off
Contos, Cultura — 3 Marzo, 2013 at 8:22 a.m.

Lenda Esquecida

by

"A rica Gallaecia envía a súa mocidade, coñecedora da adiviñación polas entrañas das bestas, polo voo das aves e polas chamas divinas, a cal ou ben berraba bárbaros cánticos nas súas linguas patrias ou ben, tras golpearen a terra con golpes alternos de pé, se aledaba en bater ritmicamente os sonoros escudos". Épica Púnica. (Libro III. 344-347) Silio Itálico. Século I

Din, que outros contan que escoitaron… que houbo unha lenda xa esquecida, Que perdurou agachada entre eucaliptos e silvas aló onde outrora foran carballos, fontes e regas. Falaba dun tempo nada doado e moito máis lento, falaba dunha terra espida e da súa natureza, de medos, saberes e misterios doutras xentes, de veciños lonxanos que sementaron estes vales con sementes que aínda perduran. Habitou a lenda na esperanza das medras primaverais, mesturouse entre cheiros de herbas e flores e deixouse arredar por unha forza inexplicábel e renovadora, por correntes e sendeiros de zume e polen nun prolífico afán por continuar… revelouse a lenda en rubideiras verbas gabeadoras de cancelas e valados. Deambulou a lenda esquecida polos vales bretemosos da memoria, durmiu entre as penas profanadas das vellas croas, agachouse dos inquisidores nas noites meigas das fragas, nas fontes de auga, nas areas das praias. E sentiu morriña dos caducifolios outonos, dos sons doutras frautas e paxaros, do recendo de maceiras e loureiros ou dos concertos dos regueiros mas fervenzas de cen fontes. Din que outros din que escoitaron… que foi a lenda como ánima en pena,como conto sen ser contado, como memoria dun pasado atormentada polos ermos ventos do nordeste

Tags

2 Comments

  1. Grazas Pedro. A achega dende logo acrecenta mais aínda o humilde texto. Saude

  2. Pedro Velazquez Vilanova

    Fermosísimo, Fernando.
    Permíteme que o acrecente cunha achega:

    No ano de 138 a. XC., Décimo Xuño Bruto chegou ao Limia. En torno a este río tecérase unha lenda, a do río do Esquecemento, Lethes ou Flumen Oblivionis.
    Traspasándoo, entrábase nun mundo ignoto e sen retorno… porque xa nada do propio pasado se lembraría.

    Millares de anos antes, moitos antes aínda de se abeirar castrexos e alertárense reflectindo en espellos de bronce
    os raios de sol, unha impresionante civilización megalítica poboaba aquel arcano territorio.

    Brétemas inverosímiles, creadoras de almas melancólicas, agochaban receosas os cumios das serras e deitábanse preguizosas nos leitos dos ríos que traían, anovadas, augas dos mares planetarios.

    Audaces templos de pedra ateigaron o seu chan.
    Neles, desafiando os deuses, a humanidade soñou
    por vez primeira coa eternidade.

    Coraxoso, o procónsul Bruto cruzou o río portando o estandarte -insignia do poder de Roma que traía para aquelas tribos o destino de seren sometidas-, e chamou os seus soldados dende a outra orela, retomando a marcha asoballante.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off