off
Cultura, Poesía — 7 Febreiro, 2013 at 1:52 p.m.

Testamento do Antroido, en homenaxe

by
Polo tempo do entroido, as nosas xentes, ademais de disfrazarse, troulaban cantando coplas propias deste tempo ou cántigas e recitativos  que servían de escarnio e de crónica social, coma este  “Testamento do Antroido”. En homenaxe póstuma ao señor Sabino, grande parceiro de Olláparo e poeta popular de noso.
Xosé Muiño “O Sabino”, Publicado no Olláparo núm.11,1988
 
 
 

Testamento do Antroido

O Antroido, este ano

fixo, unha folga no mar

para que, os mariñeiros

se poideran disfrazar.

Folgas, para pagar menos,

Folgas, para cobrar máis.

Non poderemos un día

pillar o ceo coas máns?

Según me dixo o Antroido

as folgas van ir ao lombo,

que onde quitan e non poñen

chégase axiña ao fondo.

Os barcos están amarrados,

a roupa de auga na tilla

pero o sábado, lardeiro,

xa ninguén tivo partilla.

Bucaron os carnavales

para non gañar cadela.

Como ha de ferver o pote!

Como ha ruxir a tixola!

Fóronse para Coruña

moitos barcos de Cedeira

pero foron os máis grandes

que teñen boa costeira

Cos barcos, van os patróns

pero non van, de larpeiros;

din que van a defender

os dereitos dos mariñeiros.

Andaban pola Coruña

coas fazulas vermellas,

puxéronse coma pepes

nun hotels de catro estrelas.

Tamén pasaban a noite

bastante ben, divertido

se non fora, estar tremendo

ao viren cargados de viño.

Atoparon có Antroido

polas rúas do Orzán,

ía cun lote de grelos

e tamén un bó, marrán.

O marrán estaba gordo

ten dous bicos e dous rabos;

os grelos, trouxoios de Lugo,

alí hai mellores nabos.

O marrán tivo que andar

ás verdes e ás maduras

polos bairros da Coruña

comendo nas barreduras.

Cun bó pelexo de viño,

os grelos e  o marrán

vén para Cedeira o Antroido

nun barco do Ganapán.

Cando chegaron á Vila,

dille ó galo, unha viciña

Tí tamén fuche á Coruña,

non galeas á galiña?

Sinteuna falar a sogra

dixo bó, deixa xear!,

cando se acabe a Coresma

xa volverá galear.

Foron comer, o marrán

Á Casa do Pescador,

un rabo, foi para o Antroido

outro para o Patrón Maior.

Os mariñeiros da Vila

téñenlle noxo ó fuciño,

porque fozou, na Coruña.

Moularon ós de Cariño!

Pero para os de Cedeira

houbo unha boa fartura,

de grelos e de marrán,

pan de broa, e de mestura.

Bébese o viño por cuncas,

era bó ribeiro anexo,

miña cunca, túa cunca,

baleirouse o pelexo.

Alí había disfraces

para todos, a escoller,

os homes máis abultados,

disfrázanse de muller.

Ian tan provocativas

que algún picou, de igñorante,

porque chegou atoparse

cunha trompa de elefante.

Que disfraces alí había

Nunca mellores, os vin

o Antroido, disfrazouse

con traxe de bailarín

 Moitas mulleres da Vila,

as que son ben aubradas,

asemellando á Sabrina,

aparecen disfrazadas.

Disfrazáronse, de homes

as que son coma cachelas,

nunca se viron bigotes

comoa os que levaban elas.

Con estas falcatruadas

algo ten que suceder,

que moitos homes casados

engánanse de muller.

Sendo polos carnavales

xa anda un, disfrazado,

o Antroido sempre dixo

que iso, non é pecado.

Todas bailan co Antroido,

xa o deixan sen alento,

está tremendo a un infarto,

mandou facer testamento.

Consultouno un curandeiro

e ten o corazón gastado,

e morreu na praza Roxa,

bailando o taconeado.

Como bailaba o Antroido!

Que tipo de cigano,

tódalas mulleres, choraban,

limpando as bágaos co pano!

Xa deixou no testamento

todo moi ben repartido

co traxe de bailarín,

que quería ser ardido.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off