off
Ciencia, Meio ambiente — 25 Marzo, 2013 at 7:46 p.m.

Praia da Madalena:pensar amodo, actuar axiña[2]

by

1.Análise local e global da situación da praia


Areal e vila de Cedeira ao fondo.Foto:A.C

Na primeira parte fixemos un breve percorrido polo pasado, coa fin de achegarnos a como foi medrando Cedeira e, deste xeito, comprender mellor a problemática presente da praia. Decatámonos que o areal foi o espazo máis afectado, xa que a urbanización do pobo tivo lugar directamente enrriba del, aspecto que, curiosamente, apenas se cita cando se opina das posibles causas. Emporiso, abonda dar unha volta pola bibliografía técnica sobre xestión e erosión de praias e dunas para ollar que se atribúe como causa fundamental do deterioro á súa ocupación física ao rachar coa dinámica natural.

…temos que engadir o impacto causado polo dique de abrigo, obra imprescindibel para a seguridade da flota, pero que, como todos os diques, ten a súa afección na contorna, ao frear a ondaxe, pois para iso se fan.

Alén das consecuencias directas de erixir un pobo sobre unha praia, temos que engadir o impacto causado polo dique de abrigo, obra imprescindibel para a seguridade da flota, pero que, como todos os diques, ten a súa afección na contorna, ao frear a ondaxe, pois para iso se fan. Son tantos os factores que inflúen –correntes, ventos, orientación, perfil, batimetría…- que non se pode extrapolar o acontecido nun porto a outro. Por exemplo, mentres en Foz houberon de facer varios diques para ir correxindo o impacto do inicial sobre a frecha da ría, en Espasante estáse a producir un gran acúmulo de area no interior dun dique que nen sequera protexe á flota.

Detalle do noiro. Foto:A.C

O segundo impacto ven dado por mor de ter reducida a apertura orixinal da enseada nun 40%, alterando a dinámica das masas de auga. Compre ter en conta que da punta do espigón a Robaleira atravesan por termo medio máis de 2 millóns de metros cúbicos de auga cada seis horas, co réxime mareal. Este volume, variable segundo estemos preto dos equinoccios ou nos solsticios, topa cun obstáculo na saída pola cara norte que antes non tiña.

Tamén é importante subliñar que na baixamar a enseada queda con moi pouca auga, polo que a taxa de renovación é enorme, probablemente do 100% diario, o que determina o seu carácter oceánico e a calidade das augas.

Así, temos identificados os dous principais axentes antropóxenos que están a influir na dinámica actual da ría e praia: a urbanización do areal e o dique de abrigo. Mágoa que ambolos dous tiveron lugar ao mesmo tempo, pois como curiosidade científica sería moi interesante coñecer qué tería acontecido si se fixera o espigón sen tocar o areal como estaba a mediados de século, cunha importante reserva dunar, e inversamente, qué pasaría si non houbera dique de abrigo e se colonizara todo o areal como se fixo. Ou que pasaría coa flota e coa praia si os recentes ciclóns de formación súpeta entraran na enseada sen dique de abrigo.

 1.1.Factores globais que influiron recentemente
Panorámica do areal.Foto: A.C

Até o de agora falamos de evolución urbana pero non dos cambios relevantes que están a acontecer, dos cales o home ten grande parte de culpa, si ben neste caso a nivel mundial. Estou a falar do quencemento global.

Segundo o investigadores dos efectos do cambio climático en Galiza, CLIGAL1, xa estamos a aturar manifestacións que ninguén discute. Non fai falla ser experto en nada para decatarse dos cambios estacionais, das significativas alteracións na temperatura (desde os 70 ven subindo 0,5 graos por ano), do aumento do nivel do mar en dez centímetros nos derradeiros cincuenta anos e subindo… Todo isto vése nas alteracións fenolóxicas (floracións, reproduccións, maduracións…), así como no aumento na frecuencia e intensidade dos temporais.

Moitos nos lembramos do ciclón Hortensia, en outubro de 1984. Pois ben, no que vai de século XXI padecimos moitas máis cicloxéneses que en varias décadas anteriores. Algunhas, como Klaus (2009), con picos de ventos furacanados moi superiores a Hortensia, e outras como Becky (2010) que sen tanto vento trouxeron un mar con ondas excepcionalmente grandes que foron quén de derrubar o dique de Cariño e danar seriamente o de Cedeira.

Talude e declive lonxitudinal. Foto: A.C

Con todo, o aspecto invernal da praia da Magadalena é froito de varios factores estacionais, pero fundamentalmente da acción do mar de fondo de baixa enerxía pero que traballa acotío, onde se mesturan -incluso ao mesmo tempo- trens de ondas constructivas (aporte) con destructivas (retirada), dando un balance invernal negativo que non se vé recuperado no verán. Obviamente, os grandes temporais como os citados promoven a destrucción, causando un grande impacto en poucas horas, pero quén realmente fai o traballo é o mar de fondo do día a día.

Así, por un conxunto de circunstancias, todas elas antropóxenas, locais ou globais, chegamos á realidade dos ultimos anos: a praia precisa axuda. Incluso as tendencias do CLIGAL que sinalan cara un progresivo aumento de nivel deben servir para motivarnos xa á procura de solucións de amortecemento nas que o balance custe-durabilidade sexa o mellor posible. Solución permanente non a hai, pero sí infinidade de posibilidades máis eficaces que aportar áridos.

2.Xestión dos procesos erosivos na Praia da Magdalena


 Entrado o século XXI, con toda a boa fé do mundo que eu desde logo non poño en dúbida, diferentes colectivos e gobernos municipais amosaron a súa preocupación á Demarcación de Costas, autoridade competente. Ésta, xa en 2001, acometeu unha gran intervención que consistíu no dagrado de area, sobre todo procedente da zona sublitoral preto do pericoto, despositándoa na zona supralitoral –na zona da area seca-, apilonando así un montón de area como nunca tanta houbo tan preto da beira. Logo, en setembro, fixéronse plantacións ao longo da zona dunar alta, e agardouse a ver que pasaba cando viñera o mal tempo. E veu.

Veu e levou todo. Emporiso, a pesar dos resultados nefastos, a aventura de aportar area repitíuse varios anos, pero invariablemente cada inverno o mar tiraba con todo, coa area, e cos cartos.

Paredón. Foto: A.C

O mar de inverno traballa sen presa pero sen pausa. Coa chegada dos primeiros temporais, atopábase de fronte con pilóns de area moi por riba do nivel da mareas altas máximas, pero traballando pola base, miudiño, ás poucas semanas a praia voltaba ao nivel mareal natural, pois é o mar o que define ese nivel e non o home, deixando na zona alta un noiro tan grande e perigoso como a altura do pilón de area que se botaba cada vez. Entre mar e vento, a area espallábase pola enseada e tamén cara espazos concretos, como a desembocadura do Condomiñas, como sempre fixo pero agora en moita cantidade artificial.

Resulta evidente que a interpretación dun sistema caótico como é o caso é moi complexa, máis do que semella á primeira ollada. Pero isto non quere dicir que sea igualmente complicado atopar solucións amortecedoras. No longo proceso de documentación deste tema botei en falta referencias á bibliografía técnica extranxeira, incluso lendo recentes e preocupantes declaracións de técnicos, xa fora pola lixeireza deles ou de quén redactou os artigos, aspecto que descoñezo.

Compre decatarse que o que acontece en Cedeira non é un feito illado, senón que os procesos erosivos en sistemas praias/dunas son un problema que se da en moitos lugares do mundo. Ún deles é Escocia.

A Scottish Natural Heritage editou “A guide to managing coastal erosion in beach/dune systems”2. Nela, e nos doutros organismos internacionais afirmase que, dado o carácter dinámico das praias, pasan por períodos de balance positivo de area e outros negativo, polo que solucións definitivas non as hai. Pero esto non quere dicir que non se poida facer nada. Todo ao contrario. Existen multitude de alternativas que compre considerar.

Galería de imaxes e gráficos

[wzslider autoplay=”true”]

 

Este organismos salientan que cada praia require dun estudo pormenorizado e persoalizado, xa que medidas eficaces nunha non teñen porque selo noutra. Máis aínda, diferentes tramos da mesma praia adoitan requerir intervencións diferentes, máxime en praias como a da Magdalena onde a problemática da zona sur non é a mesma conforme imos cara ao norte.

Outro aspecto importante é que, até agora, as intervencións sempre foron unha vez o dano estaba feito, polo que compre considerar si non é mellor adiantarse e previr, poñéndose á defensiva no outono.

Prego encarecidamente a quén esté preocupado pola correcta xestión deste patrimonio natural cedeirés a que descargue e lea a nomeada guía. E salientar asímesmo que hai moitos outros centros medioambientais que propoñen diferentes solucións, desde o emprazamento de rompeondas flotantes, desmantelables no verán, até barreiras físicas na zona EHWS ou nivel extremo de pleamar, pasando por numerosas solucións intermedias, desde logo, sempre máis aló do mero aporte de area, medida absolutamente inútil como todos sabemos a estas alturas.

2.1.Primavera de 2013. Pésimo estado da praia

 

 

Noiro (detalle).Foto: A.C

 

Animo a quén lé isto a dar unha volta pola praia, preto da beira. O temporal deixou ao descuberto as vergoñas dunha actuación técnica moi deficiente. Nas fotos vése sen lugar a dúbidas que en moitas ocasións o material aportado era absolutamente inadecuado, incluíndo residuos humanos como telas, botellas, vidro, zapatos… indignante, inadmisible, e por suposto denunciable antes as autoridades competentes en materia de Medio Ambente.

A Lei de Contratos do Sector Público, a anterior LCAP e o vixente TRLCSP 2011, establece que as condicións para desonvolver obras desta envergadura deben facerse en virtude do disposto nun prego administrativo e outro técnico, nos cales se determina absolutamente todo, incluídas as penalizacións por mor da mala execución da obra, o cal resulta evidente: vexan as fotos. Compre logo preguntarse si a administración competente velou debidamente pola correcta execución das sucesivas “rexeneracións” contratadas a empresas externas. Ou si alguén se decatou de que o recheo estábase a facer con material non contemplado nos pregos de contratación, si se estaban a aceptar material procedentes de obras de construcción que non cumplían os requisitos técnicos… e si alguén do “competentes”, antes de recepcionar a obra e proceder ao pago, verificou técnicamente a correcta execución da mesma, porque, á vista está que se fixo mal, e en consecuencia, o procedemento podería chegar á rescisión do contrato de obras, retención do aval, e consecuencias legais que puidera haber. ¿Por qué non se fixo? ¿Cumpríronse as directrices das Declaracións de Impacto Ambiental, o Programa de Vixilancia Ambiental, Medidas Correctoras, etc…?

Resumindo: xamáis na historia da praia se fixo tanto dano medioambiental á praia como neses sucesivos procesos da erróneamente chamada “rexeneración”.

Por iso, agora sería moi de agradecer que non se faga nada máis ao chou. Traballar sen pensar é coma disparar sen apuntar. Suxiro a creación dun grupo de traballo –áxil e non remunerado, por suposto- no que estén presentes os axentes sociais e a participación cidadán, chegando deste xeito a unha proposta de consenso. Hai alternativas. Podería aproveitar a ocasión para expor o que eu faría pero entraría en contradicción coa proposta de acadar ese consenso, sen impor ideas de ninguén, froito dunha análise polo miudo e logo actuar polo bencomún.

Si queren argallar algo mentres non se fai algo serio como o grupo de traballo, que comencen por retirar os pelouros espallados pola praia, rizóns, aparellos e basura xeral, pero non toquen a praia alta. Isto compre analizalo ben para non despilfarrar máis en custosas accións fuxidías.

E lembrar que, coma sempre, foi o mar o que nos amosou a cruda realidade. Loitemos con él, non contra del, porque estaríamos perdidos.

Unha historia natural da ría de Cedeira.Fin da parte 2

Referencias:

2 http://www.snh.org.uk/publications/on-line/heritagemanagement/erosion/sitemap.shtml

 

Antón P. Cribeiro é  cedeirés. Biólogo con DEA en Conservación do Medio Natural pola USC. Máster en Avaliación de Impacto Ambiental. Actualmente Xefe de Bioloxía do Aquarium Finisterrae. Museos Científicos Coruñeses. Concello da Coruña.  antoncribeiro@gmail.com

 

Para saber máis:

Unha historia natural da ría de Cedeira[1] Pasado


3 Comments

  1. Concordo contigo. E preciso un debate a fondo. Dende logo as medidas que se tomen deben ser para loitar polo noso patrimonio de xeito que este ecosistema poida ser salvado.
    Isto conleva virar de pensamento.
    Si cando eramos nenos poidemos disfrutar dunha praia e dunha ria en perfectas condicions agora toca voltar a establecelas dentro do posibel tecnicamente.
    Lembrar que o deterioro dun ecosistema trae consecuencias funestas e impredecibles.
    Eu apoio esta loita para recuperar o noso areal algo de valor incalculable.

  2. Anton P. Cribeiro

    Moitas grazas polos parabéns, pero o obxectivo non é recibir noraboas por textos, senón procurar o debate participativo en troques do voto pasivo cuatrianual. As novas tecnoloxías poden ser o alicerce deste motor colectivo, sen mesías nen líderes. Compartindo sen competir. Eu non vou impulsar nada ao estar fóra, pero si apoiar como ún máis si alguén colle esta teima de mirar polo noso, senón, quén vai facelo? Grazas Antom.

  3. Parabéns por o artigo (logo de ler esta 2ª parte fun directo a ler a 1ª, que se me tiña pasado). É moi ilustrativo, moi suxestivo e moi ben contado.

    A respecto do “grupo de traballo… no que estean presentes os axentes sociais” penso que é de común sentido democrático. Veremos o que pasa.

    No que dis da “participación cidadán” é un anceio de máis fondura democrática aínda: certo que a meirande parte non temos coñecemos técnicos, pero o propio debate é un bo soporte para a convivencia, para sermos colectividade fronte a un problema común, para facermos pobo… e non precisamente sobre area (agora xa non).

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off