e que, como se tén posto de manifesto en numerosas ocasións, leva o engadido o feito de non contar cun Programa de Descontos, a semellanza do que acontece noutras autopistas do Estado. Os constantes incrementos dos prezos das peaxes – reiteramos que foron catro o pasado ano – nun contexto de grave crise económica, levan irremediábelmente á redución de usuarios da autopista. En troques, a utilización das estradas alternativas – nun estado deteriorado – levan a atascos e colapsos, ao non poder absorber o tráfico.

A incidencia desta situación – para o conxunto da poboación pero, nomeadamente, para os transportistas – na nosa comarca é maior aínda, xa que ao agravamento da crise e maior desemprego – co progresivo deterioro económico que leva consigo – hai que engadir o feito de non contarmos con vias alternativas en condicións. Por outra banda, os tramos de Miño a Cabanas e de Cabanas a Fene – que poderían actuar como alivio aos atascos que se producen na estrada convencional – resultan dos máis caros con relación á súa lonxitude. A vista dos feitos expostos, desde o BNG entendemos que os concellos da comarca deberan de fixar unha estratexia común na defensa do conxunto das veciñas e veciños, para o que propomos a adopción dos seguintes acordos:

1.- Manifestar o rexeitamento da corporación á recente suba das peaxes na A9, polo impacto negativo que representa na xa deteriorada economía da comarca.

 2.- Esixir do Ministerio de Fomento a urxente revisión da política de peaxes, que camiñe na dirección de rebaixar os custes das mesmas; nomeadamente na actual situación de grave crise.

 3.- Solicitar a supresión da peaxe no tramo da A9 que vai de Miño a Fene.

 4.- Demandar a urxente construción dun novo enlace da A9 no Polígono do Vidrieiro-Pontedeume

4. Sobre o novo copago nos comedores escolares

O pasado día 12, deste mes de marzo, o goberno do PP na Xunta de Galiza deu a coñecer un novo recorte no dereito á educación dos galegos e galegas cunha medida que afecta directamente ao alumnado do noso país. O goberno do PP anuncia a ampliación do copago do servizo de comedor escolar.Esta decisión carga sobre as precarias economías das familias a obriga de facer fronte ao pago dunha parte importante deste servizo. Un servizo necesario para garantir un dereito fundamental como é o Dereito á Educación que, con esta imposición do goberno do PP, vén a deteriorar o ensino público no que respecta ao servizo de comedores escolares.

Esta actuación do goberno do PP na Xunta de Galiza evidencia a súa despreocupación polo ensino público, provocando o seu deterioro polos sucesivos recortes dos últimos anos: recortes no número de profesores e profesoras; recortes nos orzamentos dos centros; recortes nas axudas para libros, nas axudas para bibliotecas, atrasos nas transferencias económicas para comedores escolares, recorte no servizo de comedores, empeoramento das condicións socio-laborais do profesorado, recortes nos servizos de normalización lingüística e unha longa cadea de despropósitos que deterioran un servizo público básico da sociedade. Pola contra, todos estes recortes no ensino público contrastan cos 240 millóns de subvención ao ensino concertado, cos 3 millóns de euros de subvención para centros que segregan ao alumnado por razón de xénero e que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal. Por todo isto, o grupo municipal de Cedeira do BNG solictou do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte acordo:

1.Instar á Xunta de Galiza a non estabelecer un novo copago no servizo de comedores escolares.

2.Demandar da Xunta de Galiza velar polo dereito á educación, garantindo un servizo de comedor escolar de calidade para o alumnado que o necesite.

3.Instar á Xunta de Galiza a ampliar o servizo de comedor gratuíto ao alumnado con poucos recursos económicos do ensino infantil e de primaria.

 

 é portavoz municipal do BNG no Concello de Cedeira

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off