off
Política local — 21 Febreiro, 2013 at 11:35 a.m.

Quen teme o superavit?

by

Que na situación de crise económica actual un goberno municipal se gabe de ter superavit é para tremer. Só se entende polo seu impacto mediático, esa ladaiña permanente coa que nos queren convencer de que non hai máis visión do mundo cá empresarial. En concreto, o exercizo de  2012 acabou con  586.269,80 euros de superávit. É o Concello de Cedeira unha S.A, unha sociedade anónima?É o seu obxectivo gañar diñeiro? Se dispoñen dese remanente que fixeron con el? A quen lle presentaron o seu programa de como investilo? Que os orzamentos sexan equilibrados  a máis de ser unha exixencia legal para a ortodoxia economicista aparenta ser tamén un requisito moral. Os orzamentos son previsions antes de comezar un ano. Cando se fechan, falamos de liquidacións, que poden ser con déficit ou con superavit. Cando o momento económico era millor que se liquidaran con superavit  podería ter razón de ser se obviamos que partimos dunha situación deficitaria en determinados servizos. Mais gabarse  per se de ter superavit non ten sentido nengún a non ser que se equipare unha administración pública  a unha empresa, sendo contraproducente se non sirve para reforzar as políticas sociais que, no actual contexto de crise, son absolutamente prioritarias e imprescindibeis.  Porén, mesmo seguindo a comparanza, as empresas emprendedoras saben que teñen que adicar os seus rendimentos en investimentos que lles aseguren a competitividade futura.  Deberían saber que os servizos sociais que se ofreceron en tempos de fartura xa eran moi cativos respeito ao resto de paises europeos. Por tanto o que alicerza a competitividade, seguranza e benestar do pobo é que a administración invista en cidadanía.

Para Maria Xosé Rodríguez (BNG) os orzamentos son   “insolidarios xa que non é lóxico que habendo superavit, e gabándose delo, se manteña a presión fiscal e se abandonen os servizos sociais con eliminación de persoal e horas de servizo”.

Para  Vergara (PSOE) ese orzamento amosa  «a incapacidade do goberno para executalo, renunciando á construción do niño de empresas”

Sendo asi, pregúntase o cidadán de a pé, como é que non se rebaixa a presión fiscal  e ainda se presuma de axilizar a recadación a través das cotas de licenzas urbanísticas e das contribucións especiais que convirten aos cidadáns en “prestamistas” do goberno municipal ?  Como é que coñecendo o incremento da taxa de desemprego no concello os últimos meses,  sigan sen priorizar as políticas de ocupación con medidas especiais dirixidas ás empresas?Por exemplo,  subvencionando a  contractación de personas inscritas nunha bolsa de traballo? Como é posibel que teimen en responsabilizar á Xunta e á Deputación e en plena críse amortizen  unha praza de auxiliar de axuda  no fogar? Non se trata de dar máis servizos con menos impostos, senón que estes sirvan a quen máis o necesita.  Están a reducir o gasto via personal. Malia ser o IBI  o ingreso principal do concello  (lei reguladoara das facendas locais, Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo) as familias que teñan -xustamente a causa da crise provocada polos raposos finanacieiros- problemas para o pagamento do IBI, terán facilidades e e axudas a través dos servizos sociais e económicos do Concello?

Como se pode afirmar sen rubor que o recorte en servizos sociais  esté vinculado a subvencións da Xunta e a Deputación, que seica son segundo Rubido as que reduciron a cantidade, e non facer previsión e provisión de recursos propios para tapar o furado, facendo valer as súas competencias? Estamos a xogar a ver quen ten máis superavit ou a atender as necesidades actuais dos veciños e veciñas castigados pola crise e pola falta de expectativas dos desempregados de máis de 50 anos e de grande parte da xuventude?.Velaí unha mostra máis da ideoloxía da austeridade aplicada ao día a día. A disciplina de gasto non entende de políticas sociais. O seguidismo acrítico da  caída dos ingresos e a subida de impostos aprobada polo executivo de Rajoy. O que non precisan os concelleiros populares é se na cantidade apetullada polo goberno municipal  inclue a rebaixa do seus soldos en xusta solidariedade coa cidadanía. Vai ser que non.  E tamén non se albisca intención ningunha de chegar a acordos coa oposición e coa sociedade civil para tirar adiante un pacto de reactivación.

Sería desexabel que o seu  celo recadatorio non acabará en mero titular de imprensa e lle digan á cidadanía cal é a súa política para incentivar a productividade, a economía e os investimentos. Cal é o seu plano de ocupación? Albiscaron a posibilidade de  implementar algunha partida para  subsidiar o IBI a familias monoparentais e familias con rendas baixas?

Mais o peso da ideoloxía contabel manda. Por iso é tan dificil entender que non se invista todo o que se precise, e máis  nunha situación de precaridade, cando temos tantos déficits estructurais básicos. A súa é unha visión empresarial da vida política, e non me estraña.

 

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: