off
Movementos sociais, Opinião, Pensamento — 13 Febreiro, 2013 at 10:14 a.m.

O compromiso polos pobres. Reflexión sobre a Teoloxía da Liberación

by
Van aló vinte anos da morte de Moncho Valcarce, coñecido como o cura das Encrobas por ter participado cos labregos  de Meirama na defensa das súas terras fronte ao intentos de expropiación da empresa de extracción de lignitos.  En 1987 saía do prelo San Esteban de Perlío o número 7 de Ollaparo cun artigo asinado por Ramón Varcarce Vega, daquela concelleiro do BNG en Culleredo, acompañado dos cadradiños de Gelo do Moure (Contos do Palmar de Troia (Romano).  O texto era un convinte á reflexión, a seguir lendo,  un chamado á interpretación da realidade a partir das categorías hermenéuticas da Teoloxía da Liberación, nas que os “pobres” deveñan suxeitos activos de emancipación e non simples obxectos nas relacións de  dominio. Sen perder o seu carácter didáctico o escrito dirixíase dun xeito directo a aqueles mozos que éramos. Sorprende, máis alá  do cristianismo comprometido,  o cristianismo da liberación  que alimenta non poucos aspectos do hoxe chamado altermundismo desde  o pensamento de Mounier e Boff entre outros, unha visión  afouta de transformación social onde non hai disonancia nen contradición entre a democracia radical, secularizada (separación entre Igrexa e Estado), e o compromiso dos crentes no eido sociopolitico. Cómpre pór de relevo como ese proceso emancipador vai da periferia cara o centro, daí que a súa categoría de pobreza sexa máis abranxente e inclua os procesos de inculturación e desposuimento da propia identidade cultural.

 

Nesta nosa magnífica revista, sementadora da NOSA CULTURA POPULAR, escribo como crente e abade, para comunicarvos esta pequena reflexión.Facer un traballo técnico non é doado en pouco espacio. O remate destas letras, quen teña paciencia de lelas, miraredes unha cativa bibliografía para o que sintades inquedanza, crentes ou non.

A TEOLOXÍA DA LIBERACIÓN é a teoloxía para os POBRES, dos POBRES e cos POBRES, pois son eles o suxeito activo da liberación, a forza histórica con capacidade para transforma-las estructuras sociais, hoxe por hoxe abafantes, INXUSTAS. A verdadeira EIGREXA son os POBRES, EIGREXA do Pobo crucificado que loita polo seu rexurdimento.

“Ditosos vós os POBRES porque voso é o Reino de Deus” Lucas 6.20

Mais, quen son os POBRES?

Paulo VI na Evangelli Nuntiandi n.30 (1975) e o documento final de Puebla, n.26 (1979), amosan os sinos da pobreza:”carestías, analfabetismo, enfermidades crónicas e endémicas, depauperación, inxustizas nas relacións internacionaes, en especial nos intercambios comerciaes,SITUACIÓNS DE NEOCOLONIALISMO ECONOMICO E CULTURAL…”

Polo miúdo son POBRES:

  1. Aqueles que crecen de bens materiais, sexa en referencia ás necesidades biolóxicas (vivenda, alimentación, vestido,…), e culturais( escolas, libros, centros de tempo libre,…), sexa en referencia ó que é un mínimo aceptable nunha sociedade.
  2. Seres humáns que sofren dunha maneira concreta: mulleres, obreiros en paro, mozos sin esperanza de futuro, labregos acaseirados, mariñeiros no peirao, enfermos mal atendidos,…
  3. POBRES son as crases EXPLOTADAS, as Razas MARXINADAS, as CULTURAS DESPREZADAS,as NAZÓNS sen Estado.

Por que hai POBRES?

Non os hai por causas naturais, como se foran lóstregos ou xiadas. Nin moito menos por casusas sobrenaturais, como cousa querida por Deus – quen tal cousa pense é un blasfemo-.

Hai POBRES por factores, causas, históricas: dunhamaneira xinveliña isto vén dicir: HAI POBRES PORQUE HAI RICOS, hai crases explotadas porque hai explotadores, hai Paises subdesenvolvidos porque hai IMPERIALISMO.

Cal é, en consecuencia, o interés da Teoloxía da Liberación?

Crear unha acción cristián que sexa efectivamente dos POBRES e cos POBRES.Non é soio cousa académica, é por enriba de todo, POLÍTICA, HUMANA e RELIXIOSA. Para conquerir esta acción pártese dos seguintes medios ou mediacións:

1. Mediación socio-analítica (análises da realidade social-VER)

Hai dúas tendencias ou escolas:

a.funcionalista: mira á sociedade como un todo ortánico. Esta é reformista porque soio se preocupa do funcionamento do sistema que se considera bó e hai que mantelo. É a visión dos que teñen o poder.

b. dialéctica: ve a sociedade como conxunto de forzas en conflicto e tensión, que teñen a súa nacencia na OPOSICIÓN de INTERESES: os do poder e os do POBO.Atende ós desequilibrios sociais, inxustos e inhumáns, e ós conflictos que xeneran.Esixen unah reviravolta do sistema social para que poida, existir maior xustiza.É a visión dos que non teñen o poder, os POBRES: polo tanto é o medido de análise da Teoloxía da Liberación.

2. Mediación hermenéutica– XULGAR

Hermenéutica é a ciencia da interpretación pola que podemos chegar a comprender o senso orixinal de textos que xa non son comprensíbeis para a xente de hoxe,por exemplo a BIBLIA, para comprendela hai que interpretala.

Con axuda da hermenéutica se elaboran os criterios teolóxicos con que lemos a realidade na que estamos a vivir.

Como saber o que Deus quer decirnos sobre a POBREZA? Mediante a FE e as ESCRITURAS identificamos a presencia ou ausencia de Deus na realidade.Alí onde a análise social di POBREZA, a FE di PECADO; onde a análise di acumulación privada e excluinte de riqueza, a FE di PECADO SOCIAL, SISTEMA SOCIAL INXUSTO. Se vivimos nunhas estructuras de pecado,polo tanto de ausencia de Deus, os crentes teñen que loitar para restablece-la situación de GRACIA; isto quer dicir: loitar contra as estructuras económicas e políticas que xeneran POBREZA, PECADO, ausencia de DEUS.

3. Mediación  Práctica-Pastoral– ACTUAR

Que facer? Estar atentos, cos ollos ben abertos, ó conxunto de forzas sociais económicas, políticas, ideolóxicas, represivas, relixiosas,…para non ser engaiolados e para actuar nos momentos prcisos, non soio con palabras e manifestos, senón dunha maneira directamente política que vaia empuxando á sociedade á supresión da POBREZA.

Alí onde o inxusto poder poña o seu bandullo insaciable, os cristián teñen que estar presentes coa súa acción en defensa dos POBRES.”Ninguén pode servir a dous amos, pois ou terá xenreira a un e amará ó outro, ou ben atenderá a un e menosprezará ó outro; NON PODEDES SERVIR A DEUS E MAIS AO DIÑEIRO” Mateo 6.24

Non se pode amar en xeral, hai que amar en particular. Non se pode amar ós oprimidos sen enfrentarse ós opresores.

“Pode dicir alguén: “tí tés a fe e eu teño os feitos”. Amóstrame a túa fe sen feitos que eu polos feitos heiche amostrar a miña FE… O mesmo que un corpo sen alento está morto, así tamén a fe sen feitos morta está“.Santiago 2.18.

Para rematar, polo escrito vos decataríades, a Teoloxía da Liberación vén ser “UN PETOUTO DE ESCANDALO”, necesario para que uns caian, os insinceiros que abenzoan o poder, ou orden establecido; para que outros, os máis, se ergan e camiñen cara a LIBERACIÓN.

“Ben-aventurados os que teñen fame e sede de XUSTIZA, porque eles serán fartos”.Mateo 5.6

“Ai de vós, os que agora rides: xa choraredes e vos lamentaredes”.Lucas 6.25

Referencias:

– Piñol, Josep M. Iglesia y liberación en América Latina.Barcelona: Marova, 1972

– Boff, Leonardo. La fe en la periferica del mundo. El caminar de la Iglesia con los oprimidos.Santander:Sal Terrae, 1981.

-Boff, Leonardo. Iglesia: carisma y poder. Ensayos de eclesiología militante. Santander: Sal Terrae,1984.

-Sobrino, Jon. Resurección de la verdadera Iglesia. Los pobres, lugar teológico de la eclesiología. Santander: Sal Terrae, 1984.

-Lois, Julio. Teología de la liberación. Opción por los pobres. Madrid: Iepala Fundamentos,1986

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off