off
Cedeira, Ciencia, Medio ambiente — 11 Marzo, 2013 at 7:19 p.m.

Unha historia natural da ría de Cedeira [1] Pasado

by
Este é o primeiro dunha serie de breves apuntes, totalmente abertos ao debate constructivo, sobre Cedeira e a problemática da ría. Pero antes, quería adicarllos á lembranza dun compañeiro desde os primeiros anos da escola até  a Universidade, onde me axudou a miúdo. Si él poidera seguro que estaría moi enrriba destes temas, como sempre estivo, cun compromiso activo a prol de Cedeira. Na súa ausencia, agardo non defraudarvos e achegar  algo que ogallá sexa de certa utilidade polo ben común.

A Xosé Antón Brocos Iglesias, Josechu

Parte 1 : Pasado

Cando en Cedeira había unha única praia


 

Carta Cedeira no id

Dín os antropólogos que, desde hai varios centos de miles de anos, en Galicia xa había asentamentos humanos que vivían da caza e da recolección. No Paleolítico superior (fai de 100.000 a 25.000 anos), coas melloras técnicas a importancia da pesca e o marisqueo gañou en relevancia nos poboados costeiros. Máis adiante, grazas ás excavacións desenvolvidas en castros emprazados en distintos puntos do litoral galego, amosouse que se deu un importante aproveitamento dos recursos do mar, como tamén da gandeiría e a agricultura.

Cedeira non foi allea á cultura castrexa ao quedar restos espallados como mudas testemuñas doutrora, o que confirma que a presenza humana nestes lares é milenaria. Máis para atrás non me consta que se saiba moito ou nada.  Emporiso, ao longo dos séculos as poboacións foron moi reducidas, polo que o seu impacto na contorna era mínimo. Conforme o número de habitantes foi medrando, comezaron os problemas ambientais.

Dando un gran salto no tempo, situándonos xa a principios do século XIX, atopamos varias cartas mariñas. Veñen a ser ferramentas gráficas moi doadas para entender a evolución do pobo, así como da praia e ría. Entre esas cartas, compre salientar a do Brigada Vicente Tofiño, de 1812.  Nela vése que tanto o perfil da praia como as cotas marcadas son abraiantemente semellantes á hoxendía.

Contra 1812  o perfil da praia como as cotas marcadas son abraiantemente semellantes á hoxendía.

Carta Tofiño (1812)

Repasando outras cartas, previas á de Tofiño e de menor precisión, decatámonos que Cedeira tiña, sensu stricto, unha única praia de gran extensión na baixamar, que abranguía desde San Isidro até carón do Castelo ou Batería da Concepción.

Quizáis isto podería explicar o nome orixinal de “Arealonga” á actual pequena praia camiño do porto, que agora de “longa” non ten nada. Certo é que, xa daquela, pequenos promontorios rochosos que iban desde a punta do Obispo (á altura dos xardíns vellos) até o Tiro facían imposible percorrer todo o areal a pé na preamar.

Setenta anos despois da carta de Tofiño chegou a fotografía, achegando información indispensábel.  Ollando unha instantánea que data de 1883, tirada desde Piñeiro, comprendemos ás claras a razón de que todo ese amplo lugar, que sen apenas casas extendíase cara á vila vella,  se lle chamara “A Area”.

 

Nunha panorámica de 1899, vése un pobo no que o areal chegaba moito máis enrriba que na actualidade, meténdose incluso na propia vila vella.

Ria de Cedeira (S.XVIII)

O século XX: Un pobo sobre un areal


Cedeira contra 1927

A principios do século XX, coa construcción do Malecón e da Praza do Peixe, Cedeira empezou a gañarlle espazos ao mar. Inicialmente, o proceso de urbanización foi lento. Proba delo é que aínda a finais dos anos 20 do século pasado, desde a ponte -á altura do Teatro Cine Arriví e o Villa Méjico– cara ao mar, era praia. Por entón, Cedeira non era máis cun pequeno pobo na marxe dereita da desembocadura do río Condomiñas, cunha poucas casas espalladas pola Area. Había unha ponte nova –que aínda está aí, outras a precederon- para atravesar da vila cara o vasto areal.

O mar chegaba moi arriba nas preamares vivas, e só existía cuberta vexetal lonxe da beira ao longo da praia da Magdalena, o que apunta a un importante dinamismo natural, por mor do réxime mareal e dos ventos na zona dunar supralitoral –na area seca- e,  en menor medida, polo mar de fondo, máis puntual e sen moita enerxía en termos medios anuais. Este son os motivos polos que, na baixamar, a praia que quedaba en seco presenta unha pendente moi pequena, case chá.  Nisto apenas mudou có paso do tempo.

 …a nova Cedeira non era o que pensamos agora, un pobo cunha praia, senón unha praia sobre a que estaba a medrar un pobo.

Mesmo na década dos 40 podemos ollar fotografías do Hotel Playa sendo area todo arredor. O propio nome do establecemento xa o dí todo. Este edificio consérvase hoxendía, facendo esquina na Praza de Galiza coa estrada a Régoa, si ben aquel areal está oculto baixo o asfalto.

Perto xa dos 60 temos excelentes fotos aéreas onde se vé que a praia apenas tiña cuberta vexetal. Por entón era a estrada de Ferrol a que marcaba, ao leste, unha cuberta vexetal baixa e arbustiva, máis densa nas zonas húmidas dos regatos, nas regas. Varias fotografías tiradas a pé de praia, ou desde Corbodelas, amosan que a nova Cedeira non era o que pensamos agora, un pobo cunha praia, senón unha praia sobre a que estaba a medrar un pobo.

A progresiva colonización urbana foi desde Piñeiro abaixo, abranguendo toda a Area, chegou polo norte cara o Condomiñas, e polo sur desde Cordobelas abaixo. Foi deixando de ter sentido aquela rivalidade de “ser da vila” ou “ser de Piñeiro” (ou da Area).

Peirao e pleamar nos anos 70s.Cedeira sen praia

Nos 70 xa había moitas casas, roeiros e estradas no areal, mesmo en ringleiras ata preto da praia. Nesa década, a construcción do Colexio “Nicolás del Río”, en pleno areal, daría lugar á carretera asfaltada desde o centro da vila “nova”,  a praza de Galiza, empatando coa que vai a San Isidro, sendo a primeira vez que un límite artificial separaba físicamente a praia en toda a súa lonxitude.

Foi a partires de entón cando se puxo de relevo unha das causas principais da alteración: as edificacións reprimiron o movemento dunar de xeito directo, á vez que facían de pantalla de abrigo aos ventos predominantes no verán, norte e nordeste. Estes ventos son os que redistribuían aquela area seca que no inverno, entre ventos de vendaval, mareas, e vagas de mar, daban á praia o aspecto propio da estación fría. O equilibrio dinámico da praia estaba esmorecendo.

Finais do século XX: Xurde unha nova Cedeira


Porto de Cedeira.Dique en obras (1975)

Paseniño, Cedeira foise convertendo nun pobo moderno, onde xa se albiscaba a aparición do turismo. Unha economía fundamentada no sector primario -pesca, madeira-, cun feble sector secundario –a construcción, básicamente, pois o tecido industrial quedou en residual co peche das fábricas de conservas-, e o despegue do sector terciario ou servizos –moblerías, talleres, tendas… As tascas mudáronse en bares, cafeterías, pubs, e restaurantes- para atender aos visitantes no fuxidío verán cedeirés.

No que atinxe ao mar, mediado o século XX trasladouse a subasta de peixe da praza que aínda leva o seu nome cara o Castelete, onde se foron facendo chabolas e galpóns para dar servizo á flota. Coma no presente, os barcos descargaban no peirao e logo fondeaban nas galgas, ao chou pola ría.

…non había inverno no que non remataran un feixe de lanchas e gabarras varadas na praia, con danos graves, ou directamente a pique.

Daquela non había dique de abrigo, polo que non había inverno no que non remataran un feixe de lanchas e gabarras varadas na praia, con danos graves, ou directamente a pique. Houbo moitos temporais que lembran os máis vellos, pero poucos como o de 1967, cando a flota quedou practicamente esnaquizada. Afortunadamente cóntase con bastante material gráfico do acontecido aquel día. Púxose de evidencia que ou ben se contaba cun dique de abrigo, como se estaba a facer nos demáis pobos pesqueiros, ou ben a flota seguiría sometida ás inclemenzas do tempo.

Temporal (1967)

A título anecdótico, convén contar que, o que semellaba ser un título honorífico, o de “Porto refuxio”, polo perfil de abrigo natural da costa, foi determinante para facilitar a construcción do espigón, ben que inicialmente íase facer un pequeno dique arredor do peirao vello. De terse feito a flota veríase incapaz de medrar. Finalmente fíxose desde a base da Batería de Concepción, o que permitíu ter una ampla rada protexida de fondeo, pero co seu correspondente impacto ambiental -desde o intre en que frea a ondaxe-, do que falaremos en vindeiras partes.

No eido funcional, abonda comparar as fotos da época, con temporais antes e despois do espigón, para decatarse do carácter vital que esa obra tivo na puxanza que tería a flota nos anos posteriores, tempos nos que Cedeira puido dar o máis grande despegue económico, e consecuentemente urbanístico, nunca antes visto.

Así chegamos (case) ao presente, logo de facer un breve percorrido pola historia, imprescindíbel para porse en situación. Vénme ao miolo o xenetista ruso Theodosius Dobzhansky cando dixo aquilo de que “Na Bioloxía nada ten sentido si non é a luz da evolución”. A cita é perfectamente aplicable neste caso, pois para entender a situación actual debemos analizar cómo chegamos a ela, para non repetir erros, e reflexionar moito antes de tomar medida algunha de cara ao futuro, pois é un feito coñecido que intervencións recentes para correxir a erosión da praia non obtiveron os resultados agardados.  Disto falaremos a fondo.

Cedeira medrou, si, pero tamén comenzou a recibir as facturas que pasa ineludibelmente a natureza. É sabido que nada é debalde.

 

Antón P. Cribeiro é  cedeirés.Biólogo con DEA en Conservación do Medio Natural pola USC. Máster en Avaliación de Impacto Ambiental. Actualmente Xefe de Bioloxía do Aquarium Finisterrae. Museos Científicos Coruñeses. Concello da Coruña. 

 

8 Comments

  1. Anton Cribeiro

    O artigo inclúe nada menos que sete imaxes, as que se entenderon máis relevantes, se ben non me lembro se enviei algunha máis aos de maquetación da revista. Se metemos todas as que se citan vólvese ilexible.

    Obviamente teño todas das que falo… e moitas máis, algunhas son copias impresas, outras dixitalizadas, etc… malia non as teño onde me atopo agora.

    Recomendaría a quen teña présa en ver si é certo o que se dí que se achegue á librería “La Paz”, e merque o libro de fotos antigas que recompilou acertadamente André López, Willy. Alí verá sen esforzo, e disfrutando, o que aquí se conta.

    Todo o texto está “referenciado” cos nomes dos lugares, a veces incluso exacto (Hotel Playa…), porque se poñemos coordenadas UTM nen usamos GPS, pois ao lector obxectivo do artigo non lle fai achega algunha ao contido, pois non é un proxecto técnico senón un texto riguroso pero divulgativo.

    As intervencións recentes foron un desastre, pois utilizouse material non apto, e isto non é unha conxetura senón unha evidencia. Que debería vixilar por cumprimento eficaz dos sucesivos contratos de obras non estivo á altura. Iso é outra evidencia.

    Sobre as raíces dos ramallos tamén teño foto. Acontecía cada x anos, por invernos especialmente duros. Mesmo a principios dos 90 o Olláparo xa falaba de sermos prudentes e incluso considerar non facer nada. Lembremos que a praia é enormemente dinámica e proba disto e a horizontalidade progresiva que vai collendo a parte superior por mor do sol, ao secar a area, e logo os ventos de NE-E. Pero volverá o inverno. O dinamismo é parte da natureza, esquecemos, construíndo nas beiras do mar e dos ríos que pode haber inundacións, etc… cando abondo escarabellar por calquer sitio da vila nova (tampouco vou xeoreferenciar) para atopara cascas de berbechos como sustrato onde se asenta un pobo.

    Insista, sobre iso dos ramallo da primeira liña dunar. Agardamos encantados este debate, a ver se sacamos máis datos positivos.

    Iso si, dado que pretede ser un debate con boa pinta, sería igualmente bo que asinara co seu nome real, para que saibamos todos quen é. Se un veciño, se un “técnico”, se unha empresa que fai amaños nas praias, home, iso tamén é interesante.

    Apertas

  2. Faltan las fotos que se citan:
    “Ollando unha instantánea que data de 1883, tirada desde Piñeiro” y otras (“abonda comparar as fotos da época”)

    Este artículo debería incluir, o al menos referenciar la localización de las fotos sobre las que se habla.

    Las intervenciones recientes para corregir la erosión de la playa se han hecho después de que previamente se mataran las raíces de los ramallos que asentaban la arena dunar de primera línea. Insistiré sobre este aspecto más adelante.

  3. Acaída e descritiva a imaxe que achegas, pois condensa moi ben a alteración, mesmo a “violencia” co medio, que levan aparellados os procesos de urbanización e industrialización: “a nova Cedeira non era o que pensamos agora, un pobo cunha praia, senón unha praia sobre a que estaba a medrar un pobo”. A invención da praia com concepto de lecer e descanso é moito máis nova do que se pensa…

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: